Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.
Mostrar mensagens com a etiqueta Helena Valle. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Helena Valle. Mostrar todas as mensagens

04/06/14

Proxecto Neo nº 96.3 - Pere Tobaruela, Anik Nandi, Helena Valle


O número 96 foi outro programa viaxeiro. Comezamos conversando co escritor galego-catalán Pere Tobaruela,  o autor de Con ollos de neno (Biblos; 2007) e Sempre perden os mesmos (2013). A nosa Helena entrevistou o barcelonés que escribe en catalán, castelán e galego a ritmo vertixinoso, pois leva publicado medio cento de títulos nos últimos quince anos. Foi así como coñecemos o proceso que o levou a facerse neofalante.
Despois de escoitarmos a música de Status Quo, entramos en conversa con Anik Nandi, o investigador bengalí, que nos atendeu desde Esteiro (en Muros). Karina Parga conduciu unha nova entrevista centrada na transmisión interxeneracional do idioma. Diso falou co doutorando, que está en proceso de estudo das actitudes dos pais e nais de nenos e nenas de entre 1 e 6 anos.
Helena Valle, a nova voz da Mariña (para o mundo), protagonizou a última parte. Primeiro escoitámola cantando e despois abordamos a súa participación no certame musical das recentes festas de Burela (certame que gañou).

29/01/14

Proxecto Neo nº 78.3 - David Blanco (Radio Miñoca) + Helena Valle

ESCOITA O PROGRAMA AQUÍ


O programa 78 estivo dedicado á Radio Miñoca, do CPI Castro Baxoi de Miño. En representación do equipo que fai o programa de radio educativa, atendeunos David Blanco, un mozo de 3º de ESO. Primeiro presentounos os seus compañeiros (Guillermo e Adrián) e compañeiras (Jennifer, Natalia, Raquel, Sheila e Rocío) da redacción e locución. Non se esqueceu de agradecer a coordinación da profesora Begoña Martín Acero e a colaboración técnica de Guti (o profesor de Música) e Anxo (o "director" xornalístico).
Unha vez presentado o grupo humano, David Blanco respondeu a un completo cuestionario, de maneira que acabamos coñecendo con pormenor o funcionamento. Falamos de planificación, de produción, de redacción e de locución. Sempre nun ton absolutamente espontáneo. 
Seguidamente coñecemos o noso entrevistado e a súa familia. Soubemos que naceu en Londres en 1998 e que naquela cidade se coñeceron a súa avoa e o seu avó maternos (ela galega de Cariño e el hindú). Recibimos a novidade con sorpresa e aproveitamos para facer unha sinxela semblanza do magnífico traballo no sector audiovisual de Puri Seixido (actual alcaldesa de Cariño).
NA segunda parte do programa, enviamos os parabéns para a avoa de Maca Ledo -A Sra. Loli estaba de cumpreanos-. Dedicámoslle dúas cancións: unha da Coral Polifónica de Burela (onde ela canta) e outra de Víctor Manuel. Mais, sobre todo, emocionámonos coas palabras que lle dedicou a súa neta.
Despois da música falamos do XXXV aniversario do Instituto Perdouro, do XX da Asociación Cultural OS Matos e... recibimos cos brazos abertos unha nova colaboradora, Helena Valle, que debutou como entrevistada e como locutora (púxolle voz ao currículo da artista viveiresa Gemma Pardo).
Así voou o tempo. Tanto voou que o noso técnico Jorge Monteiro Fidalgo exclamou: "Não pode ser. O tempo escapou". Xustamente, escapou acompañado de Milladoiro.