Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

11/06/25

Proxecto Neo 460.14 - Pepe do Caxoto; Alexandra Cabana; Carla Paz e Mateo Docal

Como temos por costume, esta tarde comezamos o programa co habitual espazo colaborativo: A Noticia do Día.

A primeira entrevista foi conducida por Adrián Piqueras, integrante da masa coral Modelo Burela, que conversou co seu avó: José Valle, mais coñecido como Pepe do Caxoto. Pepe do Caxoto é un armador histórico de Burela que conversa co seu neto para contar a experiencia de toda unha vida ligada ao mar.

Inmediatamente a seguir falamos con Alexandra Cabana, profesora de historia e actualmente asesora de Bibliotecas Escolares da provincia de Lugo. Con ela conversamos sobre a súa faceta académica e profesional, que está fortemente vinculada á figura de seu pai: Darío Xohán Cabana, académico da lingua e  escritor.

Na última entrevista conversamos con Carla Paz e Mateo Docal. Dous alumnos de 1º de Bacharelato, que despois do seu primeiro ano de estudar portugués acaban de certificar o nivel B1 na EOI de Lugo. Estes dous alumnos acaban de chegar da excursión a Portugal. Con eles falamos sobre os seus estudos de portugués e da viaxe polo país veciño.


 

04/06/25

Proxecto Neo 459.14 - Plataforma LOITA, Manuel Núñez Singala, Ugia Pedreira e Alumnado de 1º ESO

 

Entraremos nun programa dedicado ás nosas letras e patrimonio cultural. Mais antes falamos con Tamara Campos e María G. Jartín da plataforma LOITA. Con elas conversamos sobre o necesario servizo de Atención Temperá e apoio dado ás familias en canto a dereitos sanitarios dos nenos e nenas, nais e adolescentes na acompañamento sanitario. 

Inmediatamente a seguir falamos con Manuel Núñez Singala, neofalante, que visitou recentemente a nosa biblioteca grazas o programa Lectura Infinita do Ministerio de Cultura e Deportes. O alumnado de 4º ESO PDC reaccionou co dramaturgo en micro aberto após o encontro literario mantido en torno a súa obra teatral Comedia bífida. 

No mes pasado celebramos as nosas letras e por este motivo tivemos connosco a Ugia Pedreira, cantaautora de Vilaronte. Con ela, falamos de tradicións e das expectativas en torno ao obradoiro que ía manter co alumnado de 1º de ESO.

Xa para rematar, Lucía Fernández, profesora de Lingua Galega, partilla co seu alumnado o traballo realizado na materia de Proxecto Competencial sobre as cantareiras, a nosa tradición oral e a confección de pandeiretas con material de refugallo.