Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

31/03/22

Proxecto Neo, 345.11: Carla Trillo (atleta); María Barcala (Teatro do Atlántico); Rubén Figueroa (Ponte nas Ondas)





Inicialmente, conversamos coa atleta Carla Trillo, unha brillante referencia do deporte na Mariña. Coñecemos a súa evolución, o sistema de preparación e incluso falamos de dietas e de deporte escolar.María Barcala convidounos a revisitar vida e obra poética de Rosalía de Castro, a través do espectáculo Libre como os paxaros.
Pola súa parte, Rubén Figueroa -profesor no IES Pedras Rubas, de Salceda de Caselas- falounos da súa experiencia na Ponte nas Ondas, entidade que celebra o seu 27º aniversario.

23/03/22

Proxecto Neo, 344.11: Luis Ríos; Lin Vizoso; Noé F. Quelle




Luis Ríos é un estudante de Formación Profesional. Agora mesmo está próximo a finalizar o Ciclo de Xestión Administrativa e disponse a realizar a Formación en Centros de Traballo en Potenza (Italia) grazas ao programa Erasmus. Nós conversamos con el.
Lin Vizoso estuda Bacharelato. A súa excelente nota media permítelle ser aspirante a unha Beca Europa. Proxecto Neo falou con ela e deu a coñecer á súa audiencia o seu perfil humano.
Pola súa parte, Noé Fernández Quelle pon fin a unha etapa de sete anos consecutivos participando de maneira presencial no noso programa. Agora tamén finaliza os estudos e continuará sendo colaborador desde a distancia.

16/03/22

Proxecto Neo, 343.11: Emilio Insua; Especial #DesafíoGalego



O profesor Emilio Insua avanzounos os contidos do seu novo libro de ensaio, dedicado ao poeta viveirés Luís Sipos Magniac (1845-1879) e anunciounos a presentación a celebrar en Viveiro ás 8 da tarde do día 19 de marzo.

O contido central deste episodio está dedicado á intervención educativa #DesafioGalego, realizada na cidade de Ferrol pola comunidade educativa do Instituto Concepción Arenal. Segundo a entidade organizadora, participaron na actividade 140 alumnos de primeiro e 83 de segundo de bacharelato. Comprometéronse a cumprir obxectivos concretos para estenderen o idioma a todos os ámbitos: o escolar, familiar, virtual...». Nós conversamos con Laura Álvarez Chaos, Zahrat Essafae, Hugo Seixas e Carolina Gómez Pita.


09/03/22

Proxecto Neo, 342.11: Óscar Pérez Moronta; Iago Alcántara; Gala Dacosta Diehl



Comezamos cunha colaboración do alumnado da materia de Valores Éticos. Un traballo que nos envía o profesor Fernando Losada.
Inmediatamente despois coñecemos a traxectoria de Óscar Pérez Moronta, alumno de 1º de bacharelato, un auténtico modelo de uso lingüístico aglutinante.
Xusto despois de conversarmos con Óscar Pérez, viaxamos a Santiago de Compostela para coñecermos a iniciativa que leva por título A BOA MEDICINA. O noso interlocutor foi Iago Alcántara, alumno do 6º curso da carreira na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
Finalizamos o programa en Barcelona, en conversa coa xornalista Gala da Costa Diehl.

23/02/22

Proxecto Neo, 341.11: Antón Expósito Campo; Paula Alonso (CUAC); Cultura Científica; Paulo G. Ogando (IES J. Carballeira-Bueu)



Antón Expósito Campo, estudante no IES Perdouro, falounos sobre a súa práctica do baloncesto nos equipos de San Cibrao, Viveiro e Lugo; sobre o estudos de frauta e piano na Escola de Música de Burela; e sobre a súa participación no certame Bolsas Europa.

Paula Alonso, de CUAC FM, presentounos Nada que ver, un audiovisual que recolle os 25 anos de funcionamento desta emisora comunitaria. Con ela tamén falamos da presentación deste traballo no decurso dunha gala celebrada no Teatro Colón da Coruña e da participación de CUAC FM nun acto celebrado no Congreso dos Deputados.

Despois de escoitarmos unha nova emisión da sección de Cultura Científica, fixemos a presentación dos Bocados Matemáticos, unha obra de divulgación escrita por Paulo González Ogando publicada por Edicións Xerais.

16/02/22

Proxecto Neo, 340.11: Laura Rodríguez (estudante); Diego de Braelle (cantautor); Diego González Peña (Unidade de Saúde Mental)

 


Laura Rodríguez, alumna do primeiro curso de bacharelato, é unha das máis de 3.000 aspirantes a conseguir unha das 50 bolsas Europa para visitar durante 20 días diversas universidades do continente europeo. Nós falamos con ela.
Na segunda entrevista coñecemos a música do cantautor Diego de Braelle, que acaba de anunciar a inminente aparición do seu primeiro traballo discográfico: Ortegal.
O terceiro dos contidos estivo centrado na saúde mental. Tratámolo co Dr. Diego González Peña, que nos acompañou no estudio.

REFERENCIAS MUSICAIS DE DIEGO DE BRAELLE






09/02/22

Proxecto Neo, 339.11: Xoán Manuel BASTIDA


O Doutor Xoán Manuel Bastida acompañounos no estudio para participar nunha entrevista realizada por Nuria Ramos Cuba, Noé Fernández Quelle e Cristian Gómez Mesa.
Co Dr. Bastida falamos da súa experiencia no estaleiro de Astano, na ría de Ferrol, dos estudos de Medicina na USC e do exercicio profesional como médico.