Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

26/12/13

Máis punto-de-encontro

RECIBIDO
PARA 
COMPARTIR COA AUDIENCIA

(Clica na imaxe para a ver a tamaño natural)

Grazas, Nicola Berminghan

24/12/13

Boas Festas

PUNTO DE ENCONTRO

Desde o día 4 de xaneiro de 2012, Proxecto Neo leva ás ondas cada semana unha mensaxe cargada de boa disposición para a convivencia en pé de igualdade; e de educación en valores como o orgullo polo propio e o coñecemento e o recoñecemento polo dos demais.
Sirva esta fotografía de Maca Ledo Vázquez mostrando un exemplar de Termodonte e outros contos, de Begoña Martín Acero, como mostra da nosa vontade de continuarmos servindo de punto de encontro.
Boas Festas!!
Proxecto Neo

18/12/13

Proxecto Neo nº 74.3. Programa especial Boas Festas

Serxio Rivas, Aitor López e Simón R. Rouco nun momento do programa

ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

Continuamos aproximándonos ao número 75. Facémolo na medida en que vai chegando 2014. Neste programa especial Boas Festas contamos coa condución de Maca Ledo, que estivo asistida por Karina Parga só puntualmente. Despois da música de Berrogüetto, entramos de cheo nas entrevistas magnificamente feitas por Serxio, Aitor e Simón.
O primeiro convidado felicitounos as festas en punjabi, unha das linguas do Pakistán; despois recibimos unha nova visita de Dani Ladra, agora con destino en Avignon, onde dirixe un equipo de Fútbol Sala.
Ademais de escoitar os desexos de Boas Festas en francés, tamén o fixemos en ruso. Unha vez máis, visitounos Daria Baakteva e, como sempre, descubriunos os encantos do seu país.
No programa especial escoitamos tamén a música de Tino Baz, o cantautor da Guarda, que nos interpretou un tema típico do Nadal. Coa vibración positiva que nos transmitiu a súa música, recibimos a Tania Menéndez, licenciada en Filoloxía Inglesa e profesora en prácticas no Instituto Perdouro. Con ela conversamos sobre a aprendizaxe de linguas.
 Antes de marcharmos, recibimos o Apalpador e fixemos crónica dunha viaxe a Marrocos. Seis días na estrada: tres para ir e outros tantos para voltar. Co noso guía, marroquino, tamén percorremos os mercados da Mariña, de Ribadeo... a Cedeira.
Finalmente, tivemos unha visita especial: a do noso director, Santiago Pérez Docobo, que felicitou persoalmente o equipo polo desenvolvemento dos programas de Radio Escolar. 
Nos minutiños derradeiros, a despedida feita por Aitor López fundiuse cos acordes de Mamá Cabra.

11/12/13

Proxecto Neo nº 73.3 - Diego Larrosa + Toño Núñez + Ruth Martín

ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

Abrimos o programa 73.3 cunha fermosa canción de Pink. Recomendóunola o noso primeiro convidado, Diego Larrosa, que a descubriu a través da profesora Ana Bugarín, da área de Lingua Inglesa. Diego recoñece que non a cantou (por exceso de vergoña), mais di que se deixou captar pola melodía e que se fixou moi atentamente no significado da letra. Boa proba de que lle encantou é que nos pediu que a puxésemos de primeira.
Cando nos dispúñamos a falar con Diego, recibimos unha chamada en directo. A sorpresa agradabilísima déunola Toño Núñez, coordinador do Equipo Normalizador do IES do Camiño de Palas de Rei, quen atendeu á mensaxe circular que enviamos no comezo do curso a todos os centros de ensino secundario de Galiza. O profesor Núñez chamounos para nos recomendar dous posíbeis entrevistados para o programa: un profesor orixinario de Asturias e unha alumna chegada da illa de El Hierro nas Canarias. En vivo e en directo, manifestámoslle o agradecemento pola colaboración e nomeámolo embaixador de Proxecto Neo no seu centro educativo.
Finalizada a chamada, fixémoslle a entrevista a Diego Larrosa, que falou "como un libro aberto". Impresionounos moito a súa soltura á hora de nos explicar o cosmopolitismo da súa familia, a chegada á nosa terra en 2003 e os factores que favoreceron a súa integración realmente inmellorábel. Como cereixiña final, a resposta á pregunta "fóra de guión" feita por Simón R. Rouco: Diego é sobriño-neto de Oscar Washington Tabarez (treinador da Selección Uruguaia de Fútbol, aquela que xogou no Estadio San Lázaro de Compostela o primeiro partido da Selección Galega na etapa contemporánea, nun histórico 29 de decembro de 2005).
Na segunda parte do programa, despois da clásica pausa musical, puxémonos en comunicación con Ruth Martín, a vocalista dos Folkgazais.
Así nola presentou o noso Serxio Rivas Valiña:
  A historia de cómo contactamos é ben bonita. A produción fíxose a través do correo electrónico. Nós puxémonos en contacto con Ruth Martín, a vocalista do Conxunto Folkgazais. Pedíamoslle algúns datos sobre ela e sobre o grupo. Nese mesmo día, xa tivemos a resposta que agora compartimos coa audiencia.
Fixádevos que maravilla. Isto é o que nos respondía Ruth:
Boas! Aqui vos redacto algo de informacion.
 Comecei tocando a guitarra na casa co meu pai...músico autodidacta. E  no  colexio  fixen  folk asturiano. Formei parte  das  9 nenas da rondalla do colexio publico A Paloma (de Castropol, pois eu son das Figueiras).
 Ese  vrao comecei a  cantar  e tocar bandurria na rondalla de veteranos de Ribadeo, dirixida  por  John Rutheford,  e  só  un ano despois  matriculeime na escola municipal de  musica  de  Ribadeo,  co  fin  de  tocar  o  saxofon  na  banda  municipal dirixida  por Hernán Naval Parapar, home que levo comigo cada dia.
Nos anos  seguintes ­por motivos laborais­ desvinculeime da música. Grazas a  ese traballo persoal de Hernán Naval os músicos da banda sempre fomos unha pequena familia...  entón  pedinlle  a  unha  grande percusionista que me ensinase un pouco a tocar a pandeireta.
Así  foi  como  me  acheguei  a  Amigos  da  Gaita  Galega  de  Ribadeo  para  cantar  e tocar un pouquiño. A través deles enteireime que Folkgazais precisaban  vocalista e púxenme en contacto con Abel, o acordeonista do grupo.
Levo  xa  dous  aniños  ..e  grazas  a  eles  retomei  en  serio. Por  traballo  cheguei  a Santiago. Co empuxe de Abel ­que adoro, porque é unha das mellores persoas que coñezo­  matriculeime  na  escola  livre  A  Central  Folque,  dirixida  pola  nosa  veciña Ugia Pedreira.
Así comecei a  estudar técnica vocal. Para poder dar todo o mellor de min ao grupo. Como a vida é unha constante  sorpresa,  a escola deume a oportunidade de gravar un  tema ­ xunto co resto de alumnos de A Central Folque­ no novo disco de Kepa Junquera titulado Galiza.
 E a vida deume tamén a oportunidade de coñecer e disfrutar cada dia de profesores coma Davide Salvado nominado aos premios da musica galega que se celebra este venres; de Ugia Pedreira, a quen adoro; e de Paulina, con apelido polaco imposible de pronunciar (Ceremuzynska)!
Se precisades mais información, pedide
Saudiño!
Ruth Martin

Como foi o resultado? Escoiten a entrevista déixennos algún comentario. Así sabemos se coincidimos na avaliación.

