"O meu nome é Giulia. Son italiana...": así comezaba unha cuña radiofónica que nos mandou desde Granada a profesora María Curros. Xustamente despois da presentación e da música, puxémonos en conversa coa estudante de Filoloxía Árabe. Primeiro describiunos o seu lugar de nacemento (a cidade de Trento e o seu ámbito de influencia), a seguir falounos sobre a súa vocación temperá para o estudo das linguas, sobre a decisión de estudar na Universidade de Granada e, finalmente, fíxonos partícipes dos seus vínculos co idioma galego.
Como resultado da ligazón con colegas do Brasil, Giulia Conchi comezou a interesarse polo ámbito lingüístico galego-portugués, mais ese interese pasou a verse reflectido academicamente no curso 2014-2015 en Granada, onde descubriu a oferta formativa que a levou ás aulas de María Curros.
Nun breve momento, entre o desenvolvemento dos contidos, fixemos uns minutos para facer un saúdo especial en directo. Neste programa 156 contamos coa visita de Alba Geada, estudante de 6º de Ensino Básico no Colexio dos Castros de Burela. A nosa convidada estivo atentísima durante toda a primeira parte e non perdeu pormenor do guión e da interpretación que del fixeron Maka, Helena e Mónica. Despois tivo a amabilidade de concedernos unhas palabras en directo e nós non perdemos a oportunidade de saudala, de agradecerlle a visita e de convidala a participar con nós noutros programas.
Na segunda parte, conversamos demoradamente con Montse González, que nos atendeu desde Lugo, e fixemos unha presentación biliográfica a través das ondas. Noutras palabras: fixemos da radio educativa unha ferramenta de animación á lectura.
A preguntas de Mónica Palacios, a autor de Chorimas serodias presentouse e presentounos os contidos deste seu primeiro volume poético. Mais non só falamos dos poemas, senón tamén dos prólogos e dos seus referentes literarios. Finalmente, citámonos para o reencontro con motivo das Feiras do Libro de Foz e de Burela, nas que vai estar, ou sexa por calquera outra razón.
OS dous últimos minutos dedicámosllos a Camilo Nogueira, a quen felicitamos en directo con motivo de lle ser outorgado o prestixioso Premio Trasalba.
Sem comentários:
Enviar um comentário