Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

17/04/13

Proxecto Neo nº 52.2 - Conchi Díaz Candán, Andrés Sáinz Eváns, Hixinio Puentes Novo

Con estas palabras presentou Bernardo Penabade a Conchi Díaz Candán, unha das protagonistas do programa nº 52.2: "A nosa convidada naceu en 1982 nun lugar ideal para sibaritas, xusto alí onde estaban as Caldas dos Reis, o lugar escollido polos Reis para relaxarse. De nena, cursou  EXB; e despois, xa adolescente,  o BUP onde tiña que ser: nos centros públicos da vila (o CPI Alfonso VII e o IES Aquis Celenis)". 

Pola súa parte, Gabi Bermúdez dixo: [Conchi] Agora é licenciada en dúas carreiras -Filoloxía Galega e en Filoloxía Románica- pola Universidade de Santiago de Compostela. E aínda continúa con libros e exames: está facendo o Mestrado de literaturas hispánicas impartido a distancia pola UNED". 

Con Conchi falamos uns 20 minutos a ritmo frenético. En pouco tempo, conseguimos un magnífico documento útil para calquera sesión de sociolingüística. Entre música e música, tamén conversamos co noso técnico. Andrés Sáinz Eváns foi felicitado porque finalizou os estudos do ciclo medio de Electrónica. En pouco máis de cinco minutos, comentounos as súas impresións sobre o periodo de Formación en Centros de Traballo (FCT). 

 Na segunda metade do programa, retrasados en relación ao horario previsto, puxémonos en comunicación con Hixinio P. Novo. Despois de o saudar con música de Serrat para o poema "Puedo escribir los versos más tristes esta noche", conversamos sobre Neruda e o Winnipeg, sobre a investigación para clarificar se morreu por morte natural ou asasinado; e, en xeral, de todas as obras que aparecen referenciadas no seu blogue.

 As entrevistas completas están aquí.

10/04/13

Proxecto Neo nº 51.2 - Dani Ladra, Adrián Yáñez, Edu, Gonzalo Soto

Este é o programa en que lle damos a benvida a Dani Ladra, o director técnico do Baku United da liga inglesa de Futsal. A expedición británica está na Mariña para facer unha fase de preparación e aproveita para xogar varios partidos contra equipos de Viveiro e Burela. Ademais de con Dani, tamén falamos con Adrián Yáñez, futbolista de Viveiro; e con Edu, outro futbolista do equipo londinense, nacido en São Tomé e con nacionalidade portuguesa.
Pasado o ecuador do programa, falamos con Gonzalo Soto, un xornalista de referencia no ámbito da comunicación deportiva galega. Foi unha maneira de tributar homenaxe tanto a Gonzalo como ao programa Galicia en Goles, que case cumpre trinta anos de vida.

O contido do programa está aquí

03/04/13

Proxecto Neo nº 50.2 - Julio Peinó, Xoán Sampaíño, Viviane Furtado


Chegamos ao medio centenar de programas. Celebrámolo cun programa de contidos cinematográficos. Tributámoslle a nosa modesta homenaxe a Julio Peinó, arquitecto na Coruña. O aplauso non estivo motivado neste caso polo sector da construción. Foi pola súa sensibilidade artística: Julio Peinó foi o gañador da presente edición do certame Cineforiano Shortfilm Festival.
Para aprofundar no mesmo tema, conversamos tamén con Xoán Sampaíño, un dos impulsores do certame e director de curtametraxes. Este neofalante orixinario de Ribadesella fíxonos partícipes das rodaxes de diversos traballos, entre eles o Barbillizos.
Pasado o ecuador do programa, recibimos a visita de Viviane Furtado. Ela foi a moza que aproveitou por vez primeira os micros de Radio Burela para saudar a audiencia do seu país, na súa lingua primeira: o creoulo caboverdiano.
A cereixiña final púxoa Matías Nicieza falando sobre Evinha e pedindo o voto para a súa actuación nos Recantos da TVG.

O audio do programa está neste clique

Polo mesmo prezo, convidámolos a visualizar o funcionamento dunha fábrica de soños

27/03/13

Proxecto Neo nº 49.2 - Alicia Yáñez & Karina Parga

Aproxímase o medio centenar de programas. Nas vésperas -49.2- visitamos o Vicedo para falar con Alicia Yáñez, a propietaria da Libraría Abrela e presidenta de Nordés. Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora.

Así a presentou Aitor López: "Nacida no Vicedo en 1982, Alicia Yáñez é Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten mestrado en Formación do Profesorado, o que a habilita para exercer o ensino na etapa de Bacharelato; e Diploma de Estudos Avanzados en materia de Cinematografía. Desde hai apenas un mes é a presidenta de Nordés. A asociación de desenvolvemento das Terras da Faladora e do Río Sor". Despois falamos da venda de libros en tempo de crise, dunha exposición da obra completa do escritor Hixinio Puentes e das actividades de Nordés.

Tras brindar co Licor-café de Lamatumbá, recibimos a visita de Maura e Cláudia, mozas integrantes de Nós Bandeira (novo grupo de música afro-galega). Ficamos formalmente convidados/-as para as ver ao vivo proximamente. 