04/12/13

Proxecto Neo nº 72.3 - Adán López Sotelo + Txerra Rodríguez + Miguel Arce


A nosa locutora Maca Ledo abriu o programa 72.3 poñéndolle a voz a un breve fragmento de Termodonte, a primeira entrega narrativa da escritora Begoña Martín Acero, que nos fixo partícipes das tribulacións dunha muller que se ve obrigada a escoller entre a condición feminina e a pertenza á etnia nambiquara. Loxicamente, non quere perder ningunha das dúas. Por iso se rebela. E fai ben.
Despois desta introdución literaria, emprendemos viaxe polas terras comprendidas entre os Oscos e os ríos Eo e Navia sempre da man de Maca. Estivemos na Veiga, en Castropol e en Porcía, onde descubrimos a convocatoria dunha festa rachada. Acabamos falando de Miúdes, da Miudeira e dun tratante.
Con outro tratante falamos a seguir. Neste caso cun tratante de vinte e poucos anos, que nos atendeu desde Ourense. Adán López Sotelo falounos da compra-venda de vacas, becerros, ovellas e cabras. Presentounos o seu traballo e fixo unha valoración das máis importantes feiras e mercados do noso país.
Na segunda parte do programa conversamos con Txerra Rodríguez, o tradutor de Séchu Sende para o Euskera. A pregunta que lle fixemos foi difícil: "Despois da morte biolóxica, a cultura aínda permanece viva"? A resposta foi clara: "si". O entrevistado falounos da Lingua Viva, das Palabras que non leva o vento. Presentounos cifras impresionantes. Desas cifras que levarían os pesimistas á renuncia final e que a nós, ensinantes vocacionais, nos estimulan a buscar a afinación do discurso. Porque -tarde ou cedo- a pedagoxía logrará a transformación.
Nos últimos minutos, desde Cacabelos, atendeunos o profesor Miguel Arce. Foi a primeira vez que falamos sobre o ensino da Lingua e a Literatura na comarca berciana. A escaseza do tempo obrigounos a pedirlle ao profesor que nos atenda noutra ocasión, porque ficaron moitos temas no tinteiro.

27/11/13

Proxecto Neo nº 71.3 - Marina Mayoral + Galego en Londres


ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

SE CHE PEGAN, DEFÉNDETE


"Vén de facerse público un informe do Goberno sobre igualdade e prevención de violencia de xénero referido aos adolescentes. Os datos son preocupantes e parece que vamos a peor. Case un terzo das adolescentes sofren algún tipo de control ou imposición por parte das súas parellas e un tres por centro confesan ter sufrido agresións físicas. No informe aparecen datos que vinculan esa violencia ao comportamento dos adultos que transmiten a idea de que os celos son unha expresión de amor, idea errónea e nefastas consecuencias". As palabras de Marina Mayoral, tomadas directamente da súa columna xornalística, serviron para entrarmos en materia guiados pola voz de Maka Ledo.

Por xentileza de Radio Burela, puidemos reproducir integramente o programa Recuncho de Ler protagonizado por Marina Mayoral. Despois de escoitar ese magnífico documento sonoro, comezamos a nosa tertulia "ao vivo" coa escritora, que nos atendeu desde Pontevedra. Con ela falamos da familia Mayoral chegada desde Toledo para se asentar na capital da provincia mindoniense. Falamos de interculturalidade e chegamos á Compostela da Xeración das Festas Minervais para recoller o maxisterio de Ramón Piñeiro e Xosé Luís Franco Grande. Nuns segundos, demos o salto ao Madrid por cuxas rúas vagou o afiador Brais Pinto. A profesora Mayoral recordou con emoción a súa relación con Reimundo Patiño, Luís Gonçález Blasco "Foz", Xosé Luís Méndez Ferrín, etc, etc.
 Na última parte do programa fixemos unha panorámica das actividades programadas polos Centros de Ensino Galego de París, Madrid e Deusto. Fixemos parada especial no Instituto Cañada Blanch de Londres. A nosa Sra. Condutora presentounos unha visión panorámica da inxente cantidade de actividades programadas por ese departamento didáctico da capital londinense. A audición das intervencións dunha alumna e un alumno foi sinxelamente excepcional. Desas pérolas únicas que aparecen en Proxecto Neo.

20/11/13

Proxecto Neo nº 70.3 - Macarena Ledo, Rubén Fernández e Paulo O'Lema


Programa 70 da terceira etapa. Abriuno, con voz poderosa, Simón Rodríguez Rouco. Despois escoitamos novamente música de Ovidi Montllor, en recordo da entrevista que na semana anterior lle tíñamos feito ao profesor Pere Comellas Casanova. Así, como sen sentir, abrimoslle as portas a Macarena Ledo Vázquez, que nos falou das súas Asturias orixinais (da do ocidente, na Caridá; e da da conca mineira). Con ela consersamos tamén sobre creación literaria e sobre o uso das novas tecnoloxías.
Entre a música de Xenreira e as Samesugas mantivemos tertulia con Rubén Fernández Rego. Con el reflexionamos sobre a típica situación de desgaleguización ambiental e escolar. Tamén con el abordamos a non tan común regaleguización, esa transformación que chega coa maduración.
Despois, a través da voz de Paulo O'Lema, coñecemos as actividades que promoven as factorías de neofalantes de Deusto, Gastéiz e Madrid. Como non puidemos manter comunicación telefónica coa profesora Carme Lamela, Karina Parga botou man do blogue e presentounos as actividades a celebrar na Casa de Galicia da capital do Estado.
Finalmente, recibimos a chamada de Evinha, que nos fixo partícipes do concerto que, con Marcos Roca, ofrecerá nun local hostaleiro de Lugo.


13/11/13

Proxecto Neo nº 69.3 - Pere Comellas Casanova + Ramón Reimunde Noreña



Fixemos o programa nº 69 con dúas ausencias xustificadas. Faltábannos Karina Parga e Aitor López (este en "misión biolóxica"), mais tivemos o alento de Xeila Villarino (que nos acompañou a través das tecnoloxías da comunicación).
Despois de escoitar o recitado de Ovidi Montllor e a guitarra de Toti Soler, saudamos o profesor Pere Comellas Casanova, que nos atendía desde Barcelona. O tradutor para catalán de Teresa Moure, Marilar Aleixandre e Agustín Fernández Paz explicounos como foi o seu primeiro contacto co idioma galego e comentounos as súas relacións fluídas cos departamentos de Lingüística das tres universidades galegas. Tamén tivo unhas palabras moi cariñosas para as persoas implicadas no Proxecto Galauda, que implica a universidade e diversos centros de ensino secundario da cidade condal nos que se ensinan a Lingua e a Literatura Galegas.
Na segunda parte do programa, falamos co profesor Ramón Reimunde Noreña que foi presentado "a dúo" por Serxio Rivas Valiña e Simón Rodríguez Rouco con estas palabras:
"É un profesor e escritor galego nacido en 1949 na parroquia focense de San Martiño de Mondoñedo. Estudou Enxeñaría Naval en Oviedo e Madrid, Náutica na Coruña e diversas Filoloxías en Santiago de Compostela.
Foi piloto e  capitán da Mariña Mercante, con título do mesmo ano en que licenciou en Filoloxía (1979). Desde 1981 exerceu a docencia de Lingua e Literatura en diversos centros de ensino secundario, facéndoo desde 1992 coa condición de Catedrático.
En recoñecemento ao seu currículo brillante, foi recoñecido como membro da Academia Galega da Língua Portuguesa".
Co profesor Reimunde falamos da experiencia de ser neofalante entre os 18 e os 20 anos. Despois centrámonos na súa faceta de silvicultor. Fixémolo coa inspiración do célebre poema de Ramón Cabanillas:

SEMENTADOR


                       A Basilio ÁLVAREZ

¡Sementador! O trigo dos veirales


mostra as espigas mestas e douradas,

e as segadoras fouces, afiadas,

teñen tráxico brillo de puñales.



