Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/06/14

Proxecto Neo nº 99.3 - Carmela Tomé Valiente + Santiago Fernández Lanza + Karina Parga



Imaxe do comezo da entrevista a Carmela Tomé Valiente. A convidada observa o contido do guión.

Chámase Carmela Tomé Valiente. Vive en Mariz, a un par de quilómetros do casco urbano de Mondoñedo. Ela mesma restaurou a casa en que vive e ela mesma atende diariamente a horta de onde saen verduras e legumes de produción ecolóxica. Carmela Tomé, de orixe madrileña, é antropóloga e conta cunha dilatada experiencia como cooperante. Comentounos que estivo en Nicaragua, en Bolivia, no Brasil, en Haití e na República Dominicana ao servizo de Educación sen Fronteiras. Despois tamén nos falou dos Balcáns, onde tamén estivo facendo cooperación a través dunha ONG.
Como Simón, Maca e Serxio preguntaban moi finamente, Carmela tivo que facer esforzo para responder a todo. Entón fixemos un breve descanso para escoitar unha peza de temática moi mindoniense: "Os Moinhos", de Madredeus. Despois conversamos sobre a integración cultural e coñecemos como se fixo neofalante e como mellorou os coñecementos da lingua galega a través un curso leccionado pola profesora Áurea Díaz Ramil.
Durante a conversa, non esquecemos falar do albergue que ela disponibiliza para persoas que fan o Camiño Norte. Soubemos de onde chega a xente e coñecemos algunhas historias moi suxerentes.

Unha vez escoitada a terceira peza musical, entramos en conversa con Santiago Fernández Lanza, un dos integrantes de Sondenós. Confirmamos que é neofalante e que chegou a Viveiro procedente de Luarca, onde naceu. A través das súas palabras coñecemos como lle foi ao grupo vocal nas actuacións que fixeron recentemente na igrexa de San Domingos de Bonaval e na Casa de Rosalía de Castro.

Na parte final do programa, a profesora Karina Parga fíxonos unha breve crónica da recente viaxe dunha expedición do PErdouro ao Porto, Coimbra, Lisboa, Cascais e Nazaré.

Neste programa tivemos de novo a colaboración técnica de Jorge Monteiro Fidalgo

1 comentário: