Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

10/05/12

OS NEOFALANTES PROTAGONIZAN O PROGRAMA LUAR DA TVG PRESENTADO POR XOSÉ RAMÓN GAIOSO

Unha delegación da Mariña participará mañá nun programa dedicado á celebración do Día das Letras Galega

Un conxunto de 15 persoas da Mariña viaxarán na tarde de mañá venres a Santiago de Compostela para participaren na emisión do Luar da TVG, un programa que estará dedicado á conmemoración do Día das Letras Galegas. A delegación que sairá da estación de autobuses de Burela ás 4 da tarde, está encabezada pola Vicedirectora do IES Perdouro, Karina Parga Chao, e nela figuran diversas persoas da Mariña, todas elas cun vínculo especial: a súa procedencia de máis alá das nosas fronteiras e a máis que aceptable integración na nosa cultura.
Xunto a diversos protagonistas do documental “Modelo Burela”, de Matías Nicieza (que tamén estará na expedición), serán entrevistadas en Luar algunhas das persoas que participaron durante este curso académico nas emisións radiofónicas tituladas “Proxecto Neo” impulsadas polo Instituto Perdouro. Residente en Ferreira do Valadouro, Ayoud Sabry é un mozo marroquino que estuda mecánica do automóbel en Ribadeo; o pakistaní Umer Mohammed, residente en Burela, combina o traballo nun negocio familiar do sector hostaleiro cos estudos de 2º de Bacharelato; a focense Sol Pedreira chegou á nosa terra procedente do Perú e manifesta unha magnífica integración entre nós, sen renunciar aos vínculos cos familiares da China e o Xapón; o futbolista Miguel Gomes, xuvenil habitual nas listas do primeiro equipo da S. D. Burela de fútbol será o representante da comunidade caboverdiana.
A presenza deste conxunto de persoas representativas da implantación do “Modelo Burela” de Planificación Lingüística no Luar da TVG, é o resultado da colaboración do IES Perdouro co equipo de produción do programa televisivo durante estas últimas semanas.
Este recoñecemento ao labor da área de Innovación Educativa do instituto de Burela, programa que conta coa coordinación da profesora María José Andión Fontela, chega poucos días despois de que o propio Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitase o centro de ensino para participar nunha xornada de dinamización lingüística.
Ademais de continuar con proxectos como o da integración de neofalantes, a área de Innovación Educativa do IES Perdouro centra este ano o seu labor didáctico no apoio ao desenvolvemento do comercio local, unha iniciativa que xa conta co apoio de diversas empresas.

Proxecto Neo nº 18 - Angel Gavela & Julieta Durán

Nesta ocasión, entrevistamos a Angel Gavela, alumno asturiano de 2º de Bacharelato no IES Monte Castelo, e a Julieta Durán, alumna arxentina de 4º de ESO no IES Perdouro.

Proxecto Neo - nº18 - Convidados: Angel Gavela e Julieta Durán on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

03/05/12

Proxecto neo nº 17 - Celso Trobo Castro & Umer Mohammad & Suso Pena



Celebramos a ducia e media de programas dedicándolle unha máis que merecida homenaxe á Sociedade Deportiva Burela, a entidade que leva trinta anos facendo un magnífico servizo en favor da integración das diferentes culturas.

O programa é un agasallo para comezar o mes de maio.

Celso Trobo Castro, xerente da entidade deportiva, fai unha brillante introdución. Comenta as circunstancias en que se realizan as actividades: o número de familias involucradas no clube, o labor dos monitores, as horas de dedicación semanais, a multiculturalidade da S. D. Burela.

Os xogadores xuvenís Sito Ramos - o pichichi- e Miguel Gomes -capitán e motor do equipo- explican como combinan a práctica deportiva cos estudos e falan das condicións de convivencia entre mozos provenientes de moi diversos lugares.

Como estrela convidada, neste 18º programa participa Umer Mohammad, un estudante do segundo curso de bacharelato orixinario do Pakistán. As súas explicacións son antolóxicas. Media hora de conversa para non perder nin un segundo. Todo ambientado coa mellor música asiática.

Aínda unha pinguiña final: a conversa con Suso Pena, xornalista do grupo El Progreso e director deportivo da S. D.

Proxecto Neo nº 17 - Convidados: S. D. Burela. on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

26/04/12

Proxecto Neo nº 16 - Delfina Pena & Aurélie Pello

Mércores 25 de abril, décimo-sétima entrega de Proxecto Neo. Nesta ocasión, faremos unha viaxe de ida e volta á terras armoricanas.

