Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

23/02/22

Proxecto Neo, 341.11: Antón Expósito Campo; Paula Alonso (CUAC); Cultura Científica; Paulo G. Ogando (IES J. Carballeira-Bueu)



Antón Expósito Campo, estudante no IES Perdouro, falounos sobre a súa práctica do baloncesto nos equipos de San Cibrao, Viveiro e Lugo; sobre o estudos de frauta e piano na Escola de Música de Burela; e sobre a súa participación no certame Bolsas Europa.

Paula Alonso, de CUAC FM, presentounos Nada que ver, un audiovisual que recolle os 25 anos de funcionamento desta emisora comunitaria. Con ela tamén falamos da presentación deste traballo no decurso dunha gala celebrada no Teatro Colón da Coruña e da participación de CUAC FM nun acto celebrado no Congreso dos Deputados.

Despois de escoitarmos unha nova emisión da sección de Cultura Científica, fixemos a presentación dos Bocados Matemáticos, unha obra de divulgación escrita por Paulo González Ogando publicada por Edicións Xerais.

16/02/22

Proxecto Neo, 340.11: Laura Rodríguez (estudante); Diego de Braelle (cantautor); Diego González Peña (Unidade de Saúde Mental)

 


Laura Rodríguez, alumna do primeiro curso de bacharelato, é unha das máis de 3.000 aspirantes a conseguir unha das 50 bolsas Europa para visitar durante 20 días diversas universidades do continente europeo. Nós falamos con ela.
Na segunda entrevista coñecemos a música do cantautor Diego de Braelle, que acaba de anunciar a inminente aparición do seu primeiro traballo discográfico: Ortegal.
O terceiro dos contidos estivo centrado na saúde mental. Tratámolo co Dr. Diego González Peña, que nos acompañou no estudio.

REFERENCIAS MUSICAIS DE DIEGO DE BRAELLE






09/02/22

Proxecto Neo, 339.11: Xoán Manuel BASTIDA


O Doutor Xoán Manuel Bastida acompañounos no estudio para participar nunha entrevista realizada por Nuria Ramos Cuba, Noé Fernández Quelle e Cristian Gómez Mesa.
Co Dr. Bastida falamos da súa experiencia no estaleiro de Astano, na ría de Ferrol, dos estudos de Medicina na USC e do exercicio profesional como médico.

02/02/22

Proxecto Neo, 338.11: Cultura Científica; Christian Diz (Trasdovento); Uxía C. Souto (IES Bergidum); Arantxa García (HULA)



O Grupo de Cultura Científica do IES Perdouro levounos de viaxe educativa polo Universo. Con ese dinamismo como base, chegamos a Oímbra para falarmos con Christian Diz, da Adega Trasdovento, que produce un viño de nome moi amoroso: Quérote!
A reciprocidade do amor pola nosa cultura abriunos as portas a coñecer unha estudante do Instituto Bergidum Flavium: Uxía Castro Souto.
A última das entrevistas estivo protagonizada pola Dra. Arantxa García Martínez, do Hospital Lucus Augusti, que nos falou da Eutanasia e que nos convidou a asistir en Burela a un acto público para abordar a actualidade dese tema.

26/01/22

Proxecto Neo, 337.11: Fran M. Hidalgo; Luís Álvarez Pousa; Cándido Paniagua


Este é o programa dos Tempos Novos. Dedicámosllo á revista que leva este título con motivo dos seus primeiros 25 anos cumprindo mes a mes coa súa presenza nos quiosques e nas caixas de correos.O primeiro convidado é o profesor Francisco M. Hidalgo, que nos comenta os contidos deste número e que nos dá a súa opinión sobre a nova liña gráfica da publicación.
O director, Luís Álvarez Pousa, atendeu a nosa chamada para felicitalo polos 25 anos ao frente da revista e explicounos os mellores e os peores momentos desta etapa que agora se cerra e presentounos os novos desafíos para o próximo cuarto de século.
Nos minutos finais, o protagonista foi Cándido Paniagua (do IES de Elviña), que nos presentou unha unidade didáctica dedicada ás Tanxugueiras.

19/01/22

Proxecto Neo, 336.11: Cristian Gómez Mesa; Lupe Blanco



Nos primeiros minutos do programa repuxemos a música da serie de animación Doraemon. Co gato cósmico como punto de partida, falamos dos Pitufos, dos Picapedra... e mesmo de Shin Chan.
A seguinte conversa tivo como protagonista o regueifeiro Cristian Gómez Mesa, que participou recentemente no Certame Galego de Regueifa.
A última das entrevistas foi precisamente coa gañadora do citado certame: Lupe Blanco.

12/01/22

Proxecto Neo, 335.11: Pablo Carral (Zintzilik Irratia); Isabel García Millán (Escola Unitaria de Ombre)




Pablo Carral, orixinario de Burela, presentounos o programa Likor Kafé emitido ás ondas a través de Zintzilik Irratia da localidade de Renteria, no País Vasco.
Pola súa parte, a mestra Isabel García Millán falounos da comunidade educativa da escola unitaria da parroquia de Ombre, en Pontedeume.