Como é habitual, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día e a Palabra do ano 2025.
Neste primeiro programa do ano fixemos un especial Segadores de Castela, dedicado a aqueles homes que migraban no verán para ir segar a Castela nos anos 60.
Na primeira parte do programa falamos con Cándido Rodríguez Cerdeira e Constantino Tella Gómez, labregos da Órrea, no Concello de Riotorto. Cándido do Burón foi con 16 anos, a Castela: Un ano atar e outro segar. E Tino do Conde foi con 14 anos varios anos atar. Non chegou a ser segador.
Con eles conversamos sobre como era a vida en Castela nos anos 60, canto gañaban, como se organizaban para traballar e repartir as tarefas.
Na segunda parte do programa, falamos con Paco Veiga, membro da Asociación de Veciñas e Veciños de Santa Comba da Órrea. Con el falamos do documental Segadores da Órrea e da viaxe de reencontro que tivo lugar 50 anos despois entre segadores e amos en Santa María la Real de Nieva.
Nos últimos minutos tivemos por vía telefónica a Laura Alonso Carracedo, deseñadora, fotógrafa e codirectora do documental Segadores da Órrea.



Sem comentários:
Enviar um comentário