Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e Mulleres na historia.
Neste mes de marzo celebramos a vixésimo cuarta edición dos Premios Mestre Mateo, un certame que recoñece os mellores traballos do audiovisual galego. O mes pasado, a Academia Galega do Audiovisual desvelou as nominacións e entre elas descata o talento de cineastas da Mariña. E hoxe imos falar de cinema con dous directores.
Na primeira entrevista desta tarde conversamos con Andrés Goteira, nome artístico de Andrés González Tella, natural de Meira. Andrés ten moitas facetas profesionais: é director, montador, guionista e mesmo produtor. E é cofundador e produtor en Gaitafilmes. Ademais é enxeñeiro Técnico de Telecomunicacións e Técnico de Imaxe e Son e na actulidade está exercendo como profesor no ciclo de formación profresional de grao medio de Instalacións de Telecomunicacións no IES Perdouro de Burela. É o director da galardoada película Dhogs, gañadora de trece premios Mestre Mateo no 2018 e que foi precandidata ós Goya. É produtor e montador do documental Aurora de Area-Erina e produtor da curta Ulises de Félix Brixel.
Con Andrés falamos das súas longametraxes e documentais como Dhogs, Welcome to ma maison, ou Monstruo. Preguntámoslle pola súa inspiración á hora de escribir, polo traballo que hai detrás dunha peza audiovisual e pola motivación para seguir traballando neste mundo mais tamén pola financiación.
Inmediatamente a seguir tivemos por vía telefónica a Xaime Miranda, cineasta. É o director da curtametraxe Hippocampus con guión de Nuno Pico, membro do grupo musical Grande Amore, coa que gañaron o premio á mellor curta de produción galega no Ourense Film Festival 2025. A peza foi rodada na Mariña lucense, especialmente en Barreiros, con escenas nalgunhas das súas praias. A historia achéganos á vida dun home que vive marcado por un amor breve do pasado e que, grazas ás novas tecnoloxías, consegue revivir aquel momento que cambiou a súa vida. Xaime Miranda conta xa con dous premios Mestre Mateo á mellor peza audiovisual musical, por Muinheira do Interior de Boyanka Kostova e Esquimales de Heredeiros da Crus.
Con Xaime conversamos sobre a súa recente nominación ao mellor videoclip nos Mestre Mateo con Ontes fun moi malo, unha canción de Grande Amore e tamén sobre a formación que se precisa para ser cineasta e sobre os seus plans de futuro.

.png)
.png)
Sem comentários:
Enviar um comentário