Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

27/04/23

Proxecto Neo, 384: Miruca Parga; Mónica Alonso; Pedro Jorge Pereira; Antía Neira Fraga; Mateo Corral Caamaño


A profesora Miruca Parga recomendounos a lectura dun libro de Rosa Aneiros: Resistencia, narrativa en homenaxe á revolución do 25 de abril.
A segunda colaboración foi preparada pola tamén profesora Mónica Alonso, da área de Educación Física. Neste caso fainos crónica da presenza na Mariña dun Grande Mestre do TAI CHI.
A música dos Azeitonas abriu ás portas a unha conversa con Pedro Jorge Pereira, responsábel da empresa Slow Motion Tours. No dia 23 de abril, Pereira participou nunha palestra no Centro Social Xebra para realizar unha análise Eco-Social da cidade do Porto nas décadas mais recentes. Este guía de visita, que colabora con institutos e escolas oficiais de idiomas de toda a xeografía galega, organiza roteiros e programas turísticos alternativos. Con eles pretende proporcionar unha forma diferente de coñecer e envolverse nas realidades locais.
Con Antía Neira Fraga, do Barral de Cima (Mondoñedo), falamos dos estudos de Sanidade Animal no Instituto de Fonteboa, en Coristanco. Ao mesmo tempo, tamén fixemos referencia á súa granxa familiar con sede na parroquia natal; e mesmo dedicamos uns minutos ao concurso de razas animas celebrado na cidade de Xixón.
Nos minutos finais recibimos tres novas voces: a de Mateo Corral Caamaño, Vreixo Cao Lamelas e Celtia Gallo Gasalla.





20/04/23

ENTREVISTAS CON DIEGO

 Diego Madarnás é estudante no Instituto do Milladoiro. Desde que entrou no ensino secundario colabora na radio escolar. Para alén de dirixir o seu propio programa, tamén colabora noutros e tamén se ocupa da xestión dos medios técnicos.

Este é o canal en que están recollidas as diferentes entregas do seu programa: Entrevistas con Diego.


Diego Madarnás entre unha compañeira e Bernardo Penabade durante un momento de descanso do encontro Enreguéifate, celebrado en Santiago de Compostela.

Proxecto Neo, 383: Jorge F. Viso, Noel Cayón e Óscar F. Aldana (S.D. Porto de Burela); Diego Madarnás (IES Milladoiro)


O grupo de estudantes no momento da entrevista. Yanira Lopes e Sara Villarquide conduciron as conversas e Hugo Fernández fixo a locución narrativa. Nesta ocasión a fotógrafa foi Carme Gallo Gasalla.



Tres futbolistas escollidos para a selección sub-13 representativa da provincia de Lugo (Jorge Fernández Viso, Noel Cayón Meitín e Óscar Fustes Aldana) foron entrevistados nunha das aulas do instituto durante o tempo de recreo. De conducir o espazo ocupouse o seu compañeiro Hugo Fernández Galdo; Yanira Lopes Martins e Sara Villarquide Fraga dirixiron as conversas. De fondo escóitanse os ruídos propios dun momento de descanso, mais a entrevista gaña en espontaneidade.
A conversa gravada é un documento moi interesante tanto para o deporte como para a cultura e a educación.
Na segunda parte do programa conversamos con Diego Madarnás, de 4º de ESO, un magnífico exemplo da pedagoxía que se está aplicando neste momento no Instituto do Milladoiro.
O protagonista da última entrevista é Germán Quintana, de primeiro de ESO, un dos integrantes dun grupo de improvisadores que participou con éxito no certame Enreguéifate.

Germán Quintana, habitual entrevistador, foi un dos entrevistados.
A fotografía é de Lucía Rivas.

Óscar Fustes Aldana foi entrevistado por Sara Villarquide.

OUTRAS REFERENCIAS





12/04/23

Proxecto Neo, 382.12: Maribel Crecente; Antonio Reigosa; Luísa Diéguez


A recomendación literaria da profesora Maribel Crecente abre o programa 382. O primeiro entrevistado foi o escritor Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo. Convidounos ao acto de homenaxe a Cándido Carreiras a celebrar o próximo día 15 de abril, coa inauguración dun monumento funerario no cemiterio civil da localidade.
Na segunda parte do programa falamos con Luísa Diéguez, profesora no instituto Rafael Puga Ramón e autora dunha exposición fotográfica centrada na deturpación da toponimia galega.