Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

27/03/19

Proxecto Neo, 258.8: Antón Lopo; Matías Nicieza; Lydia Botana



Continuamos facendo comunicación a través das ondas co apoio das redes sociais. Desta vez o primeiro tema tratado o Festival de Poesía "Alguén que respira", organizado pola Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela. Tivemos un cronista excepcional: o escritor e xornalista, Antón Lopo, integrante da Comisión Organizadora.
A Masa Coral Modelo Burela quixo transmitir os parabéns a Matías Nicieza, gañador do certame de curtametraxes convocado no Valadouro. O director de "Instrucciones para empezar a hablar gallego" comentounos o argumento da obra e presentounos o elenco co que contou.
No último terzo do programa falamos coa artista Lydia Botana, que nos valorou o espectáculo didáctico "Palabras con corazón" que mantivo en escena durante unha semana no Palacio da Ópera da Coruña (un espectáculo a que tivemos o privilexio de asistir).

20/03/19

Proxecto Neo, 257.8: Lidia Pena; César Camoira Vega; Xabier Loureiro Duarte



"Alguén que respira" é o título do Encontro de Poesía organizado en Santiago de Compostela. Nós coñecemos a convocatoria grazas á atenta mensaxe que nos enviou Alexandre Fernández Peón, do comité organizador.
Das Mullerazas soubemos a través da intervención de Lidia Pena, da Semente de Trasancos. Agora estamos á espera do momento en que teñamos disponibilidade para ver este espectáculo teatral para crianzas de entre 3 e 9 anos.
No estudio de Radio Burela recibimos a visita do profesor César Camoira Vega, editor literario e asesor lingüístico.
No final deste espazo conversamos con Xabier Loureiro Duarte, estudante do Bacharelato de Artes no Instituto Politécnico de Vigo.

13/03/19

Proxecto Neo, 256.8: María G. Jartín; alumnado CICLO XESTIÓN ADMINISTRATIVA; Xosé Lastra Muruais (NOVA ESCOLA); VOLANDO BOYS



Recibimos a visita da profesora María G. Jartín, acompañada do alumnado do Ciclo Medio de Formación Profesional da área de Xestión Administrativa. A través das súas palabras, coñecemos os contidos do ciclo e as posíbeis saídas laborais.
O profesor Xosé Lastra Muruais presentounos as resolución da 35ª Asemblea de Nova Escola Galega. A entidade pedagóxica de referencia na nosa terra consensuou un relatorio sobre coeducación e outro sobre a situación da lingua. Na mesma reunión realizou o cambio na equipa directiva, agora presidida polo profesor Lastra.
Na parte final do programa falamos con Alejandra Alonso, que nos fixo crónica da participación da comparsa Volando Boys nos entroidos da Mariña, nos cales fixo divulgación do Camiño do Mar, que une Ribadeo e Teixido (na Serra Capelada).

06/03/19

Proxecto Neo, 255.8: Christian Salles; Lucía C. Pan; María Vázquez; Noé F. Quelle



Christian da Silva Salles. Brasileiro. Economista e historiador. No século XXI cruzou o Atlántico en viaxe virtual. Destino: a descoberta do berzo do seu propio idioma. No noso programa coñecemos as motivacións, coñecemos os resultados e démolos a coñecer á audiencia.

Con Lucía C. Pan e con María Vázquez falamos sobre Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño. Celebramos os Mestre Mateo e celebramos o Día Internacional da Muller Traballadora. E gozamos das historias contadas e filmadas desde aquí.

27/02/19

Proxecto Neo, 254.8: Juan Álvarez ("Os Sibailas"); Mark Wiersma; Anxo González Guerra (www.ogalego.eu)



Abrimos o programa cunha crónica de Juan Álvarez sobre o concerto de presentación dos Sibailas en Madrid. Falamos do ambiente do concerto, do repertorio e do futuro do grupo. Non esquecemos facer unha descrición do ambiente da foliada celebrada posteriormente ao concerto.
Co californiano Mark Wiersman comezamos a falar sobre o seu paso pola Universidade de Granada, a cidade en que estudou Teoría da Literatura e onde tamén estudou piano e guitarra flamenca. Despois recordamos a súa chegada a Santiago de Compostela, os seus traballos músico-editoriais, o ensino da música en dúas escolas, a colaboración co departamento de Literatura Comparada da USC e mesmo a súa intervención do LGx15.
Na última das entrevistas, Cristian Gómez falou co profesor Anxo González Guerra, integrante da primeira promoción que entrou na especialidade de Filoloxía Galego-Portuguesa en 1976.



20/02/19

Proxecto Neo, 253.8: Sonia Sancho; Oscar de Souto (Faros, Radio Roncudo); Juan Álvarez de Toledo (Sibailas)




Silvia Sancho Gómez (Pontevedra, 1990). Graduada en Belas Artes en Salamanca. Pasou 4 anos en Xapón cunha bolsa do Ministerio de Educación, Cultura, Ciencias e Deportes nipón para promocionar a Cultura Galega a través do Manga na Universidade Politécnica de Tokyo.
Actualmente vive en Vigo e profundiza na Cultura Galega para a dar coñecer a través doutros medios de expresión artística e incluíndo outras linguas.
Por motivos alleos á súa vontade, Silvia Sancho está de actualidade precisamente como consecuencia dunha consulta nun centro de saúde, onde coincidiu cun doutor con grave problema de alerxia... e de educación.
Na segunda parte do programa divulgamos a existencia de dous antídotos para superar os problemas de alerxias: a primeira medicación tróuxonola Oscar de Souto, director de Faros, o programa de poesía en Radio Roncudo; e da segunda responsabilizouse un galego-berciano, Juan Álvarez de Toledo, que nos presentou a primeiro concerto do grupo Sibailas, que fai música tradicional galega en Madrid.

13/02/19

Proxecto Neo, 252.8: Ana Pérez (TVG); Milagros Muíña



Quen #DefendeAGalega fai exactamente o que ten que facer. Por sentido da responsabilidade. Por iso nós quixemos falar con Ana Pérez, unha xornalista con máis de vinte anos de experiencia na Televisión de Galicia. Foi a nosa maneira de celebrar o Día Internacional da Radio. Ao mesmo tempo, coñecemos as reivindicacións dos #Venres negros.
Na segunda parte do programa puxémonos en contacto coa profesora Milagros Muíña, que nos atendeu desde Viveiro. A conversa comezou con temática medievalista e continuou cos cursos internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, dos que a profesora convidada foi coordinadora.