Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

20/01/16

Proxecto Neo, 146.- Guido Leboroni, Antón Fernández Escuredo e Marco Pereira




O italiano Guido Leboroni fálanos dos brinquedos educativos elaborados por www.galileonenos.com. Así coñecemos a Galiña de Mos, unha Ovella Galega, un Peregrinus moi antigo -e ao mesmo tempo moi moderno-, unha Mestra Cosmopolita (ao estilo Irmandades da Fala) e incluso un mapa interactivo para coñecer a nosa terra. Tamén coñecemos o segredo para que unha persoa orixinaria do oriente da península italiana exerza tamén de galego tanto na nosa terra como fóra dela. 

Pola súa parte, o xornalista Antón Fernández Escuredo evocou para nós a súa infancia na Arxentina -onde a súa familia estaba moi estreitamente relacionada coa colonia galega- e o paso para Cataluña cando tiña menos de dez anos. Ademais de nos falar de como completou a educación básica, tamén nos recordou a formación secundaria e mesmo a superior. Despois explicounos como se integrou no ambiente cultural galego e tivo especiais palabras de eloxio para Camilo Valdeorras e para Basilio Losada.

Nos últimos minutos, recibimos a visita de Marco Pereira Oliveira, que nos presentou os contidos de Grandes Voces do Noso Mundo, o programa musical de Radio Burela emitido todos os venres entre as sete e as oito da tarde.

13/01/16

Proxecto Neo, 145.- Cultura Galega en Cataluña (Con Sabela Labraña na memoria)




Abrimos o programa 145 facendo referencia a Cedeira. Porque de Cedeira é Guadi, a intérpre da fermosa canción que escoitamos: Mergullei. E porque de Cedeira é tamén o profesor de Matemática Antón Labranha, que nos falou das súas orixes familiares nas Asturias e no concello galego de Navia de Suarna. Ademais de presentarnos a súa irmandade numerosa (oito), a petición nosa falounos especialmente de Carlos e de Sabela, ambos estreitamente vinculados á creación literaria e ensaística en lingua galega.
Xustamente despois de que Antón nos recordase a formación en Maxisterio de Sabela e de que nos describise sinteticamente o seu periplo por Cataluña, onde exerceu a docencia no ensino primario e no superior, viaxamos ao "Vigo do Mediterráneo" -como lle chamou Belén Real a Barcelona- para falar coas persoas que protagonizan a vida cultural galega tanto na cidade como no País Catalán.

"Señoras e señores, estamos en conversa co escritor Anxo L. Baranga. El é do Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras. Desde o ano 1979 reside en Barcelona", -dixo Mónica Palacios na súa presentación e despois Maka Ledo encargouse de que o polifacético escritor, deseñador e activista cultural evocase para nós algunhas das súas vivencias durante os moitos anos que leva instalado naquela terra. Quedámonos co fundamental: o Centro Galego, o período posterior ao Nunca Máis... e Sabela Labraña.

Sobre todo este movemento cultural tamén conversamos con Belén Real, que nos atendeu en representación da ERGAC. Nun delicioso galego con acento catalán lembrou para nós a súa implicación na cultura galega desde a etapa universitaria na Universidade de Barcelona onde foi alumna de Basilio Losada, Sabela Labraña, Helena González e Chus Lama. Naturalmente tamén nos presentou as emisións radiais galegas en Cataluña, que continúan moi vivas (aínda que tamén é certo que a nosa interlocutora se queixou da influencia negativa dos recortes económicos institucionais).

Desde Santiago de Compostela, atendeunos un catalán-galego ou galego-catalán: o profesor Valeriá Paül Carril (da Faculdade de Xeografía da USC). Con el falamos brevemente sobre GALAUDA, a iniciativa de interculturalidade irmá da nosa. Como tíñamos pouco tempo, prometeunos que nos atendería noutra ocasión para tratarmos o tema máis en profundidade.

No final do programa, conversamos -aínda que só uns minutiños- cunha das persoas que fixo posíbel a emisión de hoxe (unha magnífica produtora, que nos facilitou nomes, teléfonos e enderezos): Sonia Varela, a docente universitaria a quen xa tíñamos entrevistado no programa dedicado á Esmorga (na adaptación cinematográfica).

Como non había máis tempo, finalizamos este especial da cultura galega en Cataluña dedicado a Sabela Labraña con música galega moi relacionada con Cedeira. 

Durante case unha hora estivemos voando dun lugar a outro, mais antes de nos despedir xa puxemos de novo os pés na terra.

16/12/15

Proxecto Neo, 144. Brais Morán e Xiana Lastra


Mónica Palacios Ferreira

O programa 144 estivo dedicado integramente á música galega. Escoitámola. Falamos dela e demos a coñecer dúas novidades discográficas.
O primeiro convidado foi Brais Morán, compositor e intérprete de pezas musicais que xa tíñamos escoitado en Proxecto Neo en programas anteriores. O artista coruñés, con vínculos familiares en Mondoñedo, atendeunos durante un descanso da súa xornada laboral. O ex-integrante de Loretta Martin presentounos o seu primeiro disco en solitario: Cruzando o Eclipse.
Na segunda parte do programa conversamos con Xiana Lastra, que tamén nos presentou A lúa prendeu a luz de Puntada sen fío

09/12/15

Proxecto Neo, 143. Leticia Breijo Fernández (Asociación de Desenvolvemento "Nordés")



