O 48.2 é un programa que enlaza co inmediatamente anterior. No 47.2 falamos con Nathalie Nowak, educadora social da BBZ ( a entidade alemá que impulsa o programa Ida Explorer). Desta vez abordamos o mesmo tema, mais fixémolo con perspectiva galega.
Despois de escoitar música en alemán, conversamos co noso director: Santiago Pérez Docobo. Con el coñecemos o desenvolvemento da colaboración escolar coa BBZ. Soubemos que o primeiro contacto se produciu por iniciativa dun alumno e que despois se propiciaron encontros de posta-en-común, un deles en Augsburgo. A partir dese momento os intercambios fixéronse constantes e a experiencia está en activo nestes últimos catro anos.
Santiago P. Docobo comentounos o traballo realizado nun encontro recente na Coruña, encontro que estaba auspiciado pola Fundación Paideia. Preguntado polos beneficios do proxecto para o Instituto Perdouro, o noso director manifestouse moi ilusionado, porque espera que o alumnado poida aproveitar a oferta formativa que brinda a BBZ. De feito, manifestou que conta con varios mozos dispostos a desprazarse ao país xermano para recibir a formación laboral do Proxecto Ida Explorer.
Tras escoitar música do grupo Xistra (de Celeiro), cambiamos de tema e falamos de música. No estudio de Radio Burela recibimos a visita de Evinha (a quen xa tíñamos entrevistado telefonicamente). A artista luguesa participou ao longo da mañá nun obradoiro de Música coordinado pola profesora Dolores Otero e destinado a alumnos e alumnas de 3º de ESO.
En Proxecto Neo escoitamos a música da propia Evinha, mais tamén fomos testemuñas dos ánimos que lle transmitiu Xeila Villarino, en calidade de representante do Clube de Fans. Xa contra o final, entrevistamos brevemente o pai de Evinha, Julio Cajide.
O audio completo está AQUÍ
O audio completo está AQUÍ

