Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

26/06/13

Proxecto Neo nº 61.2 - Gloria G. Niñe & Genucha García & Santiago Jaureguízar

FIN DA SEGUNDA ETAPA
Clica para escoitar o programa

Como tantas outras veces, abrimos o programa coa condución de Karina Parga, neofalante nacida entre Joigny e Auxerre; e renacida galega na Mariña, á beira do Cantábrico. A enerxía desbordada desta emigrante-retornada foi recollida ao voo por Simón Rodríguez Rouco e Serxio Rivas Valiña, que leron con entusiasmo a reportaxe que María Cuadrado lle dedicou a unha das nosas convidadas: Gloria González Niñe. Nese momento comezou o "recital" que nos brindaron Gloria e Genucha.
Máis que "recital" foi clase maxistral. Auténtica lección de historia. Falamos da presenza da muller no carrexamento do peixe entre os barcos e as fábricas de conserva. Abordamos o traballo feminino na industria da cerámica e nas conserveiras. Incluso comentamos o impacto da IIª Guerra Mundial na flota pesqueira que faenaba polas proximidades da Estaca de Bares.
Tamén contamos coa participación de Santiago Jaureguízar, que nos atendeu uns minutos desde a redacción  central de El Progreso en Lugo e que saudou en directo as participantes na tertulia, Gloria e Genucha, que estaban facendo un emocionado recordo ao paso da familia Jaureguízar por Burela e Ribadeo.
Entre episodio e episodio da conversa tamén escoitamos música. Por exemplo de Pucho Boedo, a quen redescubrimos a través das plumas de Xurxo Souto e Manuel Rivas. Foi un magnífico preámbulo para a presentación que Genucha García nos fixo da asociación Luz Acesa, unha nova fonte de axuda solidaria na Mariña.
No final do programa tamén recollemos a participación de Evinha, a de Celso Dourado e a da nosa fotógrafa oficial Lucía Rivas.

19/06/13

Proxecto Neo nº 60.2 - Dani Ladra & Marisol Manfurada & Belén Regueira & Josefina O. Barcia

Para escoitar o programa, clique aquí.

Inmediatamente despois da entrada e do saúdo na voz de Aitor López, recibimos no estudio a visita de Dani Ladra. Para el foron os primeiros aplausos da tarde. Ben merecidos: polo título da liga e por toda a enerxía positiva que nos trouxo.
A modo de intervalo, deixámonos levar polo ritmo das ondas. Estivemos abalados polo "Venhem e vam" de Marisol Manfurada. Esta rapeira da Coruña -profesionalmente dedicada ao ensino da lingua inglesa- falounos da Feira da Cultura (o Cultur.gal) e da súa visión das necesarias relacións entre as actividades culturais e o rendemento económico. Defendeu o exercicio das artes como unha profesión que debe estar recompensada como o están as outras. Marisol foi comentando en anaquiños un texto seu, que foi posto na boca de Viviane Furtado e Laura Semedo Brito. Ela falaba de mediación e de interculturalidade... e nós puxémoslle o toque humanístico ao seu discurso. Noutras palabras: lévamolo á realidade. Todo cadrou moi ben, moi axustado.
Despedimos a entrevista con Marisol coa música de Mercedes Peón, a mesma que utilizamos para recibir cos brazos abertos outra coruñesa: a xornalista Belén Regueira, neofalante. Aitor quería intervir, mais non podía. Simón tiña a man levantada, mais Belén fluía. Non era río-Belén; era Oceano-Regueira. Impresionante! A Irmandade dos neofalantes urbanos está en marcha. Esa Irmandade é o "Máis alá" co que soñaba Manuel Antonio.
Foi unha conversa mínima. Curtiña. Como un aperitivo... antes da sobremesa. Porque na sobremesa chegou a conversa coa profesora que se ocupa do Servizo de Alfabetización das Persoas Inmigrantes. Josefina O. Barcia falounos dos seus seis anos de experiencia traballando con nenos e adultos procedentes de medio mundo. Foi a visita á cimentación da normalización en Burela.

