Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

02/11/16

Proxecto Neo, 171.6: Antón Niñe


O profesor Antón Niñe no estudio de Radio Burela
en fotografía feita por Lucía Rivas


O programa 171 estivo protagonizado polo profesor Antón Niñe. A Masa Coral "Modelo Burela" reuniuse arredor da mesa do estudio da emisora e estruturou unha conversa en tres partes: a infancia e a formación académica; o exercicio da docencia e a presidencia da Asociación Cultural Os Matos; e a súa produción ensaística.
Despois dunha introdución musical de Javier Alonso "Chingla", nos primeiros minutos xa se abordaron dous temas: o do lugar de nacemento e o do apelido. Ficou claro que, vinculado durante case toda a vida a Foz, Antón Niñe naceu en Barreiros. Outro tanto ocorreu co apelido: na Internet aparece como "Níñez", "Núñez" e incluso "Niñé", mais a forma correcta é NIÑE, documentado desde o século XVIII.
De grande interese son tamén aqueles minutos en que se fala da súa familia mariñeira (porque se tratan os temas da economía pesqueira e do transporte de mercadorías) e aqueles outros en que se Antón nos evoca a súa formación no Colexio Martínez Otero e no Instituto de Ribadeo.

Unha cortina musical extraída do trillo sonoro do Clube dos Poetas Mortos deu paso a outro bloque de contidos en que falamos da experiencia didáctica no Instituto Perdouro, dos cambios na lexislación educativa e da importancia da Asociación Cultural Os Matos, que tanto leva contribuído para o noso modelo educativo cosmopolita.

Na última parte deixamos nun segundo plano o profesor para poñer no centro do foco o escritor de ensaio. Comezamos falando do libro IES PErdouro, 20 anos de vida e, como se nos foi o tempo, pasamos directamente a comentar a súa obra máis importante: Fondós, de escola a gardería infantil.

Antón Nñe co equipo de realización do programa. Encima da mesa están algúns dos seus libros


26/10/16

Proxecto Neo, 170: Alba María; Mikaela Viqueira

  

Unha auténtica masa coral. Mozas e mozos de 12, de 13 ou de 14 anos. Todos e todas con fonética modélica. Con ritmo prosódico auténtico.
Con esta materia prima, facer escola é ben fácil. Moito máis fácil aínda se contamos cunha fotógrafa oficial, que fai fotos e que non perde un instante de animar; e se contamos tamén colaboradora de excepción en tarefas de produción. Lucía Rivas e Sara Gil ou Sara Gil e Lucía Rivas.
En consonancia coa masa coral, Alba María brindounos unha magnífica entrevista. Confesounos ter nacido nas Canarias e falounos do seu retorno a Vigo, onde completou os estudos secundarios, antes de entrar na Universidade de Santiago para estudar Filoloxía. Na segunda parte da conversa, abordamos a súa formación musical. Coñecemos as condicións de participación no Festival de Teo, que acabou gañando; e fíxonos tamén partícipes da experiencia das gravacións discográficas e da aprendizaxe e a docencia na Central Folque.

Despois do de Alba, chegou o recital de Mikaela, a estudante de Xornalismo chegada a Santiago de Compostela desde Xátiva. A través das súas palabras, coñecemos as aprendizaxes desta moza pentalingüe, que chegou ao galego desde o catalán de Valencia.
En resumo: media hora antolóxica; un documento para estudar sociolingüística aplicada en calquera centro de ensino secundario do país.

19/10/16

Proxecto Neo, 169: Erasmo Alonso (Rádio Piratona), Virgínia Lama, Marco Pereira e Jesús Arranz





Comezamos un día 4 de xaneiro de 2012. Daquela un profesor de Lingua e Literatura Galega entrevistou unha profesora de Lingua e Literatura Castelá. Ambos conversaron sobre temas biográficos, sobre aprendizaxes lingüísticas, sobre literatura e mesmo sobre música.

Despois houbo máis comezos: o de setembro de 2012, o de 2013, o do 14, o do 15... e agora chega un novo, o do curso 2016-2017. Karina Parga e Alba Geada pilotaron ao unísono a saída da nova singradura. Iso si: o típico 1,2,3 foi un desastre. Ficou claro que aínda non estamos sincronizados. Todo se andará.

Na tarde do día 19 de outubro de 2016 comezamos en conversa con Rádio Piratona, que emite desde Valadares (en Vigo). Erasmo Alonso presentounos a emisora e tamén nos falou sobre a reemisión do Grandes Voces do Noso Mundo. Soubemos así como se conseguiu que o programa de Marco Pereira se escoite en vivo en directo en toda a área metropolitana de Vigo. Soubémolo e agradecémosllo a este enxeñeiro de telecomunicación que o fixo posíbel.

Na segunda entrega conversamos no estudio con Virgínia Lama, profesora dedicada á Integración de Inmigrantes. Con ela falamos dos estudos que hai que seguir para chegar a desenvolver este traballo e despois tamén abordamos a súa experiencia en Burela. Entre Karina e Alba formuláronlle moitas preguntas para saber onde e que estudou, onde fixo prácticas e mesmo por onde transcorreu a súa experiencia profesional.

O terceiro cuarto dedicámosllo a medias a Marco Pereira, que lle comentou a Alba as impresións dos últimos tres programas do Grandes Voces. Como a entrevista foi moi boa, o profesor Jesús Arranz (director do CEIP Virxe do Carme) contactou coa emisora e transmitiulle os parabéns en representación do colexio á ex-alumna e a todos os integrantes da tripulación.

Xustamente a presentación da nova tripulación da nave Proxecto Neo ocupou os últimos minutos. Estiveron con nós Andrés Pardo, Alejandra e Sergio Alonso, Noé F. Quelle, Luís Pernas e Cristian Gómez.

Sexan todas e todos benvidos!


14/10/16

EXPOSICIÓN "PROXECTO NEO EN FOTOS"


O vestíbulo de entrada ao Instituto Perdouro acolle desde o día 11 de outubro a exposición "Proxecto Neo en Fotos". A mostra recolle unha ducia de instantáneas realizadas por Lucía Rivas Ramos durante a realización de Proxecto Neo.
O profesor Antón Niñe diríxese ás persoas presentes no acto de inauguración da exposición. Lucía Rivas -no centro da imaxe- escoita atentamente as palabras de quen foi un dos seus mestres no IES Perdouro.

No evento participou unha nutrida representación do profesorado. Ademais de Karina Parga e Bernardo Penabade, que tamén tiveron palabras de eloxio tanto para a exposición como para o traballo e a dedicación da súa autora, Lucía Rivas, estiveron presentes todos os integrantes da área de Integración: Virginia Lama (con dedicación especial a esta área), Manuel Vilariño (o promotor da incorporación da docencia do Xadrez na oferta educativa do Instituto Perdouro), Cristina Ramudo e Dolores Otero.

De esquerda a dereita: Pilar Ramos (nai de Lucía), Cristina Ramudo, Karina Parga, Lucía Rivas, Virginia Lama e Marco Pereira.

12/10/16

Mondoñedo-10

Queremos agradecer publicamente a atención que a organización de Mondoñedo-10 ten coa dinamización lingüística de base (Modelo Burela) e con todas as súas vertentes, especialmente as dedicadas á integración de neofalantes (Proxecto Neo) ao convidarnos a tan importante evento. Sen dúbida, estaremos representados.