Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

13/10/26

Proxecto Neo nº 498.16 - Daniel García Fernández, Estrella Goás López e Tamara Andrés

 
Nesta segunda entrega tivemos un programa moi especial, porque este mes de outubro dedicáselle o Día das Escritoras e o Día das Bibliotecas Escolares, dúas datas que nos lembran que ler é moito máis que pasar páxinas: é descubrir novos mundos, coñecer outras voces, facernos preguntas e deixar voar a imaxinación. 
E precisamente falando de bibliotecas, na primeira entrevista falamos con Daniel García Fernández, concelleiro de Dinamización e participación veciñal do Concello de Barreirose e con Estrella Goás López, bibliotecaria. Detállaronnos en que consistiron as liñas prioritarias do proxecto "Entre libros e escenarios", que pon o foco na descentralización da cultura e no achegamento da lectura a todas as parroquias e explicáronnos como fixeron para ser merecedores por segundo ano consecutivo do prestixioso Premio María Moliner de animación á lectura. 
Na segunda parte do programa, conversamos por vía telefónica con Tamara Andrés, escritora, tradutora e primeira muller responsable de edición na editorial Galaxia. Con ela fixemos un repaso da súa obra poética, do seu labor de tradutora e docente e da súa actual función como responsable de edición na editorial Galaxia.






07/10/26

Proxecto Neo nº 497.16 - Xosé Maseda e Paulo Fernandes Mirás

Abrimos o primeiro programa da décimo-sexta etapa de Proxecto Neo cunha nova sección chamada Ponte entre culturas, un espazo que nace coa intención de achegarnos e de coñecer e poñer en valor a diversidade cultural que forma parte de Burela e do noso centro educativo. Nesta primeira viaxe fomos ata Cabo Verde da man de Belanice, con quen coñecemos a riqueza lingüística destas illas e, en especial, as súas variedades dialectais.
Inmediatamente despois, entramos no desenvolvemento dos contidos centrais do programa.
Na primeira entrevista conversamos con Xosé Maseda. Con el falamos dos seus inicios no mundo da música urbana, das súas influencias á hora de compoñer, das colaboracións e do seu futuro como docente de lingua galega.
Inmediatamente a seguir acompañounos no estudio Paulo Fernandes Mirás, profesor de Lingua Portuguesa no IES Perdouro.Con el conversamos sobre o próximo libro que vai publicar, sobre as súas obras poéticas, o seu itinerario formativo multidisciplinar e as súas aulas como docente de Lingua portuguesa.


04/10/26

Abrimos a décimo-sexta etapa de Proxecto Neo

Comezamos a etapa 16!

Volvemos para estar ao aire con máis ganas ca nunca.

Nesta etapa seguiremos conversando con neofalantes de galego, descubrindo as súas historias e experiencias coa nosa lingua; achegándonos á diversidade e á multiculturalidade; e abrindo tamén espazo para falar de ciencia, saúde e todos eses temas que nos axudan a comprender mellor o mundo que nos rodea. 

Porque falar de lingua tamén é falar de persoas.
Porque a diversidade enriquece.
Porque a ciencia e a saúde tamén forman parte das nosas conversas.

E queremos vivila, unha vez máis, con vós ao outro lado do micrófono. Seguimos falando. Seguimos aprendendo. Seguimos facendo radio en galego.

24/06/26

Proxecto Neo nº 496.15 - Neves Cando e Oferta educativa do IES Perdouro (Parte 2)

Hoxe é o noso último programa do curso 25-26. Neste día de San Xoán, Sonia Rey xunto ao seu alumnado de 4º de ESO despiden o programa coa Palabra do mes. 

Na primeira parte do programa, falamos con Neves Cando López, profesora de Lingua e Literatura Galega, que leva case 34 anos dando clase no IES Perdouro e decidiu xubilarse este mesmo curso. 

Na segunda parte do programa, imos conversar co profesorado de varios ciclos de formación profesional do noso centro, para que nos vaian informando da oferta académica de cara ao vindeiro curso. 

Falamos con Javier Rouco do departamento de Imaxe Persoal e con Juan Insua e Ana Patricia Anaya, do departamento de Administración. 


