Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

28/10/15

PROXECTO NEO, nº 137.- Carmen Fernández Morante; Adela Figueroa, Montserrat Lombardía, Pepe Paz; Fran Rei

Lucía Rivas captou o momento da entrevista feita a través
do programa Skype

 
Comezamos o programa 137 escoitando unha peza musical con mensaxe de ánimo e motivación. Despois de proclamar ao unísono "Sexa // o que for", entramos en contacto con Dna. Carmen Fernández Morante, que nos atendeu desde Santander, e a quen Mónica Palacios presentou como: "unha profesora con currículo Modelo Burela, porque é especialista en tecnoloxía educativa; porque imparte ensino sobre as novas tecnoloxías aplicadas á educación; e tamén pola súa traxectoria intercultural".
Na entrevista, co son do traballo de Lucía Rivas ao fondo, falamos de moi diversos temas, entre eles a adaptación da neofalante á nosa terra, "onde levo media vida" -segundo nos dixo. Despois, a profesora Morante presentounos as titulacións da Faculdade de Ciencias da Educación da USC, que son seguidas por máis de dous millares de futuros docentes. A seguir respondeu unha pregunta moi directa de Maka Ledo: "Cre que o sistema escolar está respondendo ben aos avances tecnolóxicos?"; falou da atención á diversidade; e finalmente da presenza do multiculturalismo no ensino superior.
No punto final da entrevista... a música!
Como voando, dirixímonos á India para conversar cunha grande amiga de Proxecto Neo: Adela Figueroa Panisse. A profesora luguesa atendeunos desde Shantiniketam, onde estaba acompañada pola tamén profesora Montserrat Lombardía. Ambas facían visita ao pedagogo Pepe Paz, impulsor dunha Casa da Galiza naquela terra. Na voz dos protagonistas, tivemos información sobre a presenza do idioma galego en Goa, do ensino solidario na Bengala... e de moitos temas.
Mentres facíamos entrevista, recibimos chamada de Marco Pereira Oliveira, que interviu en directo. Foi bonito unir Burela, Xove e a Mariña toda co oriente asiático.
No último cuarto, tributamos homenaxe a Manuel María. Primeiro Lavilson Rodrigues e Alex Landim fixeron crónica dunha viaxe de estudos á Casa Museo de Outeiro de Rei e despois Fran Rei púxonos o contrapunto para a mesma información.

Sem comentários:

Enviar um comentário