Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

12/12/12

Proxecto Neo nº36.2 - Homenaxe Celso Emilio Ferreiro


O programa 36.2 estivo dedicado integramente a revitalizar a palabra de Celso Emilio Ferreiro. Aitor López púxolle voz con sotaque da Mariña á biografía que recollemos da Biblioteca Virtual Galega:

Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912. Alí estudou cos Padres Escolapios, dos que recibiu unha formación cultural moi pouco común na época. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. Cando estalou a guerra, Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título. 
     
Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.

Seguidamente, viaxamos ás Cangas do Morrazo para falar con Xé Freire. O escritor mindoniense atendeu a nosa chamada e explicounos e recitounos o poema dedicado a María Soliño.

Con Gabriel Bermúdez e coa maxia das ondas viaxamos a Tenerife. Falamos con Luís, fillo de galegos, nacido en Francia. Contounos que traballa como conserxe na localidade de Candelaria, falounos do Barqueiro, da Estaca de Bares e recitounos tamén a Celso Emilio.

Moi caladiño, no estudio, estaba desde o comezo Suso do Correo Vello. Con el falamos máis tarde, despois de o presentar como o que é: mariñeiro de altura e poeta ou poeta que traballa como mariñeiro de altura.
Antes de irmos embora, conversamos telefonicamente con Andoni Herrera. Este cidadán de Barakaldo atendeunos desde Bilbao, onde asistía a un entrenamento do equipo de rugby. Levaba consigo unha antoloxía de tres poetas, entre eles Celso Emilio Ferreiro, e tivo a xentileza de nos recitar un poema da Viaxe ao país dos ananos

 O audio coa música e as entrevistas está aquí: Proxecto Neo nº 36.2

Sem comentários:

Enviar um comentário