Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

29/01/20

Proxecto Neo, 287.9: IES Xelmírez-1; IES de Vilalonga; Pilar Ponte Patiño




No segundo dos programas dedicados aos "21 días co galego" estivemos en diálogo coas comunidades educativas dos IES Xelmírez-1 e de Vilalonga (en Sanxenxo). Coa música de Clara Pino, demos paso a unha entrevista ao profesor e escritor Manuel Portas, director do primeiro dos centros: o Xelmírez. A súa valoración da participación no programa foi moi positiva: pola implicación do alumnado, dunha parte moi significativa do claustro e tamén das familias. Tamén tivo palabras de eloxio para a profesora Olga Iglesias, que se ocupa da coordinación xeral das actividades.
A intervención do director, complementouse con tres magníficas intervencións de dúas alumnas de 3º de ESO (Laura Murado e Alesandra Oreiro) e unha de 1º de bacharelato (Andrea Recarei).
A nosa primeira interlocutora no IES de Vilalonga foi a profesora Carme Picallo, que nos presentou a oferta educativa do centro e a seguir fixo o mesmo con sete alumnos e alumnas de 4º de ESO, que a acompañaban en directo. A partir dese momento, a Masa Coral Modelo Burela seguiu ao pé da letra e conversou durante uns minutos con Laura, Gabriel, Mario, Alexia e Inés.
O último terzo desta emisión de Proxecto Neo estivo protagonizado por Pilar Ponte Patiño e Serxio Alonso. O alumno de 1º de bacharelato felicitou a entrevistada polos premios recibidos nestas semanas (Rosalía de Castro, da Deputación da Coruña; e Premio da Culura Galega, na modalidade de Lingua) e a seguir centrou a conversa na evolución dos  "21 días co galego" desde os comezos en 2013 (no IES do Caramiñal) até este momento en que se implementa noutros dez centros educativos.

Sem comentários:

Publicar um comentário