O teu verbo, estalante nos pinales,

troca, ó chegar ás chouzas das valgadas

os salaios das gorxas abafadas

en ruxidos guerreiros e trunfales.



A aldea erguéuse e-o craror da aurora

agardando a siñal, e non sosega

en axexo da loita vingadora.



¡Xa a lus do sol do mediodía cega,

sementador! ¡Sementador, xa é hora

de dar o berro e comenzar a sega!

06/11/13

Proxecto Neo nº 68.3 - Alberto Rivera Caboalles

No programa 68.3 entrevistamos a Alberto Rivera Caboalles, enxeñeiro de telecomunicacións e profesor de Sistemas Electrónicos no Instituto Perdouro.
Con el comezamos falando de música e novas tecnoloxías. Antes de escoitar a Adele, o noso convidado explicou as razóns da súa escolla: o éxito alcanzado grazas ao aproveitamento da tecnoloxía de última xeración.
Despois viaxamos á serra mineria que separa León de Asturias e coñecémola na voz dun nativo daquela terra, que nos falou de Babia e doutros paraísos colindantes. Tamén nos presentou a súa "familia itinerante", que o trouxo sendo moi neno a Becerreá, e de Becerreá a Monforte, Vigo, Vilagarcía... e agora a Burela.
Na última parte da tertulia chegamos a falar dunha empresa emblemática do sector das telecomunicacións: Televés. Coñecemos o punto de partida da empresa e recollemos as impresións dunha persoa que traballou no departamento de relacións exteriores.
No final do programa, retornamos ao punto de partida: a Mariña. Fixémolo escoitando o "Romance da Lavandeira" na versión dos Nordés.

30/10/13

Proxecto Neo nº 67.3 - Conceição da Silva e Ismael Igrejas


ENLACE AO PROGRAMA

Unha noite máis...// miro o ceo e aí están// seis estrelas abrazan o mar...// foi entón cando vin pasar// unha estrela fugaz

Así comezamos. Cunha canción da banda Amaterasu feita sobre letra e música dun mozo da Mariña: Ismael Igrejas da Silva. Primeiro recitamos os versos das Seis Estrelas, despois escoitamos os acordes e aproveitamos para presentar a primeira convidada: Conceição da Silva (a "mamá" de Ismael).
A Sra. da Silva naceu en 1961 na localidade de Mangualde (Viseu) e en 1984 marchou de Portugal para Suíza e estableceuse en Zurich. Naquela cidade coñeceu o seu futuro marido -galego da Mariña- con quen casaría en 1986. Pouco despois de naceren os fillos, São e eles retornaron a Burela. Dous anos máis tarde viría tamén o pai; a familia reagrupouse.
Con ela falamos das orixes en Viseu, da emigración a Zurich, do traballo nun restaurante e nunha escola infantil. Tamén falamos da maternidade e dos factores que a animaron a asentarse na Mariña.
Despois de escoitar a música de Metállica, entramos en conversa con Isma, que pasou máis da metade do programa moi caladiño. A primeira pregunta foi realmente complexa ("Sénteste suízo, portugués, galego... galego-português?"), mais a resposta foi rápida. Despois repasamos o repertorio de grupos musicais en que tocou ou toca. Falamos de Árvore, Torques, Amaterasu... e da Orquestra Lecer. Na parte final do programa preguntámoslle pola próxima edición do Aversion Fest e tamén polas actividades organizadas no Centro Social Xebra, unha das entidades en que participa activamente.


23/10/13

Proxecto Neo nº 66.3 - Eider Palmou Orue-Etxebarria e Manuel Sendón


LIGAZÓN AO PROGRAMA Nº 66.3

Comezamos o programa 66.3 coa música da cantora vasca Anari e escoitamos a historia dunha persoa que perdeu o corazón e que pasou a deambular polas rúas. Esa persoa sente saudade, influenciada polo tempo climatolóxico: "Hoxe volveu a chover, había tempo que non o facía. Vexo todo como un sinistro vals". Mais aínda ten unha lixeira esperanza e por iso implora: "Déixame volverme a perder entre os teus lenzos, só alí podo encontrar o que alí perdín".
Así entramos en conversa con Eider Palmou Oru-Etxebarria. Natural de Derio, unha vila moi próxima a Bilbao, a nosa convidada é licenciada en Educación Social e Educación Infantil e leva máis de 10 anos exercendo a docencia: primeiro na ikastola Altzaga (en Erandio) e despois na ikastola Urretxindorra (en Bilbao). Con ela falamos do seu traballo e tamén do seu proceso de aprendizaxe da lingua galega nos cursos do profesor Paulo O'Lema na universidade de Deusto.
Despois da música de Benito Lertxundi sobre o outono, viaxamos a Pontevedra para conversar co profesor Manuel Sendón (da Faculdade de Belas Artes). Con el retornamos ao seu período de formación académica na Faculdade de Matemáticas (1968-1973), da docencia en Viveiro, da Asociación Cultural Sementeira e da oposición á construción dunha central nuclear en Xove. 
Tras unha nova pausa musical, continuamos co profesor Sendón para falar sobre o Centro de Estudos Fotográficos e sobre o Proxecto Inédito. Coa voz de Lluís Llach ao fondo, finalizamos viaxando á Ítaca dos Mil Ríos. Foi unha fermosa navegación contra a corrente.

16/10/13

Proxecto Neo nº 65.3 Homenaxe á comunidade vallisoletana na Mariña


No programa 65.3 fixemos homenaxe á comunidade vallisoletana que leva asentada na Mariña uns trinta anos. Foi un recoñecemento explícito ao seu esforzo de integración, que se manifestou na implicación de moitos dos seus integrantes na vida asociativa da comarca.
Unha desas persoas son Jesús San José e Ana Díez, que chegaron a Burela e en menos dun mes xa estaban colaborando en iniciativas sociais tan emblemáticas como a Feira do Bonito. Despois colaboraron no clube de remo, no baile tradicional, no Entroido, na organización das festas patronais... En fín: na vida cultural. 
Con Ana e Jesús viña unha neniña de 5 meses, Sandra, que sempre se considerou como nacida nesta terra nosa, porque aquí xogou no Parque Rosalía de Castro, porque foi á Escola -así, con maiúscula- Infantil Guiñol "na furgoneta vermella" de Loli e Teresa; e porque aprendeu a querer a Areoura e o Cantiño, o Portelo, O Cabaliño e a Marosa. Á beira do Cantábrico naceu a súa irmá, Raquel, e ambas foron crecendo.
Agora Sandra vive en Medina del Campo e traballa nunha orquestra por toda a Comunidade de Castela e León.
Con ela falamos das súas vivencias da Mariña, da súa familia que está por aquí e da que ten en Medina e en Cigales. Obviamente, deixamos tempo para conversar sobre a música e mostramos o común propósito de que veña actuar a esta que é tamén é a súa terra. Facemos votos para que así sexa.
A intervención de Jesús San José, seu pai, é xa outra historia. Non é fácil de describir. Por iso recomendamos poñerse á escoita e prestar atención xusto no ecuador do programa. 

