Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

07/10/26

Proxecto Neo nº 497.16 - Xosé Maseda e Paulo Fernandes Mirás

Abrimos o primeiro programa da decimo-sexta etapa de Proxecto Neo cunha nova sección chamada Ponte entre culturas, un espazo que nace coa intención de achegarnos e de coñecer e poñer en valor a diversidade cultural que forma parte de Burela e do noso centro educativo. Nesta primeira viaxe fomos ata Cabo Verde da man de Belanice, con quen coñecemos a riqueza lingüística destas illas e, en especial, as súas variedades dialectais.
Inmediatamente despois, entramos no desenvolvemento dos contidos centrais do programa.
Na primeira entrevista conversamos con Xosé Maseda. Con el falamos dos seus inicios no mundo da música urbana, das súas influencias á hora de compoñer, das colaboracións e do seu futuro como docente de lingua galega.
Inmediatamente a seguir acompañounos no estudio Paulo Fernandes Mirás, profesor de Lingua Portuguesa no IES Perdouro.Con el conversamos sobre o próximo libro que vai publicar, sobre as súas obras poéticas, o seu itinerario formativo multidisciplinar e as súas aulas como docente de Lingua portuguesa.