18/06/26

Proxecto Neo nº 495.15 - Oferta educativa do IES Perdouro (Parte 1)

Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e Unha pílula ds ciencias.

Inmediatamente a seguir, informamos sobre unha parte da oferta educativa do IES Perdouro de Burela para o curso que ven. Para iso, falamos con Félix Pardo Fidalgo, Xefe do Departamento de Instalación e Mantemento; David Martínez Anllo, profesor do departamento de Mecanizado e do Curso de Especialización en Fabricación aditiva e Andrés González Tella, profesor do departamento de Electrónica e ao seu alumno Izan Loredo. 

Na segunda parte do programa, escoitamos os micropodcasts do obradoiro de radio que realizamos aos compañeiros que visitaron o estudio durante a nosa feira, TecnoCienciArte, celebrada o pasado 1 de xuño. 

10/06/26

Proxecto Neo nº 494.15 - Especial Sindrome de Tourette con Eva Lastra e Gabriela Pedre

 
Hoxe dedicamos este espazo da nosa radio a coñecer unha realidade que aínda segue sendo pouco visible para moitas persoas: a Síndrome de Tourette. Cada 7 de xuño celébrase o Día de Concienciación da Síndrome de Tourette, unha xornada que busca informar, sensibilizar e derrubar prexuízos arredor deste trastorno neurolóxico. 
 
Con frecuencia, a Síndrome de Tourette é coñecida unicamente polos tics, pero detrás dela hai moitas historias de superación, esforzo, inclusión e tamén moito traballo por parte das familias, profesionais e asociacións que acompañan as persoas afectadas no seu día a día. 
 
Para afondar neste tema, hoxe acompáñanos Eva Lastra Barreira, nai e socia da asociación Tourette Galicia, entidade que traballa arreo para ofrecer apoio, información e recursos ás persoas con Tourette e ás súas familias. 
 
Con ela falaremos da Síndrome de Tourette, do labor que desenvolven asociacións como Tourette Galicia (ATNSASTG) e ACOVASTTA, dos retos que aínda existen e da importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis informada, respectuosa e inclusiva. Compartirá tamén connosco o balance da primeira gala solidaria celebrada en Burela no mes de abril. 
 
Coincidindo con esta data tan significativa, presentouse hai uns días un proxecto moi especial: a canción El laberinto de Alicia que Gabriela Pedre Lastra, filla de Eva, lle dedicou a súa irmá, Alicia, unha iniciativa cargada de emoción e de compromiso que contribúe a dar visibilidade á realidade das persoas con Síndrome de Tourette. 
 
Con Gabriela, falaremos da iniciativa que tivo a banda de música pop rock emerxente na que é vocalista, Golpe de efecto, do Conservatorio Profesional de Viveiro, e do videoclip dirixido por Xaime Miranda para dar visibilidade ao Tourette.
 

03/06/26

Proxecto Neo nº 493.15 - Presentación da Revista Galega de Educación con Rita Gradaílla e Bernardo Penabade

 
Hoxe saímos dos estudios da Radio Escolar do IES Perdouro para realizar un programa moi especial desde o salón de plenos do Concello de Burela. O motivo non podía ser máis significativo: a celebración do 40 aniversario da Revista Galega de Educación, lembrando de maneira especial o seu número 93, dedicado á radio escolar. 

A Revista Galega de Educación (RGE), publicación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, vén de publicar o seu número 93, un monográfico centrado na situación actual da radio escolar en Galicia, un recurso educativo que vive un momento de grande impulso e proxección. 

Aínda que Galicia conta desde hai décadas con experiencias pioneiras e moi valiosas neste ámbito —sendo exemplo destacado o proxecto Ponte... nas Ondas!, recoñecido internacionalmente e no que participa Proxecto Neo—, foi especialmente nos últimos anos cando a radio escolar se consolidou como unha ferramenta didáctica esencial nos centros educativos galegos, grazas en boa medida ao impulso dos programas de bibliotecas escolares. 