09/10/13

Proxecto Neo nº 64.3 - Davide Salvado + Rocío Dourado

Outro programa con motivación proselitista. Neste caso destinado a aprender a querer a música. Comezamos falando dos estudos desta área entre a poboación adolescente e soubemos que lle dedican unhas dez horas semanais.
Despois presentamos o artista, Davide Salvado, a quen dedicamos a maior parte do programa. Simón e Sergio puxéronlle as voces a unha magnífica reportaxe que publicou a xornalista Teresa Cuíñas na edición galega de El País. A profesora Montse Freire fíxonos unha aproximación aínda máis vivencial, porque o coñece desde a infancia.
A peza musical "Marín por ti" serviu de alfombra vermella para a entrada do cantor, que nos recibiu desde Lugo, onde actuaba unhas horas máis tarde dentro do programa festivo do San Froilán.
Pasado o ecuador do programa, viaxamos a Euskadi para falar con Rocío Dourado. Esta profesora de Lingua, Literatura Galegas na Universidade do País Vasco, falounos de toponimia -moi especialmente da da súa parroquia de orixe, Santalla da Devesa- e despois presentounos as súas actividades didácticas nunha comunidade que vive estreitamente ligada á nosa.



ENLACES:

http://galegoeneuskalherria.wordpress.com/author/galegoeneuskalherria/

http://redenasa.tv/es/post/davide-salvado-no-eido-dourado/

02/10/13

Proxecto Neo nº 63.3 - Ledicia Costas & Kiko da Silva




Na primeira parte do programa 63.3 fixemos animación á lectura. Por iniciativa de Aitor López, estivo connosco en directo Estela Fernández Cabana. Esta moza de 1º de Bacharelato explicounos o sistema de recomendación de obras literarias no curso pasado e comentounos a magnífica impresión que lle causaron Aire Negro (de Agustín Fernández Paz) e O Corazón de Xúpiter (de Ledicia Costas).
Despois da entrada musical, falamos precisamente con Ledicia Costas (Vigo; 1979), autora de Unha estrela no vento (2000), o Corazón de Xúpiter e Xardín de inverno (2012). Con ela coñecemos a rutina diaria dunha avogada especializada en Dereito Económico. Mais tamén falamos da creación literaria... e do proceso de incorporación á nación neofalante.

Pasado xa o ecuador do programa, entramos en contacto con Francisco Xavier da Silva Irago (Vigo; 1979) presentado ao estilo Modelo Burela por Estela (en inglés) e por Sergio Rivas (en galego).  

Kiko da Silva atendeunos directamente desde o Garaxe Hermético de Pontevedra.

25/09/13

Comezamos!!! Terceira etapa, Programa nº 62.3

REENCONTRO
Entre as 5 e as 6 da tarde do 25 de setembro, reunímonos de novo no estudio de Radio Burela para comezar unha nova etapa no camiño iniciado o 4 de xaneiro de 2012. Baixo a batuta da nosa Sra. Condutora -desta vez convertida en Capitana- saímos por mar co ritmo de Fausto Bordalo Dias.
Despois puxémonos en contacto con Lubián, onde nos atendeu Felipe, o alcalde que recibe así as visitas: 

Como alcalde do Concello de Lubián, teño a honra de acoller e darlles a benvida a tódolos visitantes desta páxina.

Aos de dentro, que vivimos nas Portelas ou máis alá delas, máis alá deses funís polos que pasamos no aire do demo ó irmos e virmos polos camiños de Deus, só teño que dicirvos que neste intre estou a falar no voso nome.

Aos de fóra, porque sodes doutras terras ás que amades por riba de todo, tódolos veciños deste concello desde Padornelo ás Hedradas, dámosvos a benvida cos brazos abertos e un aceno de relouco na face, porque cada vez que visitedes esta humilde terra, sexa real ou virtualmente, ides querela un pouco máis, tanto como se fose a vosa. É que non a hai máis agarimosa.

Vinde. Quedádevos un pouquiño máis, e faravos cóxegas nas entrañas o son das nosas cachoeiras remexido cos asubíos dos aureolos, que nós chamamos milpéndoras, os aturuxos do moucho cárabo e os rechouchíos de mil paxaros que inda hoxe andan a disfrutar da natureza do val, compartíndoa connosco e convosco. 

Unha aperta de carballo. 
Felipe Lubián 

Sen perdermos un minuto, viaxamos a Compostela para falar cun neofalante de referencia na educación en valores non só en Galiza senón tamén internacionalmente. Con Manolo Dios Diz falamos do Seminario Galego de Educación para a Paz e tamén das actividades da Cátedra da UNESCO.

Despois de saudar a nova incorporación de Radio Burela, Carlos Pardeiro Casabella, puxémonos en contacto con Paulo Martínez Lema, profesor de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Deusto.
Todo amenizado coa música do Clan Maragato e de Davide Salvado.


24/09/13

CHEGAN AS PRIMEIRAS COLABORACIÓNS... DESDE NAVARRA

A través de Txerra Rodríguez -o tradutor de Séchu Sende ao euskera-, tivemos noticia do Dr. Iñaki Peña. Este médico de Arrasate foi unha das persoas que entrou no blogue do Txerra e leu o artigo sobres os cemiterios de Derio e Sondika. A lectura non caeu en saco roto, porque o doutor foi a Lesaka (unha vila navarra moi euskaldún) e parou a verificar a situación do idioma. Despois escribiunos este artigo, que tomamos directamente de http://arinduz.org/wordpress/inaki/2013/09/23/hilarriak-hilerrietan-eta-mendietan/


Lápidas nos cemiterios ... e nos montes


Non é unha moda de agora, é un tema que vén da prehistoria. Os nosos montes están repletos de túmulos e dólmenes, que entre outros obxectivos querían facer unha pequena homenaxe aos mortos. Nos últimos anos estase poñendo de moda outra vez. Até converterse en problema. A Deputación de Guipúzcoa está avaliando a posibilidade de retirar dos montes as lápidas, cruces, recordatorios e demais (ou polo menos tentar que non se poñan novas). De verdade non sei a quen lle fai dano. Non será que a propia morte fáisenos incómoda?

No blogue Garaigoikoa lin o artigo Hilerriak eta hilarriak. Nel fálase da investigación que está levando a cabo o Proxecto Lingua Viva nos cemiterios galegos: están investigando cantas lápidas hai en cada un deles. Txerra Rodriguez fixo unha investigación semellante aquí, en Txorierri, e os resultados foron diferentes: en Txorierri a porcentaxe de lápidas en euskara é moito maior que en Galicia, malia que se investigaron dous pobos non demasiado euskaldúns como son Derio e Sondika (en Galicia, en cambio, tamén se estudaron pobos moi galegofalantes). En Derio 16 % e en Sondika 7%.

Eu fixen un exercicio parecido este fin de semana nun pobo euskaldún de Nafarroa, en Lesaka: no novo cemiterio hai 28 lápidas só en euskara (%44), 32 en castelán e 3 en bilingüe, máis ou menos.

