REENCONTRO
Entre
as 5 e as 6 da tarde do 25 de setembro, reunímonos de novo no
estudio de Radio
Burela para
comezar unha nova etapa no camiño iniciado o 4 de xaneiro de 2012.
Baixo a batuta da nosa Sra. Condutora -desta vez convertida en
Capitana- saímos por mar co ritmo de Fausto Bordalo Dias.
Despois
puxémonos en contacto con Lubián,
onde nos atendeu Felipe, o alcalde que
recibe así as visitas:
Como
alcalde do Concello de Lubián, teño a honra de acoller e darlles a
benvida a tódolos visitantes desta páxina.
Aos
de dentro, que vivimos nas Portelas ou máis alá delas, máis alá
deses funís polos que pasamos no aire do demo ó irmos e virmos
polos camiños de Deus, só teño que dicirvos que neste intre estou
a falar no voso nome.
Aos
de fóra, porque sodes doutras terras ás que amades por riba de
todo, tódolos veciños deste concello desde Padornelo ás Hedradas,
dámosvos a benvida cos brazos abertos e un aceno de relouco na face,
porque cada vez que visitedes esta humilde terra, sexa real ou
virtualmente, ides querela un pouco máis, tanto como se fose a vosa.
É que non a hai máis agarimosa.
Vinde. Quedádevos un pouquiño
máis, e faravos cóxegas nas entrañas o son das nosas cachoeiras
remexido cos asubíos dos aureolos, que nós chamamos milpéndoras,
os aturuxos do moucho cárabo e os rechouchíos de mil paxaros que
inda hoxe andan a disfrutar da natureza do val, compartíndoa
connosco e convosco.
Unha
aperta de carballo.
Felipe
Lubián
Sen
perdermos un minuto, viaxamos a Compostela para falar cun neofalante
de referencia na educación en valores non só en Galiza senón tamén
internacionalmente. Con Manolo Dios Diz falamos
do Seminario Galego de Educación para a Paz e tamén das actividades da Cátedra da UNESCO.
Despois
de saudar a nova incorporación de Radio Burela, Carlos
Pardeiro Casabella,
puxémonos en contacto con Paulo Martínez Lema,
profesor de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Deusto.
Todo
amenizado coa música do Clan Maragato e
de Davide Salvado.
Sem comentários:
Enviar um comentário