Como temos por costume, esta tarde comezamos o programa co espazo colaborativo A Noticia do Dia. A seguir conversamos con Paco Rivas, filólogo e escritor, orixinario de Cervo; e residente en Nois. O tema central: o seu último libro de haikus, poemas breves de orixe xaponesa.
Despois de falarmos con Paco Rivas, viaxamos á montaña do Vicedo, No lugar do Xestoso, coñecemos o famoso teatro e tamén un artista convidado.
O Teatro das Cortes consolidouse en 2024 como centro de interese cultural. Alí estivo o cantautor Xosé Constenla, con quen falou Bernardo Penabade, nunha entrevista improvisada.
A protagonista do terceiro dos contidos foi Lucía Fernández, profesora de Lingua e Literatura Galega no Perdouro. Conversamos con ela e os seus alunos Uxía Cabarcos, Jorge Melo e Daniel Vázquez Longarela sobre un proxecto moi especial que está levando a cabo o alumnado de 1º de ESO.
Lucía Fernández (a profesora) e estes estudantes explicáronnos este proxecto centrado nas cantareiras homenaxeadas con motivo do Día das Letras Galegas 2025. Falamos tamén de como está a ser o proceso de creación dunha pandeireta con material de refugallo coa colaboración do profesorado e alumnado do Ciclo de Mecanizado. Na parte final da entrevista abordamos cal é a meta deste proxecto tan ambicioso, que no mes de maio acabará coa interpretación dunhas coplas.
Sem comentários:
Enviar um comentário