O programa 143 comezou cunha excelente noticia: a licenza galega que permite a participación dos mozos inmigrantes nas competicións futbolísticas federadas. A esta medida chegouse grazas a unha proposición "non de lei" aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza recentemente pola que se obriga a Federación Galega a expedir esa licenza. En Proxecto Neo falamos cun dos beneficiados, Lavilson Rodrigues Monteiro, quen tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que fixeron xestións para solucionar o problema da exclusión. Ademais de dar as grazas ao presidente da A. D. Porto de Burela, ao treinador Abel e ao delegado do equipo xuvenil (Suso Coto), o mozo de orixe caboverdiana comentounos que levaba agardando por esta decisión desde o mes de agosto e que -aínda tendo en conta os obstáculos administrativos- estivo asistindo ás sesións preparatorias durante tres días á semana ao longo destes catro meses. 
Despois de escoitarmos a música de Xiana Lastra e os Puntada sen fío, entramos en conversa con Leticia Breijo Fernández (O Vicedo, 1992). A presidenta de Nordés -a Asociación para o Desenvolvemento das Terras da Faladora- atendeunos desde Madrid, onde está realizando estudos de mestrado na especialidade de Historia Contemporánea. O tema de conversa foi a mellora da competencia comunicativa na expresión escrita, poñendo como exemplo a experiencia dun obradoiro específico organizado por Nordés e realizado na Casa da Cultura do Vicedo. Ademais de falarmos sobre o aproveitamento das novas tecnoloxías (whatsapp, SMS, correo electrónico e redes sociais), tamén tivemos tempo para comentarmos o perfil sociolingüístico da nosa convidada.
Nos minutos finais, xa co sosego que dá o paso do tempo, Karina Parga falounos de como viviu desde A Mariña os episodios bélicos entre diversos países europeos -nomeadamente Francia- e o Estado Islámico, uns episodios que levan causado centenares de vítimas. 

02/12/15

PROXECTO NEO, nº 142.- Colexio Público Antía Cal





"Esta homenaxe lembrarémola sempre. Todas as persoas que estivemos alí. Unha homenaxe cálida. Houbo tanta calor, tanta emoción, que nos chegou a todas e a todos.

Había varios ingredientes nos actos. Había a parte institucional -o nomeamento de Filla Adoptiva-, mais no principio -na descuberta da placa co nome do colexio- xa comezamos a ver o que ía dar de si a xornada. Desde o minuto 1 non quixen perder nada.

Resultou emocionante ver aqueles alumnos e alumnas e a ternura de Antía. Ver a xente do pobo, as amigas, os amigos, ver a familia... Un día fantástico. Moi completo" (Aurora Marco)


Proxecto Neo -o programa de radio educativa inspirado no modelo pedagóxico das Irmandades da Fala, concretizado e posto en práctica en iniciativas tan magníficas como a que impulsou Dona Antía Cal Vázquez en Vigo- quere contribuír a gardar na voz dos e das protagonistas actos como o celebrado o día 28 de novembro de 2015 en Muras.
Con esa intención puxémonos a traballar. Primeiro pensamos en dedicar a emisión nº 142 a Neira Vilas, Chao Rego e Antía Cal. Mais o tempo resultaba moi escaso para meter tantos contidos. Pensamos en prescindir da música e valoramos que non debíamos facelo, porque a música é unha parte esencial de Proxecto Neo. Á vista das circunstancias, decidimos tributar homenaxe a Neira e a Chao facendo aquilo que eles facían: apostar pola cultura nosa. Propuxémonos recoller as intervencións das nenas e dos nenos labregos e transmitilas á nosa audiencia neofalante para contribuír ao seu renacer no día a día. Conseguímolo.
Na primeira etapa atendeunos a Tenente da Alcaldía de Muras, Belén Chao, que nos fixo crónica do desenvolvemento dos actos do Encontro Cultural. Inmediatamente despois, puxémonos en comunicación co centro de ensino. Falamos coa súa directora -a profesora Beatriz Permui- e sentímonos como na casa, porque nos meteu en plena clase de inglés e porque nos presentou nome a nome as nosas estrelas colaboradoras: Noelia, Uxía, Bernardo, Miguel, María, Mara, Estrella e Cristian.

"Non te coñecíamos de nada pero, cando te coñecemos, tratáchenos como da familia" contounos Cristian Guerreiro Carballido que lle dixera a Tita, alí diante de toda a xente. E nós emocionámonos escoitándoo e escoitando todo o que nos contaron. Por exemplo: a descrición da caixiña coa que presentearon a homenaxeada, unha caixiña que levaba unha foto moi especial.

 Despois deste recital de vitalidade, o resto foi complemento. Alba García Pico presentounos unha unidade didáctica destinada a dar a coñecer ao alumnado de ensino secundario e bacharelato a obra de Antía Cal. A Dra. Aurora Marco da Universidade de Santiago contounos as súas impresións dos diferentes actos e glosounos o contido da súa intervención na mesa-redonda en que participou co Dr. Antón Costa -tamén docente na mesma universidade-, coa profesora Mariluz e coa Sra. Genoveva Guerreiro (amigas e veciñas da familia de Antía Cal, en Muras).
O alcalde da localidade, Manuel Requeijo, accedeu a poñer coas súas palabras o punto e final ao programa. Durante a súa intervención convidounos a facer un programa en directo desde o Colexio Antía Cal... e nós tomámoslle a palabra. Será unha honra!

27/11/15

VAI PARA TI, PEPE

Pepe, non nos deu tempo de ver nacido o Balbino africano. Está en xénese, aínda que non chegases a ver o primeiro dos capítulos. Nesta mesma tarde tíñamos previsto recoller os comentarios dun especialista, un profesor africano que se prestara para ler e opinar.
Non chegamos a tempo para hoxe, mais ben sabes que o compromiso está aí. Haberá un Balbino africano e sairá da Mariña. Será un Balbino auténtico, como o da raíz.
Fíxate que recordos máis lindos.
Fíxate que recordos, Pepe.
A sementeira do mañá.
Querémoste.