Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/03/26

Proxecto Neo nº 484.15 - Especial Radio Saúde Burela

Como cada semana, comezamos co noso espazo colaborativo: A Noticia do Día.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado fundamentalmente ao Trastorno do Espectro Autista, tamén chamado TEA, un trastorno no desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados.

O TEA impacta non só na persoa senón tamén na súa familia, e na calidade de vida de todos os seus membros. A atención ás persoas con TEA require dunha abordaxe integral, orientada a facilitar apoios individualizados, especializados e baseados na evidencia científica, que promovan a súa calidade de vida e o exercicio efectivo dos seus dereitos. 

Independentemente do diagnóstico, a atención temperá e a educación específica teñen que estar baseadas nas capacidades e necesidades individuais da persoa con TEA así como nos apoios que precise para incidir no desenvolvemento do seu potencial. Por iso, esta tarde contamos con dúas especialistas na materia. 

Na primeira entrevista conversamos con Pilar Cebeiro Fernández, orientadora e especialista en Pedagoxía Terapéutica experta en Trastorno de Espectro Autista. Ela é Diplomada en Educación Primaria e Licenciada en Psicopedagoxía e desenvolveu o seu labor en varios Centros de Educación Infantil e Primaria, Centros de Educación Especial e Institutos de Educación Secundaria en Monforte, Foz, Burela e outros centros públicos da Mariña.

Con Pilar falamos do protocolo que se aplica no Trastorno do Espectro Autista, de como tratar a un compañeiro ou compañeira con TEA, da atención á diversidade.

Inmediatamente a seguir tivemos por vía telefónica a Estefanía López Rolle, psicóloga educativa especialista en dificultades da aprendizaxe, experta en dislexia e lectoescritura, e con especialización tamén en TEA, TDAH e Altas Capacidades. Montou o seu gabinete, que leva o nome de Pasiños de Cores, en 2018. 

Con ela conversamos sobre TEA.

Sem comentários:

Enviar um comentário