Delfina Pena é profesora de Lingua e Cultura Francesa. Estudou Filoloxía Románica, primeiro en Lugo e despois en Santiago de Compostela. Desde hai trece anos, é a impulsora dun intercambio educativo entre a Mariña mindoniense e o corazón da Provenza. Un contacto directo, como o que fixeron os trovadores na Idade Media… mais actualizado, moderno. Unha convivencia do século XXI.

Aurélie Pello é profesora axudante de conversa. Orixinaria de Brest, na Bretaña, chegou a Galicia por vez primeira como participante nun intercambio escolar entre adolescentes de Ribadavia e daquela cidade da Costa do Amor. Durante o curso 2012 está como ensinante de lingua francesa na Mariña.

Máis outro programa Modelo Burela.

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

19/04/12

Proxecto Neo nº15 - Luisa Sánchez

Mércores 18 de abril, décimo-sexta entrega do noso programa radiofónico en Radio Burela que dá protagonismo aos neofalantes. A nosa convidada, Luisa Sánchez, empregada de supermercado, xunto coa súa filla, Sol Pedreira, alumna de 4º de ESO no IES Monte Castelo, narran a historia do seu percorrido do Xapón a estas nosas terras galegas.

Este é un fragmento da mensaxe que nos enviaba unha mociña de 15 anos, durante a fase de produción do programa. Reproducimos a cita textual:

"O pai de miña nai era chinés. O meu bisavó emigrou a Perú con algún dos seus fillos na época da guerra, motivo polo cal cambiaron de nome e apelidos. Pasaron a ser Sánchez. F. Sánchez criouse desde pequeno en Perú.
A miña bisavoa, J. Oyama, era de orixe xaponesa. Para sermos exactos, naceu na cidade de Fukuoka. Emigrou a Perú cando era unha cativa. Alí, na cidade de Pisco, onde residían, coñéceronse e casaron os meus avós.
Actualmente teño dous tíos vivindo en Xapón, xunto cos meus primos. A avoa e unha das tías seguen residindo en Perú.
Como se pode ver a nosa familia está repartida polo mundo".

Se lles gustou o aperitivo, gocen agora co menú.

Proxecto Neo Nº 15 - Convidada: Luisa Sánchez on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

11/04/12

Proxecto Neo nº 14 - Ayub Sabry

Mércores 11 de abril, décimo-quinta entrega de Proxecto Neo, o programa con protagonismo das persoas neofalantes, aquelas que nos integramos voluntariamente na cultura galega.

Nesta ocasión tocaba facer irmandade entre esta terra galega e o Norte do continente africano. Matías Nicieza presentounos a Ayub Sabry (Ouled Jaber), marroquino, que chegou a Ferreira só hai catro anos. Estuda un ciclo de automoción no CIFP Porta da Auga. A súa paixón é o fútbol e actualmente xoga no equipo do Valadouro.

Proxecto Neo nº 14 - Convidado: Ayoub Sabry on PhotoPeach
Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

05/04/12

Proxecto Neo nº13 - Jesús Arranz González


"Eu cheguei a Galicia no 1979, porque en Valladolid tiven noticias dunha experiencia pedagóxica con nenos difíciles no colexio Santo Anxo de Rábade. Interesoume. Cando cheguei aquí tomei contacto con Suso Vaamonde, con Milladoiro, cos Soños na gaiola, con Fuxan os Ventos... A min cautivoume o tema da bruxa de Antón Seoane e Milladoiro. Comecei a utilizalo moito en recitais no colexio cos cativos. Deime conta de que era unha música moi relaxante, dentro da cal entraba a sensibilidade de Galicia. Por iso collín ese tema como símbolo da música de Galicia e de todo o que significa Galicia para min".

Mércores 4 de abril, décimo-cuarta entrega de Proxecto Neo.
Neste novo programa conversamos con Jesús Arranz González (Peñafiel), profesor de música do CEIP Virxe do Carme de Burela. Ademais tivemos como colaboradores especiais a Moncho Mariño, xornalista e colaborador do Dioivo, e a Alba García Pico, tradutora e intérprete.
Nacido na cidade de Peñafiel, en Valladolid, o profesor Arranz fíxose fillo adoptivo da Mariña, a onde chegou para exercer o ensino tras pasar por outras localidades galegas. Na conversa falamos de música: da súa participación no grupo Talanquera, que interpretaba pezas tradicionais castellanas; da dirección coral, da Semana do Jazz, da Banda de Burela, da súa familia de compositores e intérpretes...
Nos primeiros minutos, a través da audición dun romance musicado polo grupo formado por Jesús e os seus irmáns, xa se pulsa perfectamente o ritmo do resto do programa. Unha peza de grande interese educativo.