Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

05/06/13

Proxecto Neo nº 58.2 - Miriam Martínez & Anthony Valladolid & Alberte Momán & César Morán

Programa 58.2. A primeira convidada foi Miriam Martínez Pérez, que nos falou da heterónima Henar Martínez Luna. Explicoúnolo todo a través da liña teléfonica desde a súa casa de Murcia. Comentounos que é licenciada en Tradución e Intepretación, que fixo uns cursos de Lingua Galega na Universidade murciana con Raul Piñeiro. A entrevistada non se limitou a coser. Fixo moito máis. Realmente fixo bordado. Incluso cantou en directo.
No estudio de Radio Burela recibimos a visita de Anthony Valladolid Bazán, un mozo orixinario do Perú e que leva oito anos na Mariña. Este estudante de 1º de Bacharelato comentounos as condicións en que conseguiu a especial integración de que fai gala.
Valéndonos do teléfono, falamos con Alberte Momán, un ferrolano que anda por Ribadeo. Alberte explicounos as condicións en que se fixo neofalante, sendo alumno do Instituto Sofía Casanova da súa cidade natal. Despois preguntámoslle pola creación literaria e incluso pola súa faceta de editor.
Como broche de ouro tíñamos prevista a tertulia con César Morán. Un desleixo á hora de copiar e colar o número de teléfono do entrevistado provocou que se nos descontrolase o tempo. Faltou escoitar un tema do disco Río de Son. Farémolo no próximo programa. 

As conversas están aquí.

29/05/13

Proxecto Neo nº 57.2 - Helen Offord & Isabel Parra

A voz de Simón Rodríguez Rouco encargouse de abrir o programa nº 57.2. Baixo a súa coordinación -e coa axuda de Andrés Sáinz Eváns e Tania Iglesias no control técnico-, presentamos os contidos e preparámonos para as dúas principais entregas.
Primeiro entrevistamos a Helen Offord, profesora auxiliar de conversa que reforza o cadro de persoal da área de Lingua Inglesa no Instituto Monte Castelo. Nacida en Bristol, esta moza do Reino Unido chegou á Mariña como resultado dun feliz acaso. Segundo nos contou Carme Cociña, unha das produtoras do programa e coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística do citado centro educativo, Helen Offord está na fase incipiente para ser considerada neofalante en idioma galego. Coas súas voces, coñecemos tamén o seu profesor, Fernando Gavín.
En Proxecto Neo puidemos escoitar un fragmento de A Veiga era como un tempo distinto, de Eva Moreda.
Na segunda parte tivemos connosco dúas mulleres apelidadas Parra, Isabel e Inés. Simón fixo unha presentación moi correcta:
Dona Isabel Parra Valle naceu un pouquiño antes da transición democrática nunha localidade aragonesa, en Barbastro (na provincia de Huesca). É a cuarta dunha familia numerosa: tres homes e dúas mulleres. Debido ao traballo de seu pai, empregado dunha empresa pública con obras por todo o Estado español, tivo que cambiar de residencia en numerosas ocasións. No comezo dos oitenta chegou á Mariña e asentouse en Burela.

O contido das conversas está aquí.

22/05/13

Proxecto Neo nº 56.2 - Nícola Bermingham & Teresa Losada

Irlandesa. Nacida en Vigo. Filla de irlandeses que aman o seu país e que aman o país noso. Profesora de Linguas. Tradutora e intérprete. Investigadora das relacións entre idioma e sociedade. Esa é Nicola Bermingham, a primeira entrevistada no programa 56.2
Comezamos o programa facendo unha aproximación ao perfil humano da entrevistada. Conversamos sobre os motivos polo que os seus pais estaban instalados en Galiza, sobre a súa escolarización no Colexio Público García Barbón, sen esquecermos o retorno da familia emigrada e a integración da nena no país de orixe/acollida.
Naturalmente tamén coñecemos a súa experiencia como estudante no Trinity College Dublin e como profesora na Faculdade de Tradución e Interpretación da Heriot-Watt University de Edimburgo.
Despois da música, falamos de como coñeceu a existencia do Modelo Burela. Comentounos que foi nun congreso celebrado en Cork e que recibiu a información a través da escritora Eva Moreda.
A segunda parte do programa resultou moi emotiva. A nosa colaboradora Lucía Rivas fixo unha magnífica produción. Seleccionou a entrevistada (Teresa Losada), documentouse sobre o alcance do seu traballo, entrou en contacto con ela e mesmo se ocupou de buscar unha música que lle gustase. Como respondeu Teresa? Pois como ela o fai sempre: coa máxima sensibilidade. Falounos do inmenso labor recollido baixo dúas palabras Monfero Solidario.
Outro modelo de educación pública.

Para que non perdan nadiña do que se falou, aquí está o arquivo coa entrevista.

