Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

19/10/16

Proxecto Neo, 169: Erasmo Alonso (Rádio Piratona), Virgínia Lama, Marco Pereira e Jesús Arranz





Comezamos un día 4 de xaneiro de 2012. Daquela un profesor de Lingua e Literatura Galega entrevistou unha profesora de Lingua e Literatura Castelá. Ambos conversaron sobre temas biográficos, sobre aprendizaxes lingüísticas, sobre literatura e mesmo sobre música.

Despois houbo máis comezos: o de setembro de 2012, o de 2013, o do 14, o do 15... e agora chega un novo, o do curso 2016-2017. Karina Parga e Alba Geada pilotaron ao unísono a saída da nova singradura. Iso si: o típico 1,2,3 foi un desastre. Ficou claro que aínda non estamos sincronizados. Todo se andará.

Na tarde do día 19 de outubro de 2016 comezamos en conversa con Rádio Piratona, que emite desde Valadares (en Vigo). Erasmo Alonso presentounos a emisora e tamén nos falou sobre a reemisión do Grandes Voces do Noso Mundo. Soubemos así como se conseguiu que o programa de Marco Pereira se escoite en vivo en directo en toda a área metropolitana de Vigo. Soubémolo e agradecémosllo a este enxeñeiro de telecomunicación que o fixo posíbel.

Na segunda entrega conversamos no estudio con Virgínia Lama, profesora dedicada á Integración de Inmigrantes. Con ela falamos dos estudos que hai que seguir para chegar a desenvolver este traballo e despois tamén abordamos a súa experiencia en Burela. Entre Karina e Alba formuláronlle moitas preguntas para saber onde e que estudou, onde fixo prácticas e mesmo por onde transcorreu a súa experiencia profesional.

O terceiro cuarto dedicámosllo a medias a Marco Pereira, que lle comentou a Alba as impresións dos últimos tres programas do Grandes Voces. Como a entrevista foi moi boa, o profesor Jesús Arranz (director do CEIP Virxe do Carme) contactou coa emisora e transmitiulle os parabéns en representación do colexio á ex-alumna e a todos os integrantes da tripulación.

Xustamente a presentación da nova tripulación da nave Proxecto Neo ocupou os últimos minutos. Estiveron con nós Andrés Pardo, Alejandra e Sergio Alonso, Noé F. Quelle, Luís Pernas e Cristian Gómez.

Sexan todas e todos benvidos!


Sem comentários:

Enviar um comentário