Seccións

25/09/13

Comezamos!!! Terceira etapa, Programa nº 62.3

REENCONTRO
Entre as 5 e as 6 da tarde do 25 de setembro, reunímonos de novo no estudio de Radio Burela para comezar unha nova etapa no camiño iniciado o 4 de xaneiro de 2012. Baixo a batuta da nosa Sra. Condutora -desta vez convertida en Capitana- saímos por mar co ritmo de Fausto Bordalo Dias.
Despois puxémonos en contacto con Lubián, onde nos atendeu Felipe, o alcalde que recibe así as visitas: 

Como alcalde do Concello de Lubián, teño a honra de acoller e darlles a benvida a tódolos visitantes desta páxina.

Aos de dentro, que vivimos nas Portelas ou máis alá delas, máis alá deses funís polos que pasamos no aire do demo ó irmos e virmos polos camiños de Deus, só teño que dicirvos que neste intre estou a falar no voso nome.

Aos de fóra, porque sodes doutras terras ás que amades por riba de todo, tódolos veciños deste concello desde Padornelo ás Hedradas, dámosvos a benvida cos brazos abertos e un aceno de relouco na face, porque cada vez que visitedes esta humilde terra, sexa real ou virtualmente, ides querela un pouco máis, tanto como se fose a vosa. É que non a hai máis agarimosa.

Vinde. Quedádevos un pouquiño máis, e faravos cóxegas nas entrañas o son das nosas cachoeiras remexido cos asubíos dos aureolos, que nós chamamos milpéndoras, os aturuxos do moucho cárabo e os rechouchíos de mil paxaros que inda hoxe andan a disfrutar da natureza do val, compartíndoa connosco e convosco. 

Unha aperta de carballo. 
Felipe Lubián 

Sen perdermos un minuto, viaxamos a Compostela para falar cun neofalante de referencia na educación en valores non só en Galiza senón tamén internacionalmente. Con Manolo Dios Diz falamos do Seminario Galego de Educación para a Paz e tamén das actividades da Cátedra da UNESCO.

Despois de saudar a nova incorporación de Radio Burela, Carlos Pardeiro Casabella, puxémonos en contacto con Paulo Martínez Lema, profesor de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Deusto.
Todo amenizado coa música do Clan Maragato e de Davide Salvado.


Sem comentários:

Enviar um comentário