Con ritmo intenso, abordamos o tema central do programa: os tráxicos acontecimentos de París. Diso comezou falando Karina Parga con Maka Ledo, que tamén conduciu a entrevista con Luís G. Blasco ("Foz"). O académico da AGLP rememorou para Proxecto Neo a súa etapa no exílio francés. Falounos dos seus traballos na capital e dos estudos de Lingüística na Universidade París VIII. No final da entrevista tamén falamos do seu ensaio titulado A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986), publicado por Laiovento (2012).
Apremiados polo tempo, recollemos unhas brevísimas palabras do artista gráfico Luís Davila a quen transmitimos o agradecemento por ter recollido o sentir da maioría de galegos e galegas na publicación que fixo en homenaxe aos colegas franceses. Simultaneamente, tamén soubemos da magnífica acollida do público ao espectáculo que Luís Davila comparte con Carlos Blanco. Neste sentido, o humorista gráfico confirmounos que a xira se vai manter no tempo.
No último cuarto do programa, establecemos comunicación con Ramirás, onde nos atendeu Edit Iseo Agilda Bolaño, unha das integrantes do grupo musical Blues do País. Esta artista presentouse como neofalante e seguidamente deu a coñecer ao público a proposta da súa formación para facer uns espectáculos moi divertidos.
(Esta fermosa imaxe foi tomada do facebook do grupo)
Sem comentários:
Enviar um comentário