Os coordinadores deste número, os xornalistas Sergio Pascual Espinilla e Lucía Abarrategui Amado, sinalan na presentación que «falar de radio, educación e vida é iniciar un proceso de construción persoal no que as ferramentas, aprendizaxes e coñecementos adquiridos converten as ondas e o ensino en alicerces fundamentais na formación de calquera persoa». Baixo esta idea, convidan o lectorado a mergullarse nas múltiples perspectivas educativas, radiofónicas e vitais que percorren este monográfico, composto por 15 colaboracións ademais das seccións habituais da publicación. 

A elección de Burela para a presentación deste número responde tamén a un acto de recoñecemento ás experiencias de radio escolar existentes tanto na vila como no conxunto da Mariña. Destaca especialmente o caso do noso centro, o IES Perdouro, cuxa emisora escolar se converteu nun referente en Galicia por ir máis alá das paredes da aula e da propia comunidade educativa, facendo chegar as súas emisións a boa parte do territorio galego a través de diferentes canles. 
 
Neste programa especial entrevistamos a Rita Gradaílle Pernas, en representación da Revista Galega de Educación, profesora da Universidade de Santiago de Compostela do departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación, e tamén a Bernardo Penabade Rei, principal propulsor do nacemento deste programa, do Modelo Burela de Innovación educativa e traballador incansable a prol da lingua galega. E finalmente interviron Karina Parga, directora técnica de Proxecto Neo, e Miruca Parga, coordinadora do programa.  
 

29/05/26

Presentación da Revista Galega de Educación con Proxecto Neo

Este luns 25 de maio tivo lugar no salón de plenos do Concello de Burela a presentación do n.º 93 da Revista Galega de Educación. Esta edición é un monográfico sobre a radio, un medio de comunicación moi efectivo como ferramenta educativa e cun gran potencial transformador no proceso de aprendizaxe.
 
Participaron no acto Rita Gradaílle Pernas, profesora titular de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, e Bernardo Penabade Rei, dinamizador sociocultural, defensor da inclusión e da multiculturalidade e profesor de lingua galega. Por parte do IES Perdouro, asistiron á presentación Miruca Parga, coordinadora da radio do centro; Karina Parga, directora técnica, e María García Jartín e Javier Mogo Torrado, profesores do departamento de Administrativo e colaboradores na produción e asesoramento do alumnado no estudio de radio. 
 
Foron os estudantes os que dinamizaron a presentación entrevistando a Rita Gradaílle e a Bernardo Penabade. Do Ciclo Superior de Administrativo participaron Adela Castiñeira, Lucía López e Carla L. Martins. De 4º ESO, os entrevistadores foron Sara Villarquide e Hugo Fernández. 
 
Rita Gradaílle destacou o papel da radio como recurso didáctico e puxo en valor as experiencias de diferentes centros educativos de Galicia, publicadas neste n.º 93 da revista. Salientou tamén o papel da lectura para conseguir fluidez á hora de expresarse oralmente, mais tamén á hora de redactar e de enriquecer o vocabulario. 
 
Bernardo Penabade afirmou que a radio non serve só para mellorar a competencia lingüística e comunicativa, senón tamén para acrecentar a responsabilidade e dotar de madurez ao alumnado. Tamén manifestou a dificultade de levar adiante proxectos deste tipo, que reciben moitos apoios mentres son teóricos, mais que se atopan con considerables atrancos cando se poñen en práctica. 
 
A conclusión de todos os docentes foi que a radio, como ferramenta didáctica, produce resultados moi satisfactorios e, en moitas ocasións, marca o futuro académico e profesional dos estudantes que participan nela. 
 
Asemade, o medio radiofónico debe estenderse fóra das paredes das aulas e manter a interacción necesaria coa sociedade. Neste sentido, Miruca Parga, presentadora do acto, subliñou a colaboración mutua entre o IES Perdouro e o concello de Burela, representado polo tenente da alcaldesa, Mario Pillado. 
 
Proxecto Neo, un programa con 15 anos de vida 
 
A Revista Galega de Educación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega destacou a traxectoria de Proxecto Neo, o programa de radio escolar do IES Perdouro que naceu en 2012 co obxectivo de poñer en valor os neofalantes. 
 
