Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

29/05/19

Proxecto Neo, 265.8: Carme Pais (Semente-Corunha); Marek Jacek Grzeszczyk; Paco Veiga




Neofalante nacida e residente na Coruña. Por libre vontade, cando tiña 15 anos, Carme Pais decidiu recuperar a lingua perdida. Conseguiuno. Neste programa coñecémola e falamos da Escola Semente, do grupo de comunicación virtual de neofalantes e tamén das familias que se xuntan nos parques coruñeses para conseguir que as súas crianzas se socialicen no idioma noso.
A historia de Marek Jacek Grzeszczyk é diferente. Este xeógrafo polaco chegou a Santiago de Compostela a través dun programa Erasmus para estudar na USC. Fixo un curso de lingua en Vigo e despois foise facendo fillo adoptivo da nosa terra. Agora anda por Euskadi.
Pola súa parte, o profesor Paco Veiga explicounos cales son os 14 puntos cos que a cidadanía de Riotorto e Meira argumenta diante da Academia Galega que o poeta Avelino Díaz sexa recoñecido co Día das Letras Galegas deste próximo ano.

22/05/19

Proxecto Neo, 264.8: Miguel Suárez (Eo-Navia); Miguel Anxo Varela; Lidia Pena




Miguel Suárez, de Boal, casou en Valencia. As súas amizades e parentes recibiron con alegría o convite, que rompeu moldes, porque foi escrito no idioma que o hoxe xornalista aprendeu na infancia. Para nós que mantivese con orgullo a súa identidade nun acto de tanta transcendencia resultounos moi chamativo e por iso quixemos falar con el. Mereceu moito a pena.

Con toda a enerxía positiva recollida na primeira entrevista, inmediatamente despois viaxamos a Ferrol para conversarmos con Miguel Anxo Varela, artista plástico. Con el falamos da música de María Manuela e Miguel -seus pais-, de Ferrol, das Belas Artes, de emigración e de retorno ás orixes. Foi outra colaboración co grupo de comunicación virtual O Mundo Fala Galego.

Nos minutos finais entramos en comunicación con Lidia Pena, a conta-contos que levou o seu obradoiro-espectáculo As Cores a Barcelona, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.

Aínda tivemos uns minutos para anunciar outra celebración: a Foliada convocada pola Fenda (Embaixada Cultural Galega) en Madrid.

15/05/19

Proxecto Neo, 263.8: Especial Paco Rivas



Paco Rivas é un escritor da Xeración dos '80 que comezou a publicar obra literaria no tránsito entre os séculos XX e XXI. Dado que naceu un día 17 de maio e dado tamén que acaba de publicar unha nova obra narrativa (O paraugas na raiola e outros relatos), decidimos dedicarlle un programa monográfico.
Primeiro fixemos unha aproximación biográfica e despois centrámonos nas súas obras de investigación sobre léxico mariñeiro. Seguidamente, centrámonos na súa produción literaria nos xéneros poético e narrativo, con especial destaque para Mar... Usía. Relatos salpresados (2018) e O paraugas na raiola e outros relatos (2019).


08/05/19

Proxecto Neo, 262.- Fran Bouso (Mondoñedo é Poesía); Ugia Pedreira (Comuna del Barruzo); Iria Moscoso (Foliada de Cervo)



O profesor Fran Bouso fíxonos crónica do encontro literario Mondoñedo é Poesía, integrado dentro do programa da festividade das Quendas. Ademais da festa dos maios, en homenaxe ao Pallarego, houbo recitais de escritores e escritoras novos e unha grande velada literaria no Auditorio Pascual Veiga coa participación de Martiño Maseda, Alberte Momán e Antón Reixa. Amenizaron con música Lino Rico e a Banda da Loba.
Ugia Pedreira presentounos un novo disco, feito en colaboración con Abel Mialma e Pierrot Rugier, con quen forma A Comunda del Barruzo. Coa súa axuda, coñecemos as particularidades da obra e escoitamos dúas cancións.
En representación da comisión organizadora da Foliada de Cervo, presentounos a Vª edición Iria Moscoso. Foi así como soubemos que teñen organizado un obradoiro de regueifas e outro de canto e pandeireta; que farán unha foliada; e que, despois de degustar carne de porco preparada de moi diferentes maneiras, chegará o prato forte coa actuación das Tanxugueiras.