Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

06/11/19

Proxecto Neo, 277.9: Serxio A. Mon; Antón Castro; Dolores L. Caión (Carballo Vivo-Friol); Mónica Fernández Valencia (Youtubeir@s)

Imaxe da Masa Coral Modelo Burela no día da integración activa do novo integrante, o mozo Antón Castro Rivas


Comezamos coa crónica dunha viaxe a Irlanda. O privilexiado cronista foi Serxio Alonso Mon, unha das voces da Masa Coral Modelo Burela. A través do seu relato viaxamos en avión a Dublín e alí tomamos un coche alugado para coñecermos a parte meridional da illa. Recreámonos na cidade de Cork e na visita á pedra da elocuencia.
A seguinte entrevista foi a de presentación dun novo integrante do equipo, que aproveitou moi positivamente o período de toma de contacto co medio. Antón Castro Rivas, de 2º de ESO, falounos das súas orixes na parroquia de Santa María Maior, no concello de Mondoñedo.
Dolores López Caión presentounos desde Friol o programa da xornada cultural dedicada ao ensaísta Celestino Fernández de la Vega, unha actividade organizada pola asociación Carballo Vivo.
Desde a cidade de Ourense, Mónica Fernández Valencia (técnica do servizo municipal de normalización lingüística) falounos do certame Youtubeir@s, que tivo un grande éxito de participación.
Neste programa tivemos tamén outra nova colaboración da comunidade educativa do Colexio Virxe do Carme, de Burela. É a gravación dun relato orixinal da alumna Laura Eixo, con acompañamento musical de Brais Cuba, Íker Dias e Sofía Fraile. A xentileza debémoslla ao profesor Roi R. Cagiao, colaborador do programa.

Sem comentários:

Enviar um comentário