Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

04/02/15

Porta Aberta necesita o teu voto




Porta Aberta necesita o teu voto, pica aquí.

AUDIOS SELECCIONADOS 12-17 ANOS videointercultural.wordpress.com


Proxecto Neo nº 113.4 - Diana Nogueira, Antón Cortizas e Clube de Lectura do IES Monte Castelo




Comezamos o programa 113 con música especialmente dedicada ao programa "E agora que? Criaturiñas en apuros". Despois puxémonos en contacto con Diana Nogueira, a presentadora, que nos atendeu con grandísima amabilidade. Falamos da experiencia dos 16 primeiros episodios do programa protagonizado por nenas e nenos. Falamos tamén da súa experiencia como neofalante na TVG.
Unha vez que despedimos Diana, entramos en comunicación co escritor Antón Cortizas Amado, que nos atendeu desde as instalacións centrais do Instituto Perdouro, onde dirixiu un seminario de dinamización das bibliotecas escolares.
Na parte final do programa, falamos con catro mozas do Clube de Lectura do IES Monte Castelo, que nos acompañaron desde o comezo. Teresa Bermúdez, María Caamaño, Pilar Romero e Laura R. Salazar contáronnos as súas respectivas experiencias no clube de lectura dirixido pola profesora Cecilia Martín Trenor.

02/02/15

MOITAS GRAZAS, EDUCO (Educación Sen Fronteiras Galicia)


A existencia dunha entidade que fomente a Educación sen fronteiras é para nós un grande premio! Porque nos estimulan, porque nos fornece moitos e moi variados materiais didácticos e, sobre todo, porque é un referente para o noso día a día.
Vaia desde esta páxina o agradecemento pola inciativa de convocar o concurso de creación para combater mitos, estereotipos, rumores e preconceptos sobre a diversidade cultural.
Os traballos finalistas están aquí: https://videointercultural.wordpress.com/
Nós tivemos a fortuna de ser seleccionados entre estes: https://videointercultural.wordpress.com/audio-12-17-anos/

28/01/15

Proxecto Neo nº 112.4 - Marianna da Costa Santoro e Antonio Reigosa





O programa número 112 foi emitido o día 28 de xaneiro de 2015. Nel participaron a moza brasileira Marianna da Costa Santoro e o escritor Antonio Reigosa.
Cando faltaban dez minutos para o comezo do programa, a nosa convidada xa estaba entrando no estudio de Radio Burela. Chegou transmitindo alegría (algo escondida debaixo da timidez). "O que é que me vai perguntar? Só aquilo que falámos?". Claro! A conversa irá fluíndo. En Radio Burela a timidez desaparece en poucos minutos.
Ás cinco da tarde comezamos e Marianna xa se deixou levar polo ritmo da sintonía de Chemel Ruíz e Pablo Trobo. Despois falamos dela na sinopse e inmediatamente comentounos o significado de determinadas palabras da letra da primeira canción. Unha vez que escoitamos esta, coñecemos mellor a convidada. Soubemos que chegou a Burela en 2009, que estivo só un mes, e que nos anos posteriores retornou á nosa terra para visitar o seu pai, "Neco", Director Deportivo do C. D. Burela F.S. A través das súas palabras, entramos na súa escola na Barra de Tijuca, no Río de Janeiro; visitamos moitos lugares de Galiza e España; e falamos de materias preferidas e doutras que non o son.
Na parte final do programa, transmitimos os parabéns a Antonio Reigosa no momento en que o Concello de Mondoñedo o nomeou por unanimidade o seu Cronista Oficial.  

21/01/15

Proxecto Neo nº 111.4 - Laura Sofía Semedo Brito e Marta Ortiz




O programa nº 111 ("o dos tres uns" como o definiu unha das participantes) foi tamén cualificado como "o programa das Amores" -en feminino- en xogo co título dunha das cancións coa que abrimos a súa presentación: "Tres amores", de Sacha na Horta.
Coa axuda de Viviane Furtado Brito e Karina Parga, Maka Ledo conduciu a entrevista a Laura Sofía Semedo, a súa colega estudante de Bacharelato no Instituto Perdouro. Durante a conversa, falaron do seu nacemento en Vila Nova de Gaia dentro dunha familia de "brancos e negros"; e tamén evocaron os anos da escolarización e a chegada a Burela con 10 anos. Despois dun brevísimo inciso, a conversa xirou arredor dos resultados académicos do alumnado de procedencia caboverdiana.
Na segunda metade do programa, Karina Parga falou demoradamente con Marta Ortiz, unha das integrantes da compañía teatral "A tropa de trapo". Nacida na Cataluña e filla de familia andaluza, esta actriz chegou hai uns anos á nosa terra ao abeiro dunha bolsa Séneca para complementar os estudos de Maxisterio.

