Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

18/03/26

Proxecto Neo nº 483.15 - Especial Premios Mestre Mateo con Andrés Goteira e Xaime Miranda

Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e Mulleres na historia. 

Neste mes de marzo celebramos a vixésimo cuarta edición dos Premios Mestre Mateo, un certame que recoñece os mellores traballos do audiovisual galego. O mes pasado, a Academia Galega do Audiovisual desvelou as nominacións e entre elas descata o talento de cineastas da Mariña. E hoxe imos falar de cinema con dous directores. 

Na primeira entrevista desta tarde conversamos con Andrés Goteira, nome artístico de Andrés González Tella, natural de Meira. Andrés ten moitas facetas profesionais: é director, montador, guionista e mesmo produtor. E é cofundador e produtor en Gaitafilmes. Ademais é enxeñeiro Técnico de Telecomunicacións e Técnico de Imaxe e Son e na actulidade está exercendo como profesor no ciclo de formación profresional de grao medio de Instalacións de Telecomunicacións no IES Perdouro de Burela. É o director da galardoada película Dhogs, gañadora de trece premios Mestre Mateo no 2018 e que foi precandidata ós Goya. É produtor e montador do documental Aurora de Area-Erina e produtor da curta Ulises de Félix Brixel. 

Con Andrés falamos das súas longametraxes e documentais como Dhogs, Welcome to ma maison,  ou Monstruo. Preguntámoslle pola súa inspiración á hora de escribir, polo traballo que hai detrás dunha peza audiovisual e pola motivación para seguir traballando neste mundo mais tamén pola financiación. 

Inmediatamente a seguir tivemos por vía telefónica a Xaime Miranda, cineasta. É o director da curtametraxe Hippocampus con guión de Nuno Pico, membro do grupo musical Grande Amore, coa que gañaron o premio á mellor curta de produción galega no Ourense Film Festival 2025. A peza foi rodada na Mariña lucense, especialmente en Barreiros, con escenas nalgunhas das súas praias. A historia achéganos á vida dun home que vive marcado por un amor breve do pasado e que, grazas ás novas tecnoloxías, consegue revivir aquel momento que cambiou a súa vida. Xaime Miranda conta xa con dous premios Mestre Mateo á mellor peza audiovisual musical, por Muinheira do Interior de Boyanka Kostova e Esquimales de Heredeiros da Crus. 

Con Xaime conversamos sobre a súa recente nominación ao mellor videoclip nos Mestre Mateo con Ontes fun moi malo, unha canción de Grande Amore e tamén sobre a formación que se precisa para ser cineasta e sobre os seus plans de futuro. 

11/03/26

Proxecto Neo nº 482.15 - Beatriz González de Canales, Bea Ulalume de CUAC FM

Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día e Mulleres na historia.  

Neste mes de marzo, CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña está de aniversario e por este motivo, falamos cunha das voces máis coñecidas da emisora: Beatriz González de Canales, socia veterana e exvicepresidenta da asociación. Beatriz participou en diferentes proxectos como o programa comunitario AR DE CORUÑA, ou o Curso de Galego en Radio ISTO É GALEGO. Foi directora artística da adaptación radiofónica da obra LA RESISTANCE (de Carlos Losada) e forma parte do proxecto estatal ONDA ODS. 

Con Bea Ulalume, alcume co que se coñece polas ondas radiofónicas falamos entre outras cousas de como compaxina o seu traballo de enfermeira coa paixón pola radio, das orixes da emisora, dos retos do seu funcionamento e da batalla xudicial que CUAC FM gañou á Xunta de Galicia.

04/03/26

Proxecto Neo nº 481.15 - Aurora Marco e "María Vázquez Suárez, a mestra socialista eliminada polo franquismo."

Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día, e a nova sección Mulleres na historia

Conmemoramos o Día Internacional da Muller conversando por vía telefónica con Aurora Marco, catedrática de Ciencias da Educación, investigadora e historiadora. As súas liñas de investigación preferentes son: a Lingua, a Literatura, o Xénero e a Memoria histórica. Con Aurora falamos das mulleres que deixaron pegada nela e na historia e que foron invisibilizadas como María Vázquez Suárez, a mestra socialista eliminada polo franquismo.

