Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

05/04/12

Proxecto Neo nº13 - Jesús Arranz González


"Eu cheguei a Galicia no 1979, porque en Valladolid tiven noticias dunha experiencia pedagóxica con nenos difíciles no colexio Santo Anxo de Rábade. Interesoume. Cando cheguei aquí tomei contacto con Suso Vaamonde, con Milladoiro, cos Soños na gaiola, con Fuxan os Ventos... A min cautivoume o tema da bruxa de Antón Seoane e Milladoiro. Comecei a utilizalo moito en recitais no colexio cos cativos. Deime conta de que era unha música moi relaxante, dentro da cal entraba a sensibilidade de Galicia. Por iso collín ese tema como símbolo da música de Galicia e de todo o que significa Galicia para min".

Mércores 4 de abril, décimo-cuarta entrega de Proxecto Neo.
Neste novo programa conversamos con Jesús Arranz González (Peñafiel), profesor de música do CEIP Virxe do Carme de Burela. Ademais tivemos como colaboradores especiais a Moncho Mariño, xornalista e colaborador do Dioivo, e a Alba García Pico, tradutora e intérprete.
Nacido na cidade de Peñafiel, en Valladolid, o profesor Arranz fíxose fillo adoptivo da Mariña, a onde chegou para exercer o ensino tras pasar por outras localidades galegas. Na conversa falamos de música: da súa participación no grupo Talanquera, que interpretaba pezas tradicionais castellanas; da dirección coral, da Semana do Jazz, da Banda de Burela, da súa familia de compositores e intérpretes...
Nos primeiros minutos, a través da audición dun romance musicado polo grupo formado por Jesús e os seus irmáns, xa se pulsa perfectamente o ritmo do resto do programa. Unha peza de grande interese educativo.

Sem comentários:

Enviar um comentário