Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

29/10/25

Proxecto Neo 467.15: Radio Saúde Burela - Adicción aos móbiles

 

Temos o primeiro programa especial Radio Saúde Burela desta temporada. 

Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día, A Pílula das ciencias e O corpo fala, unha nova sección sobre hixiene postural. Finalmente, emitimos A Palabra do mes, unha colaboración mensual coa RAG.

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado á nomofobia, o medo a estar sen o móbil.

Conversamos con Ainara Díaz Geada, enfermeira, doutora en Saúde Pública e Epidemioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde traballa como docente. As súas investigacións céntranse na influencia das desigualdades en saúde nos comportamentos de risco para a saúde das persoas mozas, como o consumo de alcol. Con ela falamos sobre o fenómeno da nomofobia, os problemas de saúde cos que se relaciona o uso intensivo dos móbiles e a súa asociación con outras condutas de risco. Ademais informaranos dos resultados do estudo SEGcohort do que é coordinadora. 

Tivemos tamén con nós a Maite Lanza Méndez, traballadora social da Unidade Asistencial de Drogodependencia de Burela. Tamén forma parte do grupo de traballo de Saúde Mental do Colexio de Traballo Social de Galicia, participa na Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención e no Consello Local da Infancia do Concello de Burela. Con ela conversamos sobre as principais adiccións que detecta no seu traballo e sobre que condutas de risco constata a través dos ordenadores ou dos dispositivos móbiles.











22/10/25

Proxecto Neo 466.15: Mario Pillado Mon & Jairo Campo Vázquez

No programa 466.15 conversamos con Mario Pillado Mon, actual tenente de alcaldesa en Burela polo Bloque Nacionalista Galego e adestrador do filial e xuvenil feminino do Burela Fútbol Sala. Con el falamos dos seus inicios, do seu gusto pola política e do seu compromiso coa mocidade e coa inmigración, tarefas das que se ocupa desde a súa concellería. 

Inmediatamente a seguir tivemos a Jairo Campo Vázquez, profesor de Educación Física, segundo adestrador do Burela feminino de primeira división do Burela FS e actual director do CEIP Plurilingue Os Castros de Burela. Con el conversamos sobre educación e disciplina mais tamén sobre fútbol, a súa outra paixón. 




15/10/25

Proxecto Neo 465.15: aRi[t]mar; Irene Rega Jul; Laura Ramos Cuba ; Lucía Ferro


Especial Día das escritoras 

Abrimos o programa nº465 cos habituais espazos colaborativos do programa: A noticia do día e A pílula científica.

O pasado 13 de outubro celebramos o décimo aniversario do día das escritoras. O programa foi unha oportunidade para celebrar a creación literaria feminina. Por iso tamén contamos cun espazo dedicado á poesía feita por mulleres nas dúas beiras do Miño. A galega Silvia Penas e a portuguesa Sílvia Mota, dúas voces con estilos distintos, mais unidas por unha mesma linguaxe, a da palabra que transforma e conmove, recitan para Proxecto Neo os poemas cos que gañaron a última edición do certame aRi[t]mar. 
Ademais Proxecto Neo contou coa presenza de tres escritoras mariñás: Irene Rega Jul, de San Cibrao; Laura Ramos Cuba de Burela e Lucía Ferro, de San Miguel de Reinante (Barreiros), tres mulleres nadas na década dos 90.





08/10/25

Proxecto Neo 464.15: Elena Valle & Estela Villar

 
Abrimos o programa nº464 retomando os habituais espazos colaborativos do programa: A noticia do día e A pílula científica.

O pasado 30 de setembro celebramos o día da tradución, e desde Proxecto Neo, sumámonos ao recoñecemento dunha profesión esencial para construír pontes entre culturas e facilitar o diálogo. 
 
Na primeira entrevista conversamos con Elena Valle, ex-alumna do IES Perdouro de Burela que actualmente exerce de traductora, correctora e localizadora de videoxogos e que nos abriu a xanela a un sector creativo e en pleno auxe. Con ela recordamos os tempos en que participaba neste programa, da súa formación e do programa Doutoral en Tradución e Paratradución. Falounos da súa tese centrada en como a localización de videoxogos ao galego pode impulsar a normalización lingüística e de outros proxectos de interese. 

Inmediatamente a seguir tivemos por vía telefónica a Estela Villar, tradutora da editorial Rinoceronte. Con ela conversamos sobre o vixésimo aniversario da editorial e sobre o valioso labor que desenvolve no ámbito da tradución e da difusión literaria.



01/10/25

Proxecto Neo 463.15: María López Sández & Sofía Barreira

Hoxe traemos unha entrega moi especial, porque imos viaxar a través das palabras, das linguas e das súas pontes. A semana pasada celebramos o Día Europeo das Linguas e non queriamos deixar pasar a ocasión de reflexionar sobre a diversidade lingüística, a aprendizaxe e a mediación entre culturas. Para iso, contamos esta tarde con dúas convidadas de excepción: 

Na primeira entrevista conversamos con María López Sández, académica da Real Academia Galega. É filóloga e escritora e actualmente é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela. Con ela falamos da paisaxe como construción cultural na literatura galega: como o espazo moldea a identidade e a narrativa. Preguntámoslle sobre o papel importante da Real Academia Galega en prol da normalización lingüística. 

Inmediatamente a seguir tivemos con nós a Sofía Barreira, unha neofalante de 16 anos que vive en Edimburgo, mais que medra co corazón en Lourenzá. Contounos a súa experiencia vital coa lingua galega e con outras linguas da súa contorna e explicounos como se desenvolve a vida dunha estudante nun instituto de Escocia.