15/05/13

Proxecto Neo nº 55.2 - André Peixoto & Meritxell Porral

15 de maio de 2013. Programa 55.2 de Proxecto Neo. En plena semana das Letras, recordamos a Roberto Vidal Bolaño. Tributámoslle homenaxe lembrándonos tamén de todas as persoas que representan ou colaboran nos espectáculos teatrais (persoal de programación, dos servizos culturais municipais, persoal técnico que se ocupa de luces e son, etc, etc.). Fixemos un Proxecto Neo dedicado a todas as persoas que amamos o idioma. Aos que escribiron (Rosalía, Celso Emilio, Paz Andrade...) e ás mulleres e homes que o fan hoxe (Lucía Barrera, Séchu Sende, Nuno G. Pico, Raquel Miragaia, Xoel Geada, Laura López, Sara Gil...). 
Dixémolo en voz alta, pregoándoo aos catro ventos: a todas e a todos, Feliz Semana das Letras!!
Na primeira parte, falamos con André Peixoto, un mozo de 15 anos que chegou do Brasil. Leva con nós un ano. Comentounos que vivía no Pará e que chegou á Mariña do Cantábrico con certo medo, mais asegurounos que agora está contentísimo nesta nosa terra. A André dedicámoslle un texto lindísimo de Nélida Piñón, na voz da profesora María do Carmo Cociña.
Apoiándonos no Praza Pública, dedicámoslle uns minutos á Iniciativa Lexislativa Popular "Valentín Paz Andrade", aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en data histórica: 14 de maio de 2013. Saudamos o consenso parlamentar coa música de Sérgio Godinho en "A vida é feita de pequenos nadas".
Na segunda parte, a convidada foi Meritxell Porral Novis, que naceu  nas montañas do Principado de Andorra e que estudou Ciencia Política e da Administración en Cataluña. Con ela falamos do modelo lingüístico da escola do seu país, da interculturalidade dos 90.000 habitantes de Andorra e da súa experiencia laboral na área de Recursos Humanos.

Aquí está o programa íntegro.

08/05/13

Proxecto Neo nº 54.2 - Séchu Sende & Eva Vega


No programa 54.2 viaxamos a Vila de Cruces para entrevistar o escritor Séchu Sende. O profesor de Lingua e Literatura -autor de Odiseas; Orixe (Premio Blanco Amor); Made in Galiza (Premio Anxel Casal); da Viagem ao Kurdistán para apanhar estrelas; e de moita outra obra- falounos do músico Plácido Travieso, dun vídeo xenial que acaba de saír á luz pública, da Semente e incluso nos convidou a viaxar ao Courel.
Despedímolo ao estilo Ramón Cabanillas: invocámolo como sementador.
Despois de escoitar música do Cantareliña, conversamos con Lucía Vega. Esta viveiresa, licenciada en Historia da Arte, transmitiunos moita enerxía, coa máxima sensibilidade. Con ela falamos da importancia da música na infancia, dos diversos discos do certame Cantareliña, de Xavier Alcalá e a súa A Nosa Cinza, dos estudos universitarios e das oposicións á función pública. Non esquecemos acompañar a conversa con boas melodías. Nese momento tocoulle aos Tribalistas brasileiros. O final estivo reservado para aqueles cos que comezamos: o Sonoro Maxín.

Aquí está o arquivo co programa.

26/04/13

SEMANA DE ACTIVIDADES MODELO BURELA

A diversos coloquios co escritor madrileño Matías Escalera únese o concerto do grupo vocal “Son de Nós”
O mes de maio comeza con intensa actividade na axenda do Modelo Burela. O escritor madrileño Matías Escalera participará en diversos eventos de divulgación da lectura e o grupo vocal “Son de Nós” oferecerá na Igrexa da Vila do Medio o concerto “Os Camiños da Lingua”.
As actividades comezarán o próximo día 2 de maio, coa participación de Matías Escalera nunha sesión extraordinaria do clube de lectura que se reúne na Biblioteca Municipal. O escritor comentará diversos aspectos da súa obra cun público que durante estes días estivo lendo unha de recente publicación, o volume de relatos titulado Historias de este mundo (Baile del Sol. Tenerife. 2011).
O mesmo escritor manterá encontros co alumnado de bacharelato dos institutos da localidade. Será ás 9:20 horas no IES Monte Castelo e no IES Perdouro ás 12:20.
O mesmo venres, ás 20:00 horas, o acto de animación á lectura celebrarase na Libraría Nobel (Espazo Lector), onde –ademais da do autor- se conta coa presenza de representantes do Proxecto de Innovación Lingüística e do Clube de Lectura así como da profesora Julia María Labrador Ben.

No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela )

 O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela converterase nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós ofrecerá, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e co subtítulo "Concerto Modelo Burela". Unha vez máis, coa interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández (Viveiro, 1972), preséntase en Burela despois dos éxitos recollidos en diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San Martiño.

24/04/13

Proxecto Neo nº 53.2 - EDU (Porteiro do Burela F.S. e da Selección Galega)


Comezamos o programa 53.2 coa lembranza da Revolución dos Cravos, na véspera do día 25 de abril de 2013. Fixemos mención da substitución das armas polas flores. Aproveitamos para recomendar a lectura dunha obra narrativa: o Resistencia, de Rosa Aneiros. Despois puxémoslle música: a Rosalinda, de Fausto Bordalo Dias.
Con ese canto a un desenvolvemento sustentábel, entregamos os mandos a Simón R. Rouco e Serxio Rivas Valiña. Eles presentáronnos o convidado e conduciron magnificamente ben a entrevista. Por eles soubemos que Edu é Eduardo Saavedra Cebreiro, que naceu en Narón e que xoga profesionalmente ao Fútbol-Sala desde os 17 anos.
Con Edu falamos de educación, de aprendizaxes lingüísticas e, naturalmente, de deporte federado. O porteiro da selección galega lembrou con nós as súas experiencias no Parrulo de Ferrol, no Caloto da Póboa de San Xulián, no Celta de Vigo, no Granada... e no Burela F.S.

Aquí está o enlace para escoitar o programa.