Este proxecto comezou en Radio Burela, emisora municipal desaparecida hai tres anos. Actualmente, o estudio de gravación deste programa de periodicidade semanal está situado no IES Perdouro e o equipo de radio está formado por nove docentes do centro e máis de sesenta estudantes que participan de forma habitual, á parte doutros compañeiros que o fan de modo puntual. A responsable das reportaxes gráficas é a fotógrafa Lucía Rivas. 
 
Unha ducia de rapaces son os locutores máis asiduos que, de xeito voluntario, acoden os mércores de 17:00 a 18:00h para gravar os guións dos programas semanais e as entrevistas presenciais e telefónicas. As seccións fixas do programa, con forma de podcast, soen elaborarse en horario de mañá.
 
Ademais disto, mensualmente emítese un espazo dedicado á saúde en colaboración coa Estratexia de Promoción da Saúde e de Prevención do concello.
 
Podes acceder a máis imaxes AQUÍ. 

27/05/26

Proxecto Neo nº 492.15 Radio Saúde Burela - 40 aniversario do Hospital Públco da Mariña

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día. 

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado ao 40 aniversario do Hospital Público da Mariña. 

Falamos con Mª Remedios Eimil Castro, Técnico Especialista de Laboratorio; Francisco Muñoz González, Médico Especialista en Anestesioloxía e Reanimación; e Mª José Cortés Canay, directora do Distrito Sanitario da Mariña.


 

20/05/26

Proxecto Neo nº 491.15 - Antonio Vidueiro & Álvaro Crego Deán

Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e unha pílula das ciencias 

Na primeira parte do programa, conversamos con Antonio Vidueiro Rodríguez, profesor de lingua e literatura galega. Con el falamos do xogo dos birlos, no que experto, e do seu labor de campo e investigación en torno aos topónimos dentro do proxecto Galicia Nomeada de recollida de microtoponimia. 

Na segunda parte do programa, recibimos a Álvaro Crego Deán, exalumno e actualmente profesor de Matemáticas. Con el, falamos do seu interese pola talasonimia, en particular dos nomes relacionados co mar na costa de Burela.  

Antonio Vidueiro

Álvaro Crego Deán


18/05/26

Presentación da Revista Galega de Educación con Proxecto Neo

 

A Revista Galega de Educación continúa a súa xeira de presentacións arredor do número 93, dedicado á radio escolar, cunha programación que levará o proxecto a diferentes puntos do país nas vindeiras semanas. 

O luns 25 de maio, ás 17:00 h, o Salón de Plenos do Concello de Burela acollerá a presentación baixo o lema “A radio escolar”, coa participación de integrantes do Proxecto Neo, representantes do Consello Editorial e alumnado do IES Perdouro, que será tamén o encargado de moderar e dinamizar o acto.

14/05/26

Proxecto Neo nº 490.15 - Especial Letras Galegas

 
Hoxe abrimos os micros para render homenaxe a unha voz imprescindible da cultura galega, unha muller que fixo da palabra un compromiso e da radio unha forma de entender o mundo: Begoña Caamaño. 
 
Recoñecida xornalista, escritora, feminista e activista política, Begoña Caamaño deixou unha pegada fonda nas ondas, convertendo a radio nun espazo de reflexión, pensamento crítico e defensa da cultura galega. Dende os estudos, coa forza da súa voz e a súa mirada lúcida, acompañou xeracións de oíntes, demostrando que a radio tamén pode ser memoria, conciencia e transformación. 
 
A súa traxectoria é exemplo de paixón polo xornalismo e de amor por Galicia, e por iso hoxe queremos lembrar non só a autora, senón tamén a profesional da radio que soubo informar, emocionar e inspirar.
 
Neste programa especial achegámonos á súa figura dende a admiración máis fonda, celebrando a quen fixo das ondas un lugar para pensar e sentir en galego. Porque falar de Begoña Caamaño é falar dunha voz que segue viva na nosa memoria colectiva. 
 
A escritora viguesa publicou dous libros : Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. 
 
Na primeira parte do programa falaremos da nosa participación na xornada radiovisual interescolar organizada polo programa Ponte nas Ondas no auditorio do Vello Cárcere de Lugo. 
 