Na segunda media hora falamos con Karina Parga. Coa súa compaña, coñecemos o contido do programa de actividades que realizaron os nosos convidados bretóns durante os quince días que pasaron na nosa terra. Tamén escoitamos música... e adiantámonos aos acontecementos falando da visita que unha expedición burelá vai facer á Bretaña nestes próximos días. 

Xa no final, emocionámonos coas palabras que nos mandou Xeila Villarino desde Mallorca e dispuxémonos a marchar, cantando baixo a choiva.

 Aquí está o enlace para escoitar o programa.

20/03/13

Proxecto Neo nº 48.2 - Santiago Pérez Docobo + Evinha

O 48.2 é un programa que enlaza co inmediatamente anterior. No 47.2 falamos con Nathalie Nowak, educadora social da BBZ ( a entidade alemá que impulsa o programa Ida Explorer). Desta vez abordamos o mesmo tema, mais fixémolo con perspectiva galega. 

Despois de escoitar música en alemán, conversamos co noso director: Santiago Pérez Docobo. Con el coñecemos o desenvolvemento da colaboración escolar coa BBZ. Soubemos que o primeiro contacto se produciu por iniciativa dun alumno e que despois se propiciaron encontros de posta-en-común, un deles en Augsburgo. A partir dese momento os intercambios fixéronse constantes e a experiencia está en activo nestes últimos catro anos. 

Santiago P. Docobo comentounos o traballo realizado nun encontro recente na Coruña, encontro que estaba auspiciado pola Fundación Paideia. Preguntado polos beneficios do proxecto para o Instituto Perdouro, o noso director manifestouse moi ilusionado, porque espera que o alumnado poida aproveitar a oferta formativa que brinda a BBZ. De feito, manifestou que conta con varios mozos dispostos a desprazarse ao país xermano para recibir a formación laboral do Proxecto Ida Explorer.

Tras escoitar música do grupo Xistra (de Celeiro), cambiamos de tema e falamos de música. No estudio de Radio Burela recibimos a visita de Evinha (a quen xa tíñamos entrevistado telefonicamente). A artista luguesa participou ao longo da mañá nun obradoiro de Música coordinado pola profesora Dolores Otero e destinado a alumnos e alumnas de 3º de ESO. En Proxecto Neo escoitamos a música da propia Evinha, mais tamén fomos testemuñas dos ánimos que lle transmitiu Xeila Villarino, en calidade de representante do Clube de Fans. Xa contra o final, entrevistamos brevemente o pai de Evinha, Julio Cajide.

O audio completo está AQUÍ

13/03/13

Proxecto Neo nº 47.2 - Rocío Villasenín Bello + Nathalie Novak

O Proxecto Neo 47.2 foi feito en circunstancias especiais. Faltaba a condutora habitual. Karina Parga está en plena acollida dos nosos parceiros bretóns, que andan practicando a multiculturalidade pola nosa terra. A Karina dedicámoslle unha canción, en dedicatoria compartillada con Aitor, Xoel, Simón, Gabi e Xeila (que se ocuparon da condución). 
Despois dos preámbulos, falamos con Rocío Villasenín Bello, a quen definimos como unha fábrica de vacinas contra o pesimismo. Un orgullo para o CPI Viaño Pequeno, porque a moza é moi faladora, moi simpática e -sobre todo- moi moi sensata. Na segunda parte do programa, falamos de educación social con Nathalie Novak.
Nathalie Nowak, educadora social do Centro de Orientación Laboral da localidade alemá de Augsburgo, chegou a Burela recentemente. Aínda que descoñecía a nosa localidade, a convidada pode ser cualificada como persoa “Modelo Burela”, porque toda a súa vida é un cruzamento de camiños.
De interculturalidade falamos con ela, ao tempo que a coñecemos persoalmente.

Este o enlace para ouvir o programa.

06/03/13

Proxecto Neo nº 46.2 - Driss Daki & Dani Ladra


Mércores 6 de marzo. Comezamos cuns problemas técnicos e iso obstaculizou o ritmo da primeira parte do programa. Mais superamos a adversidade, porque tíñamos moita forza vital no estudio de Radio Burela. Con nós estiveron Xeila, Serxio, Alicia, Paulo, Andrés e Simón.
A primeira convidada foi a nosa ex-alumna Lucía Rivas. Con ela recordamos diversas vivencias, moi especialmente as relacionadas coa revista Maruxía.  Despois Lucía ocupouse de seleccionar e comentar a música do programa.
Coa condución de Simón falamos con Driss Daki, alumno de 4º de ESO do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. Este mozo leva dous anos en Galicia e deféndese moi ben no idioma galego. Foi moi capaz, incluso, de bromear con nós, xogando co dobre sentido da linguaxe.
Driss fai parte dun grupo de adolescentes e coordina tertulias especializadas na tématica de Xapón, moi especialmente do manga e do anime do país do sol nacente.
Na segunda parte do programa demos a coñecer o blog do escritor galego-arxentino Jorge Rodríguez. Inmediatamente despois, viaxamos a Londres para entrevistarnos con Dani Ladra, técnico do Baku United da liga inglesa de fútbol Sala. O rapaz de Celeiro abriunos o seu corazón. Falounos da súa familia, do Cefire de Fútbol Sala, da súa experiencia inglesa e de moitos asuntos máis.