Uns apontamentos, nada máis.

16/09/13

ANÍMATE E COLABORA!


Nunca foi tan fácil a colaboración. Sen esforzo e sen custos económicos. Cada persoa colabora libremente segundo as súas posibilidades. Non son necesarios desprazamentos. Buscamos mostras de Lingua Viva nos lugares de traballo, na aldea, no barrio, entre o comercio da rúa en que vivas...
Sempre en positivo. Sempre Lingua Viva.
O único que che pedimos é que nos envíes a información (proxectoneo@gmail.com), que nós iremos disponibilizando para a consulta pública.

O proceso de colaboración está descrito na páxina da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización:

http://www.coordinadoraendl.org/limiar.php?pax=rec_linguaviva.php

10/09/13

LINGUA ESCRITA: AS PALABRAS QUE NON LEVA O VENTO

Nos últimos días de xullo, o noso colaborador Txerra Rodríguez visitou os cemiterios de Derio e Sondika para estudar os niveis de uso das linguas escritas nas lápidas e contrastar a información obtida nos diferentes concellos galegos en que se fixo unha análise seguindo os criterios do Modelo Burela.
Esta é a análise que acompaña a reportaxe fotográfica que nos enviou:

Txerra Rodríguez



Derio, pobo da comarca de Txorierri en Bizkaia, está a 8 quilómetros de Bilbo. Xunto a Sondika e Erandio, até uns anos atrás marcaba a fronteira do euskera. Isto é: estes pobos manteñen vascofalantes do dialecto histórico da localidade.

Derio ten 5.800 habitantes, dos cales segundo a sondaxe sociolingüística de 2011 saben falar euskara o 33% e non saben nada de euskara o 41%. Está na media de Bizkaia e por baixo da media de Txorierri (de feito, é o pobo con menos vascofalantes da zona).

Cemiterio de Derio: o cemiterio antigo de Derio está desde o ano 2010 pechado. Séguese usando, mais só o fan os/as veciños/as que xa tiñan adquirido o panteón. Os demais baixan ao novo cemiterio de Derio (que é tamén o de Bilbo).

Inscripcións: 399
En euskara: 65 (16%)
En castelán: 334



Sondika é un pobo de Bizkaia, da comarca de Txorierri. Atópase a 6 quilómetros de Bilbo. Como temos sinalado, xunto a Derio e Erandio conservou viva a fala característica da localidade.

Dos 4.400 habitantes de Sondika, segundo o inquérito de 2011, saben falar euskara o 35% e non saben nada de euskara o 40%. Está na media de Bizkaia e por baixo da media de Txorierri.

Cemiterio de Sondika:

Inscripcións: 467
En euskara (ou parcialmente en euskara): 34 (7,3%)
En castelán: 433

Posíbeis explicacións dos dados:

- En Derio hai unha maior inmigración que en Sondika. Poida que moitos dos inmigrantes non estean enterrados en Derio, senón nos seus pobos de orixe.

- Poida que en Derio a comunidade euskaldún estea máis cohesionada que en Sondika. Hai bastantes datos sociolóxicos (separadamente deste pequeno estudo) que poden avalar este dato. En Derio os choques entre as dúas comunidades foron históricamente máis fortes. E a transmisión familiar do euskera ha ter moitas menos lagoas que en Sondika. É raro en Derio a non transmisión do euskera no franquismo, mentres que en Sondika a erosión foi maior.

- O movemento a favor do euskera en Derio foi máis forte que o de Sondika, tanto historicamente como hoxe en día. De todas as maneiras, nunca se traballou este tema de forma directa. 

22/08/13

HOSTAL DA PEDRA

Colaboración de MIRIAM MARTÍNEZ PÉREZ (Murcia)

Martes, cinco e media da tarde: por primera vez poño os meus pés en Burela. Con moito cansazo, comezo a procura do mesón “A Pedra”, onde decidín hospedarme grazas ás excelentes críticas que puiden ler en Internet sobre el. 

Cun pouco de medo de perderme (menos mal que Burela non é moi grande), consigo chegar ao mesón despois das indicacións dunha señora velliña adorable. A seguir, entro no bar e atópome cunha persoa moi amable que me dá as chaves do cuarto. Só existe un inconveniente: non hai elevador e o dormitorio está no cuarto andar.

Como subo entón a maleta? Non hai problema, a señora Cándida (así se chama este portento de muller de 70 anos) cóllea e, sen axuda ningunha, sóbea ela só, como se nada!

Agradézolle o esforzo (eu ainda en estado de shock) e, tras descansar un bocadiño, baixo de novo ao bar. Desta vez non está Cándida, está Inma -a súa filla- coa que comezo a falar dun xeito tan familiar que entusiasma.

 Mais iso non é todo. Polo Mesón da Pedra tamén andan Laura e Nuria (fillas de Inma). A primeira é unha futura xornalista que vai dar moito que falar e a segunda, Nuria, é todo carisma, a pesar da sua curta idade. 

En definitiva: oxalá chegue aos setenta como Cándida; e moitas grazas a estas tres xeracións de galegas que me fixeron pasar uns días como na miña propia casa.

21/08/13

KEVIN, QUÉROTE



A fotografía desta fermosa declaración de amor, escrita a cores sobre unha desgastada parede, abre de xeito moi orixinal un blog de contidos culturais que está aberto á consulta pública desde estes días e que recolle un documentado estudo sobre o uso da lingua galega no termo municipal de Foz.

O autor do completo estudo e do deseño do soporte dixital que o disponibiliza en aberto para o público xeral é o filólogo Miguel Arce Méndez, licenciado pola Universidade de Santiago e persoa cun dilatado currículo académico no que destaca un período docente na Universidade Nova de Lisboa.  Miguel Arce chegou a Foz en xuño de 2012 e superou as probas selectivas para a provisión dunha praza laboral no Servizo Municipal de Normalización Lingüística, mais antes de finalizar o seu contrato laboral na Mariña conseguiu destino como docente de Lingua e Literatura na comarca berciana. Agora con esta entrega editorial complementa o labor realizado na etapa anterior.

O espazo disponible na rede leva por título Foz Lingua Viva e está na dirección www.fozlinguaviva.wordpress.com. Nel podemos visualizar contidos sobre o cronista Suso Fernández e os historiadores Juan Ramón Fernández Pacios e Xesús Basanta Martínez; sobre o teatro de Manuel Lugilde Penelas e o Cadro de Declamación Focense (1927-1930), sen esquecer as contribucións a este xénero de Francisco Piñeiro González, en calidade de director dos grupos de afeccionados O Batán (de Cangas) e A Adala (de Fazouro).

Complementan os contidos as referencias aos escritores nacidos ou vinculados con Foz (Vilar Ponte, Francisco Lourido, Noriega Varela, Manuel María, Ramón Reimunde, Luísa Castro, Paco Rivas, Laura Branco...) así como a panorámica do uso da lingua galega nas empresas e comercios locais, nas publicacións periódicas e nas entidades deportivas, entre outros.

