Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

09/03/16

Proxecto Neo, 153.- Fermín Paz Lamigueiro




Conmemoramos o Día Internacional da Muller Traballadora en conversa con Karina Parga Chao (Vicedirectora do Instituto Perdouro). Despois de escoitarmos unha primeira mensaxe que nos mandou a profesora María Curros Ferro (da Universidade de Granada), á nosa Sra. Condutora do programa dedicámoslle a audición do poema rosaliano "unha vez tiven un cravo" recitado por un fadista portugués. A seguir escoitamos outro recitado: neste caso de Iria Carreira e Maria Aguión, estudantes do Instituto de Arzúa.

Na segunda parte do programa, conversamos con Fermín Paz Lamigueiro con quen tratamos o estado das relacións entre cultura galega e sindicalismo do sector industrial. O noso contertulio, nacido en Ribadeume -parroquia que pertenceu á Capela e que agora pertence ás Pontes-, fixo a formación escolar na escola do seu concello e despois formouse na área técnica na Coruña e en Madrid. En 1971 entrou a traballar no estaleiro de Astano en Fene e en 1974 pasou a traballar na mina das Pontes. A través das súas propias palabras, soubemos como se fortaleceu dentro del o orgullo de ser.

Sem comentários:

Enviar um comentário