Para conmemorar 500 programas de Proxecto Neo viaxamos ata o Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela.
Alí, unha pequena comitiva de Proxecto Neo fomos recibidos por Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega e catedrática de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela.
Mais antes de conversar con ela, abrimos o programa coa Noticia do día e coa sección Ponte entre culturas, un espazo para descubrir, coñecer e poñer en valor a diversidade cultural que enriquece Burela e a nosa comunidade educativa.
Nesta segunda entrega, viaxamos ata Senegal da man de Seynabou, que nos achega á fascinante riqueza lingüística do seu país e nos axuda a descubrir a diversidade de linguas que forman parte da súa identidade cultural.
Xa na parte central do programa falamos con Dolores Vilavedra para coñecer máis de preto o labor que desenvolve á fronte desta institución, os seus principais retos e a importancia de traballar na defensa e na promoción da cultura galega.
Na segunda parte do programa tivemos no estudio a Bernardo Penabade, persoa que puxo a primeira pedra desta aventura. Con el lembramos como empezou todo, descubrimos como evolucionou a radio ao longo destes 16 anos e fixemos balance dun proxecto que xa forma parte da vida do noso instituto.
Accede á reportaxe fotográfica de Lucía Rivas, a nosa fotógrafa oficial. AQUÍ.
Ademais unha linda sorpresa do Dpto. de Fabricación Aditiva esperaba por nós hoxe no estudio para celebrar os 500 programas nas ondas!!!! Grazas Ana.

.jpeg)
.jpeg)
Sem comentários:
Enviar um comentário