Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/11/26

Proxecto Neo nº 504.16 - Especial Violencia de Xénero

Hoxe, 25 de novembro,  é unha data para lembrar a importancia de seguir construíndo unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria. É tamén unha oportunidade para recoñecer os avances acadados en materia de igualdade de xénero, froito do esforzo de moitas mulleres e homes que traballaron para derrubar barreiras, conquistar dereitos e abrir novos camiños. Mais non podemos baixar a garda, debemos seguir loitando para que ningunha muller se sinta discriminada só por selo. 

Para achegarnos a estas cuestións, contamos con dous convidados: Rocío Valle Fraga e Xosé Cabido Pérez. 

Rocío Valle Fraga, é asesora xurídica do CIM de Burela. Leva desenvolvendo o seu labor no Centro de Información á Muller desde 2001. Con ela, falaremos das axudas que pode recibir unha muller en caso de sufrir violencia de xénero, das medidas que se poden tomar para garantir a súa seguridade e de que xeito a acompañan desde o CIM.

Na segunda parte do programa teremos por vía telefónica a Xosé Cabido Pérez, profesor de filosofía e impulsor de obradoiros de igualdade dirixidos a rapaces. Con el, falaremos de novos modelos masculinos, de que os homes tamén choran, coidan ou senten tenrura. 

Emerxencias e atención inmediata 

• 016: Información, asesoramento xurídico e atención psicosocial 24 horas. É gratuíto e non deixa rastro na factura (nin no rexistro de chamadas en móbiles comprados en España). Tamén dispón de WhatsApp (600 000 016), chat web e correo (016-online@igualdad.gob.es). 

 • 900 400 273: Teléfono autonómico 24 horas, gratuíto e anónimo para mulleres vítimas de violencia ou violencia sexual e o seu contorno. 

• 982 58 06 09: Centro de Información á Muller (CIM) de Burela, correo, cim@burela.org

• 112: Emerxencias xerais e asistencia policial/sanitaria inmediata. 

• 062 / 091: Garda Civil / Policía Nacional. 

Sem comentários:

Enviar um comentário