02/08/13

TER O PAÍS NO PEITO (MODELO BURELA)




Este é un deseño Modelo Burela. Unha mostra da creatividade e do compromiso que hai na Mariña. Aínda que con programas informáticos ben poderían ser retocados os anaquiños correspondentes ao galego exterior -moi especialmente as áreas berciana e seabresa-, o resultado final está ben bonito.
A palabra vieira deriva de Venus, a deusa do amor, e a súa cuncha foi moi divulgada por Lineo que a bautizou como Pectem jacobaeus en referencia ao símbolo das peregrinacións a Compostela. As persoas que fan o Camiño de Santiago gárdanas como recordo desa experiencia.

30/07/13

GALEGA DESDE O CARIÑO



Nun dos seus buceos diarios, Karina Parga deu cun tesouro que queremos compartir coa audiencia de Proxecto Neo.

As primeiras pistas déunolas Cibrán, profesor de Matemáticas. El divulgou desde a súa Carta Xeométrica un vídeo producido no IES Rodeira de Cangas, vídeo en que aparece a magnífica entrevista que as mozas e mozos de Lingualiza lle fixeron á súa profesora Carmen de las Casas, "Carmiña".

Desde este caderno de bitácora de Proxecto Neo vaia o recoñecemento de Matrícula de Honor: 
a) Para Carmiña, evidentemente.
b) Para quen lle transmitiu a Carmiña o amor pola cultura da súa terra de adopción (somos conscientes de que non se pode transmitir amor se non se leva moito dentro).
c) Para o alumnado, o profesorado e a comunidade educativa do IES Rodeira de Cangas (moi especialmente para Ana, Nerea e Luís).
d) Para Xose Domaio e Manuel Sánchez Fernández, estrelas do ensino público.

26/06/13

Proxecto Neo nº 61.2 - Gloria G. Niñe & Genucha García & Santiago Jaureguízar

FIN DA SEGUNDA ETAPA
Clica para escoitar o programa

Como tantas outras veces, abrimos o programa coa condución de Karina Parga, neofalante nacida entre Joigny e Auxerre; e renacida galega na Mariña, á beira do Cantábrico. A enerxía desbordada desta emigrante-retornada foi recollida ao voo por Simón Rodríguez Rouco e Serxio Rivas Valiña, que leron con entusiasmo a reportaxe que María Cuadrado lle dedicou a unha das nosas convidadas: Gloria González Niñe. Nese momento comezou o "recital" que nos brindaron Gloria e Genucha.
Máis que "recital" foi clase maxistral. Auténtica lección de historia. Falamos da presenza da muller no carrexamento do peixe entre os barcos e as fábricas de conserva. Abordamos o traballo feminino na industria da cerámica e nas conserveiras. Incluso comentamos o impacto da IIª Guerra Mundial na flota pesqueira que faenaba polas proximidades da Estaca de Bares.
Tamén contamos coa participación de Santiago Jaureguízar, que nos atendeu uns minutos desde a redacción  central de El Progreso en Lugo e que saudou en directo as participantes na tertulia, Gloria e Genucha, que estaban facendo un emocionado recordo ao paso da familia Jaureguízar por Burela e Ribadeo.
Entre episodio e episodio da conversa tamén escoitamos música. Por exemplo de Pucho Boedo, a quen redescubrimos a través das plumas de Xurxo Souto e Manuel Rivas. Foi un magnífico preámbulo para a presentación que Genucha García nos fixo da asociación Luz Acesa, unha nova fonte de axuda solidaria na Mariña.
No final do programa tamén recollemos a participación de Evinha, a de Celso Dourado e a da nosa fotógrafa oficial Lucía Rivas.

19/06/13

Proxecto Neo nº 60.2 - Dani Ladra & Marisol Manfurada & Belén Regueira & Josefina O. Barcia

Para escoitar o programa, clique aquí.

Inmediatamente despois da entrada e do saúdo na voz de Aitor López, recibimos no estudio a visita de Dani Ladra. Para el foron os primeiros aplausos da tarde. Ben merecidos: polo título da liga e por toda a enerxía positiva que nos trouxo.
A modo de intervalo, deixámonos levar polo ritmo das ondas. Estivemos abalados polo "Venhem e vam" de Marisol Manfurada. Esta rapeira da Coruña -profesionalmente dedicada ao ensino da lingua inglesa- falounos da Feira da Cultura (o Cultur.gal) e da súa visión das necesarias relacións entre as actividades culturais e o rendemento económico. Defendeu o exercicio das artes como unha profesión que debe estar recompensada como o están as outras. Marisol foi comentando en anaquiños un texto seu, que foi posto na boca de Viviane Furtado e Laura Semedo Brito. Ela falaba de mediación e de interculturalidade... e nós puxémoslle o toque humanístico ao seu discurso. Noutras palabras: lévamolo á realidade. Todo cadrou moi ben, moi axustado.
Despedimos a entrevista con Marisol coa música de Mercedes Peón, a mesma que utilizamos para recibir cos brazos abertos outra coruñesa: a xornalista Belén Regueira, neofalante. Aitor quería intervir, mais non podía. Simón tiña a man levantada, mais Belén fluía. Non era río-Belén; era Oceano-Regueira. Impresionante! A Irmandade dos neofalantes urbanos está en marcha. Esa Irmandade é o "Máis alá" co que soñaba Manuel Antonio.
Foi unha conversa mínima. Curtiña. Como un aperitivo... antes da sobremesa. Porque na sobremesa chegou a conversa coa profesora que se ocupa do Servizo de Alfabetización das Persoas Inmigrantes. Josefina O. Barcia falounos dos seus seis anos de experiencia traballando con nenos e adultos procedentes de medio mundo. Foi a visita á cimentación da normalización en Burela.

12/06/13

Proxecto Neo nº 59.2 - Lucas Fojo & Aid & Miguel Queixas & Aníbal Malvar

Chámase Lucas Fojo Grandal. Ten sete anos. Chegou de Etiopia e agora vive á beira do golfo ártabro, en Neda (terra de pan-do-país, auténtico). Lucas estuda no CEIP de Maciñeira, un colexio que conta con área de Dinamización da Lingua Galega e con unha ANPA exemplar, que organiza numerosas actividades e ten moi ben atendidas as redes sociais.
Galiza é terra de acollida para Lucas e Lucas responde a ese amor con toneladas de ternura. Si. Lucas é unha fonte de orixinalidade. As nosas palabras milenarias soan deliciosamente na súa boca.
Son dez minutos antolóxicos.
Despois escoitamos a música de Aid. Ese foi o preludio, porque a conversa con ela chegou seguidamente. A artistaza viguesa presentounos o seu último disco, así en primicia. Fíxonos sentir moi ben, porque dixo que fomos unha das primeiras radios en poñer o tema musical escollido por nós. Como esta moza fala por sete, incluso falamos da súa formación na área das telecomunicacións. Iso si: non esquecemos anunciar as datas e lugares dos seus próximos concertos.
Co apoio de Viviane Furtado e Laura Sofía Brito, falamos con Miguel Queixas, neofalante da Coruña. Que escoite a entrevista entenderá perfectamente por que hai músicos que fan centenares de quilómetros semanalmente para recibiren as súas orientacións. 
Na parte final, a liña telefónica transportounos a Madrid. Alí nos recibiu Aníbal Malvar. Con el falamos de literatura, de cinema, de música e de xornalismo. Como remate, tivemos sorpresa. Grande sorpresa. Algo único. Así é Aníbal Malvar.

Pode escoitar de novo todo o programa clicando aquí.

