Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

31/03/16

Proxecto Neo, 155.- Programa dedicado a D. Henrique Peinador


Un programa convencional non comezaría coa música das Adufeiras de Salitre. Iso con toda certeza. Mais o 155 foi o programa dedicado a D. Henrique Peinador e algunha maneira tíñamos que buscar para o destacar.
En verdade, no comezo o que destacamos foi a presentación do blogue dedicado ao programa Grandes Voces do Noso Mundo, emitido todos os venres entre as 7 e as 8 da tarde en Radio Burela, baixo a dirección de Marco Pereira Oliveira e a locución de Helena Valle.
Maka Ledo, entre bromas, fíxolle falar a Mónica Palacios, que nos ilustrou en pormenor sobre os contidos e o deseño do blogue que acaba de dar a coñecer.
Na segunda parte do programa falamos cun "valdeorrés en Compostela, cidade moi permeábel a moitas culturas". Así se nos presentou D Ricardo Gurriarán que proclamou: "Levo corenta anos nela e Compostela é a miña patria. Mais nunca perdín o valdeorrismo. Alí vou, como mínimo, cada mes". 
Despois desa presentación en ton tan espontáneo, o profesor da USC tomou a palabra e deunos unha clase maxistral a través das ondas. Falounos dos seus libros sobre o maio do 1968 en Santiago de Compostela; falounos de D. Lourenzo Fernández Prieto (o director da súa tese doutoramento); e presentounos o perfil biográfico de D. Henrique Peinador e das súas iniciativas empresariais e culturais. Moitos anos despois, sentímonos como se estivésemos no Balneario de Mondariz e se desde alí participásemos nun ambicioso programa de contidos interculturais.





Sem comentários:

Enviar um comentário