Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

16/02/23

Proxecto Neo, 376.12 (O PROGRAMA DA PONTE): Gerardo Feijó (Ponte nas Ondas); Eduardo de Martís (Galicia Latente); Silvéria Rocha; Noely Borges


Comezamos o programa coa estrea da Ponte, a nova música da Ponte nas Ondas para celebrar o Día Mundial da Radio. Este novo tema musical, transfronteirizo, é o resultado do traballo conxunto dunha galega (Uxía Senlle), unha portuguesa (Celina da Piedade), un brasileiro (Chico César) e un mozambicano (Cheny Wa Gune).
Na segunda parte do programa coñecemos a realidade da Galicia Latente coa presentación do seu director, Eduardo de Martís.

09/02/23

Proxecto Neo, 375.12: Lucía Roldán (IES Arteixo); Carla Dopazo (IES Eusebio da Guarda); Íker Trillo; Moustaphá Sarr; Vanesa Vila Verde



Lucía Roldán, do IES de Arteixo, fíxonos a recomendación literaria da semana. Xusto despois, entrou Berto así ao estilo volcánico. Era unha maneira de introducir a entrevista con Carla Dopazo, do IES Eusebio da Guarda.
Na parte central do programa estivemos con Íker Trillo, que dentro duns días participará co equipo de Valencia na final dun campeonato de baloncesto en Barcelona. Con el estivo Moustaphá Sarr, que nos presentou o primeiro programa radiofónico da súa autoría.
A profesora Vanesa Vila Verde presentounos a Iª edición do Día da Literatura Cabo-Verdiana a celebrar en Burela o próximo día 14 de Marzo.

02/02/23

Proxecto Neo, 374.12: Efigenia Maseda; Iván G. Lanzas (IES Pedra da Auga); Noa Castro (CT Barreiros); Manuela Seijo e Marina Rubal



Efigenia Maseda, profesora de Latín e Grego, abre o programa coa súa recomendación literaria e dá paso á música de Fátima Pego e DJ Sonic.
O profesor Iván G. Lanza do IES Pedra da Auga, de Ponteareas, falounos da súa experiencia como neofalante. Este profesor de Formación e Orientación Laboral (FOL), nacido en Madrid, incorporou ao seu repertorio o idioma galego xusto en quinto lugar.
Noa Castro é integrante do Clube de Teatro de Barreiros. Visitounos no estudio e presentounos a entidade en que está recibindo formación en materia de dramatización.
A última das entrevistas tivo tres protagonistas: dúas presentes e outra en situación de suxeito elíptico. Manuela Seijo e Marina Rubal presentáronnos un audiovisual dedicado á profesora Cándida Campos e por elas producido, guionizado, gravado e montado.

25/01/23

Proxecto Neo, 373.12: Manuel Piñeiro (ROGA COLECTIVA); JOZI OLIVEIRA (BURELA F.S.); Víctor López (EMB)


Momento en que é entrevistada Jozi Oliveira, do Burela FS

Carme e Sara entrevistan o seu compañeiro Víctor López



O historiador Manuel Piñeiro presentounos unha nova asociación defensora do patrimonio: A ROGA COLECTIVA, que recentemente fixo público un manifesto fundacional e que nós daremos a coñecer a través das redes sociais.
Despois de falarmos de TRABALLOS COMUNITARIOS, tivemos unha nova entrega do espazo que leva por título "Si, Muller! Deporte". A convidada nesta iniciativa incluída nos "365 días de respecto e igualdade" foi Jozi Oliveira, unha das estrelas do Burela F.S.
Xa contra o final do programa, estivo con nós Víctor López, estudante de primeiro de ESO, que nos falou da riqueza paisaxística e patrimonial da comarca ancaresa.

18/01/23

Proxecto Neo, 372.12: Marta Rodríguez (IES Eusebio da Guarda); Carme Cociña



Marta Rodríguez, de 17 anos, estuda o 1º curso de bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda, da Coruña. Nós falamos con esta representante da Xeración das Galescolas, xusto no momento en que están chegando á maioría de idade. Unha entrevista recomendada para ser escoitada por alumnado, polas familias e por todo o profesorado (moi especialmente o das Linguas e o implicado nos ENL).

Na segunda parte do programa a protagonista foi a profesora Carme Cociña, que acaba de terminar o período docente. Con ela falamos sobre docencia e evolución do idioma galego desde 1975 á actualidade (didáctica da lingua e da literatura, xestión escolar, equipas de normalización...).



12/01/23

Proxecto Neo, 371.12: Yanira Lopes Martins; Cristian G. Mesa; Serxio A. Mon; Jessica Fernández



Certísimo: Se non saes... non podes entrar de novo. Esa é a idea central do audivisual Si ka badu, ka ta biradu, de Sonia Díaz e Óscar Vázquez. Nós quixemos coñecelo desde dentro e desde a óptica dunha das protagonistas, a estudante de Yanira Lopes Martins. Con 12 anos, fala con toda a forza que se recolle nesta gravación.
Máis tarde, Cristian Gómez Mesa falounos do Certame Galego de Regueifa, un festival competitivo celebrado no Pazo da Cultura de Carballo; e Serxio A. Mon deunos a coñecer as súas impresións sobre un audiovisual dedicado á profesora Cándida Campos Crecente.
A última parte do programa tivo de protagonista unha das redactoras do www.neofalantes.gal. Jessica Fernández atendeu a nosa chamada.

SI KA BADU, KA TA BIRADU


NOVA INCORPORACIÓN
ao programa
DJENNIFER de BRITO SEMEDO
(11/01/2023)

Nacida en 2005 na localidade de Fonte Lima, municipio de Assomada, na illa caboverdiana de Santiago, Djennifer de Brito Semedo é estudante do segundo curso de Formación Profesional Básica na modalidade de Servizos Administrativos. 
En Burela, a onde chegou en 2014, realizou estudos da etapa do ensino primario e agora realiza os do nivel secundario. Desde a infancia, participa no cadro artístico do grupo Batuko Tabanka.




04/01/23

CELEBRAMOS o 11º ANIVERSARIO EN CONVERSA CON ANXO RIVAS (de RADIO FOZ)



Anxo Rivas fala con Bernardo Penabade no día en que a emisión de Proxecto Neo alcanza os 11 anos de emisión continuada.
Durante 15 minutos fálase de como naceu o programa, dos obxectivos con que foi deseñado e das metas alcanzadas durante todo este período de tempo.
Xunto coas emisións de Proxecto Neo e Grandes Vozes do Nosso Mundo, a equipa Modelo Burela colaborou con diversas entidades e realizou ducias de programas non regrados.