05/06/13

Proxecto Neo nº 58.2 - Miriam Martínez & Anthony Valladolid & Alberte Momán & César Morán

Programa 58.2. A primeira convidada foi Miriam Martínez Pérez, que nos falou da heterónima Henar Martínez Luna. Explicoúnolo todo a través da liña teléfonica desde a súa casa de Murcia. Comentounos que é licenciada en Tradución e Intepretación, que fixo uns cursos de Lingua Galega na Universidade murciana con Raul Piñeiro. A entrevistada non se limitou a coser. Fixo moito máis. Realmente fixo bordado. Incluso cantou en directo.
No estudio de Radio Burela recibimos a visita de Anthony Valladolid Bazán, un mozo orixinario do Perú e que leva oito anos na Mariña. Este estudante de 1º de Bacharelato comentounos as condicións en que conseguiu a especial integración de que fai gala.
Valéndonos do teléfono, falamos con Alberte Momán, un ferrolano que anda por Ribadeo. Alberte explicounos as condicións en que se fixo neofalante, sendo alumno do Instituto Sofía Casanova da súa cidade natal. Despois preguntámoslle pola creación literaria e incluso pola súa faceta de editor.
Como broche de ouro tíñamos prevista a tertulia con César Morán. Un desleixo á hora de copiar e colar o número de teléfono do entrevistado provocou que se nos descontrolase o tempo. Faltou escoitar un tema do disco Río de Son. Farémolo no próximo programa. 

As conversas están aquí.

29/05/13

Proxecto Neo nº 57.2 - Helen Offord & Isabel Parra

A voz de Simón Rodríguez Rouco encargouse de abrir o programa nº 57.2. Baixo a súa coordinación -e coa axuda de Andrés Sáinz Eváns e Tania Iglesias no control técnico-, presentamos os contidos e preparámonos para as dúas principais entregas.
Primeiro entrevistamos a Helen Offord, profesora auxiliar de conversa que reforza o cadro de persoal da área de Lingua Inglesa no Instituto Monte Castelo. Nacida en Bristol, esta moza do Reino Unido chegou á Mariña como resultado dun feliz acaso. Segundo nos contou Carme Cociña, unha das produtoras do programa e coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística do citado centro educativo, Helen Offord está na fase incipiente para ser considerada neofalante en idioma galego. Coas súas voces, coñecemos tamén o seu profesor, Fernando Gavín.
En Proxecto Neo puidemos escoitar un fragmento de A Veiga era como un tempo distinto, de Eva Moreda.
Na segunda parte tivemos connosco dúas mulleres apelidadas Parra, Isabel e Inés. Simón fixo unha presentación moi correcta:
Dona Isabel Parra Valle naceu un pouquiño antes da transición democrática nunha localidade aragonesa, en Barbastro (na provincia de Huesca). É a cuarta dunha familia numerosa: tres homes e dúas mulleres. Debido ao traballo de seu pai, empregado dunha empresa pública con obras por todo o Estado español, tivo que cambiar de residencia en numerosas ocasións. No comezo dos oitenta chegou á Mariña e asentouse en Burela.

O contido das conversas está aquí.

22/05/13

Proxecto Neo nº 56.2 - Nícola Bermingham & Teresa Losada

Irlandesa. Nacida en Vigo. Filla de irlandeses que aman o seu país e que aman o país noso. Profesora de Linguas. Tradutora e intérprete. Investigadora das relacións entre idioma e sociedade. Esa é Nicola Bermingham, a primeira entrevistada no programa 56.2
Comezamos o programa facendo unha aproximación ao perfil humano da entrevistada. Conversamos sobre os motivos polo que os seus pais estaban instalados en Galiza, sobre a súa escolarización no Colexio Público García Barbón, sen esquecermos o retorno da familia emigrada e a integración da nena no país de orixe/acollida.
Naturalmente tamén coñecemos a súa experiencia como estudante no Trinity College Dublin e como profesora na Faculdade de Tradución e Interpretación da Heriot-Watt University de Edimburgo.
Despois da música, falamos de como coñeceu a existencia do Modelo Burela. Comentounos que foi nun congreso celebrado en Cork e que recibiu a información a través da escritora Eva Moreda.
A segunda parte do programa resultou moi emotiva. A nosa colaboradora Lucía Rivas fixo unha magnífica produción. Seleccionou a entrevistada (Teresa Losada), documentouse sobre o alcance do seu traballo, entrou en contacto con ela e mesmo se ocupou de buscar unha música que lle gustase. Como respondeu Teresa? Pois como ela o fai sempre: coa máxima sensibilidade. Falounos do inmenso labor recollido baixo dúas palabras Monfero Solidario.
Outro modelo de educación pública.

Para que non perdan nadiña do que se falou, aquí está o arquivo coa entrevista.

15/05/13

Proxecto Neo nº 55.2 - André Peixoto & Meritxell Porral

15 de maio de 2013. Programa 55.2 de Proxecto Neo. En plena semana das Letras, recordamos a Roberto Vidal Bolaño. Tributámoslle homenaxe lembrándonos tamén de todas as persoas que representan ou colaboran nos espectáculos teatrais (persoal de programación, dos servizos culturais municipais, persoal técnico que se ocupa de luces e son, etc, etc.). Fixemos un Proxecto Neo dedicado a todas as persoas que amamos o idioma. Aos que escribiron (Rosalía, Celso Emilio, Paz Andrade...) e ás mulleres e homes que o fan hoxe (Lucía Barrera, Séchu Sende, Nuno G. Pico, Raquel Miragaia, Xoel Geada, Laura López, Sara Gil...). 
Dixémolo en voz alta, pregoándoo aos catro ventos: a todas e a todos, Feliz Semana das Letras!!
Na primeira parte, falamos con André Peixoto, un mozo de 15 anos que chegou do Brasil. Leva con nós un ano. Comentounos que vivía no Pará e que chegou á Mariña do Cantábrico con certo medo, mais asegurounos que agora está contentísimo nesta nosa terra. A André dedicámoslle un texto lindísimo de Nélida Piñón, na voz da profesora María do Carmo Cociña.
Apoiándonos no Praza Pública, dedicámoslle uns minutos á Iniciativa Lexislativa Popular "Valentín Paz Andrade", aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en data histórica: 14 de maio de 2013. Saudamos o consenso parlamentar coa música de Sérgio Godinho en "A vida é feita de pequenos nadas".
Na segunda parte, a convidada foi Meritxell Porral Novis, que naceu  nas montañas do Principado de Andorra e que estudou Ciencia Política e da Administración en Cataluña. Con ela falamos do modelo lingüístico da escola do seu país, da interculturalidade dos 90.000 habitantes de Andorra e da súa experiencia laboral na área de Recursos Humanos.

Aquí está o programa íntegro.

08/05/13

Proxecto Neo nº 54.2 - Séchu Sende & Eva Vega


No programa 54.2 viaxamos a Vila de Cruces para entrevistar o escritor Séchu Sende. O profesor de Lingua e Literatura -autor de Odiseas; Orixe (Premio Blanco Amor); Made in Galiza (Premio Anxel Casal); da Viagem ao Kurdistán para apanhar estrelas; e de moita outra obra- falounos do músico Plácido Travieso, dun vídeo xenial que acaba de saír á luz pública, da Semente e incluso nos convidou a viaxar ao Courel.
Despedímolo ao estilo Ramón Cabanillas: invocámolo como sementador.
Despois de escoitar música do Cantareliña, conversamos con Lucía Vega. Esta viveiresa, licenciada en Historia da Arte, transmitiunos moita enerxía, coa máxima sensibilidade. Con ela falamos da importancia da música na infancia, dos diversos discos do certame Cantareliña, de Xavier Alcalá e a súa A Nosa Cinza, dos estudos universitarios e das oposicións á función pública. Non esquecemos acompañar a conversa con boas melodías. Nese momento tocoulle aos Tribalistas brasileiros. O final estivo reservado para aqueles cos que comezamos: o Sonoro Maxín.

