Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

24/12/21

Especial Antía Yáñez


Programa especial Modelo Burela dedicado á obra literaria da escritora Antía Yáñez (Burela, 1991). Conducido por Karina Parga e Cristian Gómez Mesa, este documento didáctico contén colaboracións de Francisco Castro (Editorial Galaxia), Carme Cociña (IES Monte Castelo -Burela), Xulia Rodríguez (IES Urbano Lugrís-Coruña) e diversas representacións do público lector.
Como complemento, inclúe catro temas musicais directamente relacionados co contido dos libros O Misterio de Portomarín (Galaxia, 2016) e Senlleiras (Galaxia, 2018).

OUTRAS INTERVENCIÓNS DA ESCRITORA EN PROXECTO NEO



3) Programa 334, da undécima etapa (16/12/2021):  O misterio na voz de Aleixo F. Maseda.

 

16/12/21

Proxecto Neo, 334.11: Serxio G. Couto (Dambara); Aleixo F. Maseda; Lois Pérez; María Barcala


Como tantas outras veces, abrimos as portas cunha mensaxe que nos chegou desde o Colexio dos Castros grazas ás xestións de Pili Vázquez Varela, esa profesora que colabora con nós ano tras ano. Canta felicidade nos transmitiron!

Xusto despois da música de Guadi -as Costuras-, promocionamos a vertebración social dando a coñecer un novo traballo do alumnado de Ciencias da Terra e do Medio Ambiente. En catro minutos fixéronnos partícipes do segundo reto desta Generación Eco que estuda teoricamente e practica co exemplo a sustentabilidade. Lembráronnos que a preservación medio-ambiental está en avaliación continua e que, nada mellor, que preparar colectivamente as probas que diariamente se nos presentan.

Con toda esta forza acumulada, Serxio Gómez Couto presentounos o programa de actividades musicais da Asociación Dambara, a celebrar entre os días 18 de decembro de 2021 e 4 de xaneiro de 2022.

Neste mesmo programa, comezou a andadura radiofónica Aleixo F. Maseda, que nos interpretou un fragmento do Misterio do Torque de Burela, obra narrativa de Antía Yáñez.
Lois Pérez, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AEELG), fíxonos a presentación dunha Polafía dedicada a Batuko Tabanka (Mestras da Memoria), un acto a celebrar no Auditorio de Burela ás 7 da tarde do día 17 de decembro.
Na parte final do programa, a interlocutora foi a actriz María Barcala, que nos explicou o seu espectáculo titulado Libre coma os paxaros, un voo pola vida e a produción poética de Rosalía de Castro.

02/12/21

Proxecto Neo, 333.11: Odilo González (Asoc. José Afonso); Quique Roxíos (Asoc. Axuntar); Nemesio Barxa

 



Odilo González presentounos a Assoc. José Afonso (AJA) e o seu programa de actividades recentemente celebrado nas cidades de Vigo, Vilagarcía, Ferrol, Coruña e Santiago.
Con Quique Roxíos comentamos a audición dunha entrevista feita pola Cadena Ser-Occidente de Asturias a Natalia Jardón, lingüista, que falaba en representación da Asociación Axuntar.
Na terceira parte do programa conversamos co avogado Nemesio Barxa, con 60 anos de exercicio na súa profesión. O tema de conversa foi a doazón da súa biblioteca aos veciños e veciñas de Viana do Bolo, a localidade en que naceu este prestixioso intelectual.