Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

06/12/23

Proxecto Neo, 401.13: Izan Maseda e Nicolás Amorín; Jimena e Pablo Domínguez; Martín Barcia; María Fuente



Primeira entrega feita unha vez superada a barreira dos 400 programas. Celebramos o momento coa incorporación de dúas novas voces: as de Izan Maseda e Nicolás Amorín, que aproveitaron extraordinariamente ben as dúas xornadas de observación directa en que xa tiñan participado no estudio.

Unha filla (Jimena) e un pai (Pablo) fixeron un esforzo nas súas axendas e subiron ao estudio para comentarnos os preparativos dunha viaxe educativa a Bélxica, organizada pola Escola de Ensino Infantil e Primario Vista Alegre. Pablo Domínguez falou moi pouco. Non era necesario. A intervención de Jimena estivo á altura da iniciativa que mantén a comunidade da escola, con participación activa de todos os sectores implicados: colosal.

Entre os minutos 45 e 60 tivemos dúas novas entrevistas: Yanira conversou con Martín Barcia, premiado nun certame de artes plásticas convocado polo Concello de Burela; e Hugo falou con María Fuente sobre as actividades do Grupo de Participación Adolescente de Burela, que participou nun acto institucional no Parlamento de Galiza.

Foto de familia do programa 401, o da plena incorporación de Izan Maseda e Nicolás Amorín. Acompañáronnos Jimena e Pablo Domínguez, en representación da comunidade educativa da Escola Vista Alegre; Martín Barcia, deseñador premiado recentemente; e María Fuente, que fixo de portavoz do Grupo de Participación Adolescente do Concello de Burela.  

Deseño de Héctor Manasé para a comunidade educativa da Escola Vista Alegre. Os beneficios das vendas destes produtos está destinado a financiar unha viaxe de estudos a Bélxica.


Sem comentários:

Enviar um comentário