Inmediamente a seguir, o Club de Lectura A Xanela dos Ciclos preséntanos un audiorrelato de ficción que imaxina un encontro tan inesperado como fascinante entre dous seres máxicos da literatura galega. 
 
Na segunda parte do programa, conversaremos con María Liñeira, profesora de Lingua e Literatura Galega no IES de Foz. Doutorada pola Universidade de Oxford, onde foi profesora-bolseira de Lingua e Cultura Galegas. Con ela falaremos de Begoña Caamaño, da súa obra, da súa defensa do feminismo e do seu compromiso co galego. 
 


06/05/26

Proxecto Neo nº 489.15 - Oficios

 
Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día, Mulleres na historia e unha Pílula das ciencias. 
 
Co gallo do Día Internacional dos Traballadores, en Proxecto Neo poñemos o foco en profesións de sempre, oficios que forman parte da nosa vida cotiá e da nosa memoria colectiva, pero que hoxe afrontan tempos difíciles. 
 
Nun mundo marcado pola inmediatez, pola compra rápida e polo impacto da fast fashion e das vendas por internet, moitos traballos artesanais loitan por sobrevivir fronte a un modelo de consumo cada vez máis acelerado. 
 
Hoxe queremos abrir os micros para escoitar a quen segue apostando polo coidado, pola calidade e polo valor do feito con tempo e experiencia. Falaremos cun zapateiro, cunha modista e cunha deseñadora, profesionais que coñecen de primeira man os retos dun presente que cambia a gran velocidade. 
 
Porque detrás de cada oficio hai unha historia, unha identidade e tamén unha reflexión necesaria sobre o futuro do traballo. 
 
Recibimos no estudio a Álvaro Álvarez Rego, zapateiro de Burela. Con el falamos da formación recibida para ser zapateiro, da atención ao cliente, dos zocos e calzado tradicional galego e da súa reconversión laboral. 
 
Na segunda parte do programa, conversamos por vía telefónica coas deseñadoras téxtiles responsables de Antolinas Atelier. Sara Fernández Arias e Pili Arias Villajos son filla e nai e reuniron os seus saberes para dedicarse á alta costura no seu taller de Foz. Con elas falamos de deseño, de tecidos e da confección de vestidos de cerimonia, traxes tradicionais, traxes de Entroido, de época e mesmo de noiva. 
 

29/04/26

Proxecto Neo nº 488.15 - Especial Radio Saúde Burela

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día, Mulleres na historia, a Palabra do mes e  a sección A micro Aberto.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado ÁS ALERXIAS.

A primeira entrevistada foi María González Rivas, alergóloga no Hospital Público da Mariña en Burela. Con ela falamos dos alérxenos, de como tratar as reaccións que estes provocan, das vacinas etc. 

Na segunda parte do programa, estivo Paula Rivas Cerdeiras, enfermeira na consulta de alerxias do Hospital Público da Mariña. Con ela conversamos sobre as probas diagnósticas que cómpre realizar ante unha reacción alérxica, as probas de función pulmonar ou o adestramento necesario ante unha urxencia.






24/04/26

Xornada radiovisual interescolar do programa de Ponte nas Ondas

Esta mañá participamos en riguroso directo na xornada radiovisual interescolar organizada polo programa de Ponte nas Ondas. O alumnado de 3º e 4º ESO PDC desprazouse ata o Vello Cárcere de Lugo, acompañado por Miruca Parga e Sonia Rey, para colaborar na emisión.

Durante a súa intervención, compartiron reflexións a partir de citas de Begoña Caamaño, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.

Podedes escoitalos no final da emisión, a partir de 4h12min.

22/04/26

Proxecto Neo nº 487.15 - Especial Día do Libro con Cielo Fernández & Ana Lestao Ben

 
Como cada semana, comezamos coa Noticia do Día. 
 
Hai historias que nos cambian, libros que nos acompañan e palabras que quedan para sempre. Hoxe, en Proxecto Neo, abrimos as páxinas dun programa moi especial para celebrar o Día do Libro. Imos falar de lectura, de librarías e tamén de novas voces que comezan a escribir o seu propio camiño. 
 
