Esta semana celébrase o V Día da Ciencia en Galego, unha xornada reivindicativa polo dereito a gozar da ciencia nun idioma con máis de mil anos de historia viva. Este día naceu para denunciar a exclusión do galego do ámbito científico-tecnolóxico, unha exclusión promovida polo Decreto do Plurilingüismo.
Proxecto Neo, en consonancia coas comunidades educativas do ensino non universitario galego, non quere ser cómplice dos prexuízos que sustentan semellante prohibición!
Por iso facemos nosas as palabras de saúdo que fixo públicas Nova Escola Galega.
Por iso secundamos a convocatoria da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística.
Por iso participamos na videoconferencia pronunciada polo profesor Manuel Caeiro, Dr. en Enxeñaría de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e responsábel da rede TELGALICIA sobre innovación educativa e da aplicación.
E por iso lle dedicamos o programa 103 de Proxecto Neo.
O programa 103 estivo protagonizado polo xornalista Jordi Jordá i Casademont e pola profesora Margarita López Periago.
O director da Cadea Ser en Galiza falounos da súa vocación para a comunicación radiofónica, avaliou a situación do mercado radiofónico na nosa comunidade, partillou con nós as circunstancias en que se fixo integrante da cultura galega e acabou avaliando para nós a actualidade política en Cataluña.
A profesora do Departamento de Electrónica no Instituto Perdouro fíxonos crónica das actividades do Día da Ciencia en Galego e despois tamén reflexionou en voz alta con respecto ás relacións entre Ciencia, Tecnoloxía e Xénero.
Sem comentários:
Enviar um comentário