14/01/15

Proxecto Neo nº 110.4 - Luís G. Blasco, Karina Parga, Luís Davila e Iseo Agilda Bolaño (Blues do País)



Comezamos e finalizamos o primeiro programa de 2015 con música galega. Abrimos ás cinco da tarde ao ritmo dos acordes de "Teño tres amores", unha canción interpretada polos Blues do país, e, xa no final, despedímonos con Sacha na Horta e a súa chamada na procura de "Amante Galego-Falante".
Con ritmo intenso, abordamos o tema central do programa: os tráxicos acontecimentos de París. Diso comezou falando Karina Parga con Maka Ledo, que tamén conduciu a entrevista con Luís G. Blasco ("Foz"). O académico da AGLP rememorou para Proxecto Neo a súa etapa no exílio francés. Falounos dos seus traballos na capital e dos estudos de Lingüística na Universidade París VIII. No final da entrevista tamén falamos do seu ensaio titulado A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986), publicado por Laiovento (2012).

Apremiados polo tempo, recollemos unhas brevísimas palabras do artista gráfico Luís Davila a quen transmitimos o agradecemento por ter recollido o sentir da maioría de galegos e galegas na publicación que fixo en homenaxe aos colegas franceses. Simultaneamente, tamén soubemos da magnífica acollida do público ao espectáculo que Luís Davila comparte con Carlos Blanco. Neste sentido, o humorista gráfico confirmounos que a xira se vai manter no tempo.
No último cuarto do programa, establecemos comunicación con Ramirás, onde nos atendeu Edit Iseo Agilda Bolaño, unha das integrantes do grupo musical Blues do País. Esta artista presentouse como neofalante e seguidamente deu a coñecer ao público a proposta da súa formación para facer uns espectáculos moi divertidos.

(Esta fermosa imaxe foi tomada do facebook do grupo)

17/12/14

Proxecto Neo nº 109.4 - Noa Expósito Campos, Alexandre F. Peón, Anxo González Guerra e Róchi Nóvoa Vázquez




O programa 109 comezou coa intervención de Noa Expósito Campos, que nos presentou o audiovisual que leva por título "As cousas de antes" e convidounos a visualizalo e a apoialo durante o proceso dun concurso.
Seguidamente, Maka Ledo e Helena Valle comezaron a súa serie de entrevistas. O primeiro dos convidados foi o pontevedrés Alexandre Fernández Peón. Este estudante de Xornalismo en Compostela fíxonos a descrición do seu proceso de incorporación á cultura galega, moi especialmente apoiado polo profesorado de Lingua e Literatura do Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra. Este mozo de 18 anos recitounos un poema da súa autoría que resultara premiado no Certame Literario Minerva na súa convocatoria de 2013.
Durante a entrevista, establecemos comunicación directa co profesor Anxo González Guerra, que transmitiu os seus parabéns a Alexandre e, ao mesmo tempo, falounos da ferramenta dixital www.ogalego.eu que conseguiu en 2013 un total de 250.000 consultas desde outros tantos computadores diferentes. Comentounos tamén  que a páxina máis consultada foi a das 116 letras de cantigas galegas, que foi visitada desde 70.000 equipos informáticos.
Na parte final do programa, a conversa continuou pola esfera da poesía e a música. A protagonista foi a escritora Róchi Nóvoa Vázquez, que nos presentou a súa poética e que nos fixo coñecedores da nómina de intérpretes musicais que tomaron os seus versos para faceren cancións (entre eles o colaborador de Proxecto Neo Servando Barreiro). A escritora tivo unhas palabras moi especiais para o seu ex-profesor Isaac Alonso Estraviz, a quen considerou un referente pedagóxico.