12/06/13

Proxecto Neo nº 59.2 - Lucas Fojo & Aid & Miguel Queixas & Aníbal Malvar

Chámase Lucas Fojo Grandal. Ten sete anos. Chegou de Etiopia e agora vive á beira do golfo ártabro, en Neda (terra de pan-do-país, auténtico). Lucas estuda no CEIP de Maciñeira, un colexio que conta con área de Dinamización da Lingua Galega e con unha ANPA exemplar, que organiza numerosas actividades e ten moi ben atendidas as redes sociais.
Galiza é terra de acollida para Lucas e Lucas responde a ese amor con toneladas de ternura. Si. Lucas é unha fonte de orixinalidade. As nosas palabras milenarias soan deliciosamente na súa boca.
Son dez minutos antolóxicos.
Despois escoitamos a música de Aid. Ese foi o preludio, porque a conversa con ela chegou seguidamente. A artistaza viguesa presentounos o seu último disco, así en primicia. Fíxonos sentir moi ben, porque dixo que fomos unha das primeiras radios en poñer o tema musical escollido por nós. Como esta moza fala por sete, incluso falamos da súa formación na área das telecomunicacións. Iso si: non esquecemos anunciar as datas e lugares dos seus próximos concertos.
Co apoio de Viviane Furtado e Laura Sofía Brito, falamos con Miguel Queixas, neofalante da Coruña. Que escoite a entrevista entenderá perfectamente por que hai músicos que fan centenares de quilómetros semanalmente para recibiren as súas orientacións. 
Na parte final, a liña telefónica transportounos a Madrid. Alí nos recibiu Aníbal Malvar. Con el falamos de literatura, de cinema, de música e de xornalismo. Como remate, tivemos sorpresa. Grande sorpresa. Algo único. Así é Aníbal Malvar.

Pode escoitar de novo todo o programa clicando aquí.

05/06/13

Proxecto Neo nº 58.2 - Miriam Martínez & Anthony Valladolid & Alberte Momán & César Morán

Programa 58.2. A primeira convidada foi Miriam Martínez Pérez, que nos falou da heterónima Henar Martínez Luna. Explicoúnolo todo a través da liña teléfonica desde a súa casa de Murcia. Comentounos que é licenciada en Tradución e Intepretación, que fixo uns cursos de Lingua Galega na Universidade murciana con Raul Piñeiro. A entrevistada non se limitou a coser. Fixo moito máis. Realmente fixo bordado. Incluso cantou en directo.
No estudio de Radio Burela recibimos a visita de Anthony Valladolid Bazán, un mozo orixinario do Perú e que leva oito anos na Mariña. Este estudante de 1º de Bacharelato comentounos as condicións en que conseguiu a especial integración de que fai gala.
Valéndonos do teléfono, falamos con Alberte Momán, un ferrolano que anda por Ribadeo. Alberte explicounos as condicións en que se fixo neofalante, sendo alumno do Instituto Sofía Casanova da súa cidade natal. Despois preguntámoslle pola creación literaria e incluso pola súa faceta de editor.
Como broche de ouro tíñamos prevista a tertulia con César Morán. Un desleixo á hora de copiar e colar o número de teléfono do entrevistado provocou que se nos descontrolase o tempo. Faltou escoitar un tema do disco Río de Son. Farémolo no próximo programa. 

As conversas están aquí.

29/05/13

Proxecto Neo nº 57.2 - Helen Offord & Isabel Parra

A voz de Simón Rodríguez Rouco encargouse de abrir o programa nº 57.2. Baixo a súa coordinación -e coa axuda de Andrés Sáinz Eváns e Tania Iglesias no control técnico-, presentamos os contidos e preparámonos para as dúas principais entregas.
Primeiro entrevistamos a Helen Offord, profesora auxiliar de conversa que reforza o cadro de persoal da área de Lingua Inglesa no Instituto Monte Castelo. Nacida en Bristol, esta moza do Reino Unido chegou á Mariña como resultado dun feliz acaso. Segundo nos contou Carme Cociña, unha das produtoras do programa e coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística do citado centro educativo, Helen Offord está na fase incipiente para ser considerada neofalante en idioma galego. Coas súas voces, coñecemos tamén o seu profesor, Fernando Gavín.
En Proxecto Neo puidemos escoitar un fragmento de A Veiga era como un tempo distinto, de Eva Moreda.
Na segunda parte tivemos connosco dúas mulleres apelidadas Parra, Isabel e Inés. Simón fixo unha presentación moi correcta:
Dona Isabel Parra Valle naceu un pouquiño antes da transición democrática nunha localidade aragonesa, en Barbastro (na provincia de Huesca). É a cuarta dunha familia numerosa: tres homes e dúas mulleres. Debido ao traballo de seu pai, empregado dunha empresa pública con obras por todo o Estado español, tivo que cambiar de residencia en numerosas ocasións. No comezo dos oitenta chegou á Mariña e asentouse en Burela.