Aquí está o arquivo co programa.

26/04/13

SEMANA DE ACTIVIDADES MODELO BURELA

A diversos coloquios co escritor madrileño Matías Escalera únese o concerto do grupo vocal “Son de Nós”
O mes de maio comeza con intensa actividade na axenda do Modelo Burela. O escritor madrileño Matías Escalera participará en diversos eventos de divulgación da lectura e o grupo vocal “Son de Nós” oferecerá na Igrexa da Vila do Medio o concerto “Os Camiños da Lingua”.
As actividades comezarán o próximo día 2 de maio, coa participación de Matías Escalera nunha sesión extraordinaria do clube de lectura que se reúne na Biblioteca Municipal. O escritor comentará diversos aspectos da súa obra cun público que durante estes días estivo lendo unha de recente publicación, o volume de relatos titulado Historias de este mundo (Baile del Sol. Tenerife. 2011).
O mesmo escritor manterá encontros co alumnado de bacharelato dos institutos da localidade. Será ás 9:20 horas no IES Monte Castelo e no IES Perdouro ás 12:20.
O mesmo venres, ás 20:00 horas, o acto de animación á lectura celebrarase na Libraría Nobel (Espazo Lector), onde –ademais da do autor- se conta coa presenza de representantes do Proxecto de Innovación Lingüística e do Clube de Lectura así como da profesora Julia María Labrador Ben.

No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela )

 O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela converterase nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós ofrecerá, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e co subtítulo "Concerto Modelo Burela". Unha vez máis, coa interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández (Viveiro, 1972), preséntase en Burela despois dos éxitos recollidos en diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San Martiño.

24/04/13

Proxecto Neo nº 53.2 - EDU (Porteiro do Burela F.S. e da Selección Galega)


Comezamos o programa 53.2 coa lembranza da Revolución dos Cravos, na véspera do día 25 de abril de 2013. Fixemos mención da substitución das armas polas flores. Aproveitamos para recomendar a lectura dunha obra narrativa: o Resistencia, de Rosa Aneiros. Despois puxémoslle música: a Rosalinda, de Fausto Bordalo Dias.
Con ese canto a un desenvolvemento sustentábel, entregamos os mandos a Simón R. Rouco e Serxio Rivas Valiña. Eles presentáronnos o convidado e conduciron magnificamente ben a entrevista. Por eles soubemos que Edu é Eduardo Saavedra Cebreiro, que naceu en Narón e que xoga profesionalmente ao Fútbol-Sala desde os 17 anos.
Con Edu falamos de educación, de aprendizaxes lingüísticas e, naturalmente, de deporte federado. O porteiro da selección galega lembrou con nós as súas experiencias no Parrulo de Ferrol, no Caloto da Póboa de San Xulián, no Celta de Vigo, no Granada... e no Burela F.S.

Aquí está o enlace para escoitar o programa.

17/04/13

Proxecto Neo nº 52.2 - Conchi Díaz Candán, Andrés Sáinz Eváns, Hixinio Puentes Novo

Con estas palabras presentou Bernardo Penabade a Conchi Díaz Candán, unha das protagonistas do programa nº 52.2: "A nosa convidada naceu en 1982 nun lugar ideal para sibaritas, xusto alí onde estaban as Caldas dos Reis, o lugar escollido polos Reis para relaxarse. De nena, cursou  EXB; e despois, xa adolescente,  o BUP onde tiña que ser: nos centros públicos da vila (o CPI Alfonso VII e o IES Aquis Celenis)". 

Pola súa parte, Gabi Bermúdez dixo: [Conchi] Agora é licenciada en dúas carreiras -Filoloxía Galega e en Filoloxía Románica- pola Universidade de Santiago de Compostela. E aínda continúa con libros e exames: está facendo o Mestrado de literaturas hispánicas impartido a distancia pola UNED". 

Con Conchi falamos uns 20 minutos a ritmo frenético. En pouco tempo, conseguimos un magnífico documento útil para calquera sesión de sociolingüística. Entre música e música, tamén conversamos co noso técnico. Andrés Sáinz Eváns foi felicitado porque finalizou os estudos do ciclo medio de Electrónica. En pouco máis de cinco minutos, comentounos as súas impresións sobre o periodo de Formación en Centros de Traballo (FCT). 

 Na segunda metade do programa, retrasados en relación ao horario previsto, puxémonos en comunicación con Hixinio P. Novo. Despois de o saudar con música de Serrat para o poema "Puedo escribir los versos más tristes esta noche", conversamos sobre Neruda e o Winnipeg, sobre a investigación para clarificar se morreu por morte natural ou asasinado; e, en xeral, de todas as obras que aparecen referenciadas no seu blogue.

 As entrevistas completas están aquí.

10/04/13

Proxecto Neo nº 51.2 - Dani Ladra, Adrián Yáñez, Edu, Gonzalo Soto

Este é o programa en que lle damos a benvida a Dani Ladra, o director técnico do Baku United da liga inglesa de Futsal. A expedición británica está na Mariña para facer unha fase de preparación e aproveita para xogar varios partidos contra equipos de Viveiro e Burela. Ademais de con Dani, tamén falamos con Adrián Yáñez, futbolista de Viveiro; e con Edu, outro futbolista do equipo londinense, nacido en São Tomé e con nacionalidade portuguesa.
Pasado o ecuador do programa, falamos con Gonzalo Soto, un xornalista de referencia no ámbito da comunicación deportiva galega. Foi unha maneira de tributar homenaxe tanto a Gonzalo como ao programa Galicia en Goles, que case cumpre trinta anos de vida.

O contido do programa está aquí

03/04/13

Proxecto Neo nº 50.2 - Julio Peinó, Xoán Sampaíño, Viviane Furtado


Chegamos ao medio centenar de programas. Celebrámolo cun programa de contidos cinematográficos. Tributámoslle a nosa modesta homenaxe a Julio Peinó, arquitecto na Coruña. O aplauso non estivo motivado neste caso polo sector da construción. Foi pola súa sensibilidade artística: Julio Peinó foi o gañador da presente edición do certame Cineforiano Shortfilm Festival.
Para aprofundar no mesmo tema, conversamos tamén con Xoán Sampaíño, un dos impulsores do certame e director de curtametraxes. Este neofalante orixinario de Ribadesella fíxonos partícipes das rodaxes de diversos traballos, entre eles o Barbillizos.
Pasado o ecuador do programa, recibimos a visita de Viviane Furtado. Ela foi a moza que aproveitou por vez primeira os micros de Radio Burela para saudar a audiencia do seu país, na súa lingua primeira: o creoulo caboverdiano.
A cereixiña final púxoa Matías Nicieza falando sobre Evinha e pedindo o voto para a súa actuación nos Recantos da TVG.

O audio do programa está neste clique

Polo mesmo prezo, convidámolos a visualizar o funcionamento dunha fábrica de soños