Hoxe abrimos os micros para render homenaxe a unha voz imprescindible da cultura galega, unha muller que fixo da palabra un compromiso e da radio unha forma de entender o mundo: Begoña Caamaño.
Recoñecida xornalista, escritora, feminista e activista política, Begoña Caamaño deixou unha pegada fonda nas ondas, convertendo a radio nun espazo de reflexión, pensamento crítico e defensa da cultura galega. Dende os estudos, coa forza da súa voz e a súa mirada lúcida, acompañou xeracións de oíntes, demostrando que a radio tamén pode ser memoria, conciencia e transformación.
A súa traxectoria é exemplo de paixón polo xornalismo e de amor por Galicia, e por iso hoxe queremos lembrar non só a autora, senón tamén a profesional da radio que soubo informar, emocionar e inspirar.
Neste programa especial achegámonos á súa figura dende a admiración máis fonda, celebrando a quen fixo das ondas un lugar para pensar e sentir en galego. Porque falar de Begoña Caamaño é falar dunha voz que segue viva na nosa memoria colectiva.
A escritora viguesa publicou dous libros : Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle.
Na primeira parte do programa falaremos da nosa participación na xornada radiovisual interescolar organizada polo programa Ponte nas Ondas no auditorio do Vello Cárcere de Lugo.
Inmediamente a seguir, o Club de Lectura A Xanela dos Ciclos preséntanos un audiorrelato de ficción que imaxina un encontro tan inesperado como fascinante entre dous seres máxicos da literatura galega.
Na segunda parte do programa, conversaremos con María Liñeira, profesora de Lingua e Literatura Galega no IES de Foz. Doutorada pola Universidade de Oxford, onde foi profesora-bolseira de Lingua e Cultura Galegas.
Con ela falaremos de Begoña Caamaño, da súa obra, da súa defensa do feminismo e do seu compromiso co galego.
Sem comentários:
Enviar um comentário