O contido das conversas está aquí.

22/05/13

Proxecto Neo nº 56.2 - Nícola Bermingham & Teresa Losada

Irlandesa. Nacida en Vigo. Filla de irlandeses que aman o seu país e que aman o país noso. Profesora de Linguas. Tradutora e intérprete. Investigadora das relacións entre idioma e sociedade. Esa é Nicola Bermingham, a primeira entrevistada no programa 56.2
Comezamos o programa facendo unha aproximación ao perfil humano da entrevistada. Conversamos sobre os motivos polo que os seus pais estaban instalados en Galiza, sobre a súa escolarización no Colexio Público García Barbón, sen esquecermos o retorno da familia emigrada e a integración da nena no país de orixe/acollida.
Naturalmente tamén coñecemos a súa experiencia como estudante no Trinity College Dublin e como profesora na Faculdade de Tradución e Interpretación da Heriot-Watt University de Edimburgo.
Despois da música, falamos de como coñeceu a existencia do Modelo Burela. Comentounos que foi nun congreso celebrado en Cork e que recibiu a información a través da escritora Eva Moreda.
A segunda parte do programa resultou moi emotiva. A nosa colaboradora Lucía Rivas fixo unha magnífica produción. Seleccionou a entrevistada (Teresa Losada), documentouse sobre o alcance do seu traballo, entrou en contacto con ela e mesmo se ocupou de buscar unha música que lle gustase. Como respondeu Teresa? Pois como ela o fai sempre: coa máxima sensibilidade. Falounos do inmenso labor recollido baixo dúas palabras Monfero Solidario.
Outro modelo de educación pública.

Para que non perdan nadiña do que se falou, aquí está o arquivo coa entrevista.

15/05/13

Proxecto Neo nº 55.2 - André Peixoto & Meritxell Porral

15 de maio de 2013. Programa 55.2 de Proxecto Neo. En plena semana das Letras, recordamos a Roberto Vidal Bolaño. Tributámoslle homenaxe lembrándonos tamén de todas as persoas que representan ou colaboran nos espectáculos teatrais (persoal de programación, dos servizos culturais municipais, persoal técnico que se ocupa de luces e son, etc, etc.). Fixemos un Proxecto Neo dedicado a todas as persoas que amamos o idioma. Aos que escribiron (Rosalía, Celso Emilio, Paz Andrade...) e ás mulleres e homes que o fan hoxe (Lucía Barrera, Séchu Sende, Nuno G. Pico, Raquel Miragaia, Xoel Geada, Laura López, Sara Gil...). 
Dixémolo en voz alta, pregoándoo aos catro ventos: a todas e a todos, Feliz Semana das Letras!!
Na primeira parte, falamos con André Peixoto, un mozo de 15 anos que chegou do Brasil. Leva con nós un ano. Comentounos que vivía no Pará e que chegou á Mariña do Cantábrico con certo medo, mais asegurounos que agora está contentísimo nesta nosa terra. A André dedicámoslle un texto lindísimo de Nélida Piñón, na voz da profesora María do Carmo Cociña.
Apoiándonos no Praza Pública, dedicámoslle uns minutos á Iniciativa Lexislativa Popular "Valentín Paz Andrade", aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en data histórica: 14 de maio de 2013. Saudamos o consenso parlamentar coa música de Sérgio Godinho en "A vida é feita de pequenos nadas".
Na segunda parte, a convidada foi Meritxell Porral Novis, que naceu  nas montañas do Principado de Andorra e que estudou Ciencia Política e da Administración en Cataluña. Con ela falamos do modelo lingüístico da escola do seu país, da interculturalidade dos 90.000 habitantes de Andorra e da súa experiencia laboral na área de Recursos Humanos.

Aquí está o programa íntegro.