Para iso, estivo con nós Cielo Fernández, libreira que acaba de traspasar un dos seus establecementos, a libraría Bahía de Foz e actual presidenta da Federación de librarías de Galicia. Con ela conversamos sobre a historia da emblemática libraría fundada polo seu pai. Falamos do papel das librarías na actualidade, dos hábitos de lectura e dos retos do sector do libro. 
 
Na segunda parte do programa, coñecemos a experiencia dunha compañeira premiada en varios certames de escritura, exemplo do talento novo que vén pisando forte. Chámase Ana Lestao Ben e é alumna de 2º de Bacharelato no IES Perdouro de Burela. Acaba de ser premiada cun accésit no concurso Mellor Comentario de texto do xornal La Voz de Galicia. Ana aconsellounos sobre que facer para redactar ben e falounos do seu gusto pola literatura.



15/04/26

Proxecto Neo nº 486.15 - Rubén Prieto & Roberto Reigosa

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día.

Inmediatamente despois tivemos no estudio a Rubén Prieto, profesor de Ciclo Formativo de Fabricación Aditiva. Con el conversamos sobre os seus inicios na carreira docente, os seus estudos de Teoloxía e a súa etapa como sacerdote na hospedería do seminario de Mondoñedo. 

Na segunda parte do programa, tivemos por vía teléfonica a Roberto Reigosa, historiador da arte, investigador, paleógrafo e experto en documentos medievais en Mondoñedo. Con el falamos da figura de Álvaro Cunqueiro e da vida no medievo.

08/04/26

Proxecto Neo nº 485.15 - Especial Asociación Mariña Patrimonio

 
Como cada semana, abrimos o programa comezando cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e unha Pílula das Ciencias sobre Rosalind Franklin. 
 
Inmediatamente despois tivemos no estudio a Manolo Miranda e Toño Blanco, membros da Asociación Mariña Patrimonio, unha asociación sociocultural que botou a andar no ano 2008 co fin de defender e divulgar o patrimonio galego, centrándose especialmente na comarca da Mariña. 
 
Con eles conversamos sobre lugares de interese histórico na nosa comarca, sobre como protexer o noso patrimonio e sobre o equilibrio entre dar a coñecer a nosa zona e conservar os seus bens culturais e naturais. 
 
Na segunda parte do programa, presentamos aos novos locutores de Proxecto Neo que se foron incorporando e que veñen con moitas ganas de axudar aos nosos locutores habituais.

25/03/26

Proxecto Neo nº 484.15 - Especial Radio Saúde Burela

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado fundamentalmente ao Trastorno do Espectro Autista, tamén chamado TEA, un trastorno no desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados.

O TEA impacta non só na persoa senón tamén na súa familia, e na calidade de vida de todos os seus membros. A atención ás persoas con TEA require dunha abordaxe integral, orientada a facilitar apoios individualizados, especializados e baseados na evidencia científica, que promovan a súa calidade de vida e o exercicio efectivo dos seus dereitos. 

Independentemente do diagnóstico, a atención temperá e a educación específica teñen que estar baseadas nas capacidades e necesidades individuais da persoa con TEA así como nos apoios que precise para incidir no desenvolvemento do seu potencial. Por iso, esta tarde contamos con dúas especialistas na materia. 

Na primeira entrevista conversamos con Pilar Cebeiro Fernández, orientadora e especialista en Pedagoxía Terapéutica experta en Trastorno de Espectro Autista. Ela é Diplomada en Educación Primaria e Licenciada en Psicopedagoxía e desenvolveu o seu labor en varios Centros de Educación Infantil e Primaria, Centros de Educación Especial e Institutos de Educación Secundaria en Monforte, Foz, Burela e outros centros públicos da Mariña.

Con Pilar falamos do protocolo que se aplica no Trastorno do Espectro Autista, de como tratar a un compañeiro ou compañeira con TEA, da atención á diversidade.

Inmediatamente a seguir tivemos por vía telefónica a Estefanía López Rolle, psicóloga educativa especialista en dificultades da aprendizaxe, experta en dislexia e lectoescritura, e con especialización tamén en TEA, TDAH e Altas Capacidades. Montou o seu gabinete, que leva o nome de Pasiños de Cores, en 2018. 

Con ela conversamos sobre TEA.