Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

11/02/26

Proxecto Neo nº 479.15 - Especial 11 F, Día da Nena e da Muller na Ciencia

 
Hoxe, 11 de febreiro, celebramos o Día Internacional da Nena e da Muller na Ciencia, unha data para recoñecer o talento, o esforzo e as achegas fundamentais das mulleres ao avance científico ao longo da historia. Durante séculos, moitas delas traballaron na sombra, sen o seu merecido recoñecemento; outras abriron camiños nun mundo que lles poñía máis barreiras ca oportunidades. Este día non é só unha homenaxe, senón tamén unha chamada á acción: para visibilizar referentes, para espertar vocacións nas máis novas e para lembrar que a ciencia precisa todo o talento, sen excepcións. No programa de hoxe imos ter a sorte de escoitar a dúas científicas que nos falarán da súa experiencia, dos retos que atoparon e das ilusións que as moven cada día. Porque falar de ciencia tamén é falar de persoas, de paixón e de futuro. 
 
Na primeira parte do programa falamos con María José Ginzo Villamayor, matemática e profesora axudante doutora no departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela. Visitou o IES Perdouro dentro do programa de charlas temáticas A Ponte, da USC, e da celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia. Con ela falamos do mapa en apelidos de Galicia, un proxecto pioneiro no que as ciencias e as humanidades van da man. 
 
Na segunda parte do programa, conversamos por vía telefónica con María García Portela, licenciada en Ciencias do Medio Ambiente na Universidade de Salamanca e doutoranda "cum laude" no seu estudo sobre a ecofisioloxía comparativa de dúas especies mixotróficas de Dinophysis produtoras de toxinas lipofílicas. Con ela falamos de dinoflaxelados, un xénero de microalgas tóxicas, coñecidas por ser as principais causantes das mareas vermellas e dos peches de polígonos de bateas na costa galega, das mareas vermellas e do mar de ardora, pero tamén descubriremos como é o día a día dunha muller entregada ao labor científico. 
 
Xa cara ao final do programa falamos con Tania Merelas Iglesias, educadora social e creadora de xogos e recursos didácticos feitos de forma artesanal en Galicia. Con ela falamos do seu proxecto Avezar, un espazo creativo que ofrece propostas para incorporar o feminismo e a lingua galega no día a día. 


 






 

Sem comentários:

Enviar um comentário