26/02/26

Proxecto Neo nº 480.15 - Radio Saúde Burela - Mónica Martínez Rouco & María Teresa Roldán Darriba


Como cada semana, comezamos cos nosos espazos colaborativos: A Noticia do Día, A Palabra do mes e O Corpo fala. 

Inmediatamente despois entramos nunha nova entrega de Radio Saúde Burela, nesta ocasión dedicado fundamentalmente á saúde pública e ás vacinas

Na primeira parte do programa conversamos por vía telefónica con Mónica Martínez Rouco, farmacéutica inspectora de Saúde Pública en Lugo. Con ela falamos de temas moi variados: das inspeccións de saúde que se realizan en distintos establecementos, da potabilidade da auga e da vixilancia sanitaria en canto aos cosméticos, ás tatuaxes etc. 

Na segunda parte do programa tivemos no estudio a María Teresa Roldán Darriba, coordinadora de enfermería do Centro de Saúde de Burela. Con ela conversamos fundamentalmente sobre as vacinas, as Infeccións de Transmisión Sexual, etc.

13/02/26

Podcast Proxecto Neo Especial Día Mundial da Radio PNO 2026

 

Celebramos o Día Mundial da Radio participando na iniciativa de Ponte nas Ondas

Con motivo desta data tan especial, elaboramos un podcast no que contamos como traballamos en Proxecto Neo e, ademais, adiantamos un dos próximos temas que abordaremos na nosa programación semanal: A intelixencia artificial, proposta pola UNESCO como tema central nesta edición. 

Unha experiencia máis para seguir aprendendo, comunicando e facendo radio!  

11/02/26

Proxecto Neo nº 479.15 - Especial 11 F, Día da Nena e da Muller na Ciencia

 
Hoxe, 11 de febreiro, celebramos o Día Internacional da Nena e da Muller na Ciencia, unha data para recoñecer o talento, o esforzo e as achegas fundamentais das mulleres ao avance científico ao longo da historia. Durante séculos, moitas delas traballaron na sombra, sen o seu merecido recoñecemento; outras abriron camiños nun mundo que lles poñía máis barreiras ca oportunidades. Este día non é só unha homenaxe, senón tamén unha chamada á acción: para visibilizar referentes, para espertar vocacións nas máis novas e para lembrar que a ciencia precisa todo o talento, sen excepcións. No programa de hoxe imos ter a sorte de escoitar a dúas científicas que nos falarán da súa experiencia, dos retos que atoparon e das ilusións que as moven cada día. Porque falar de ciencia tamén é falar de persoas, de paixón e de futuro. 
 
Na primeira parte do programa falamos con María José Ginzo Villamayor, matemática e profesora axudante doutora no departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela. Visitou o IES Perdouro dentro do programa de charlas temáticas A Ponte, da USC, e da celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia. Con ela falamos do mapa en apelidos de Galicia, un proxecto pioneiro no que as ciencias e as humanidades van da man. 
 
Na segunda parte do programa, conversamos por vía telefónica con María García Portela, licenciada en Ciencias do Medio Ambiente na Universidade de Salamanca e doutoranda "cum laude" no seu estudo sobre a ecofisioloxía comparativa de dúas especies mixotróficas de Dinophysis produtoras de toxinas lipofílicas. Con ela falamos de dinoflaxelados, un xénero de microalgas tóxicas, coñecidas por ser as principais causantes das mareas vermellas e dos peches de polígonos de bateas na costa galega, das mareas vermellas e do mar de ardora, pero tamén descubriremos como é o día a día dunha muller entregada ao labor científico. 
 
Xa cara ao final do programa falamos con Tania Merelas Iglesias, educadora social e creadora de xogos e recursos didácticos feitos de forma artesanal en Galicia. Con ela falamos do seu proxecto Avezar, un espazo creativo que ofrece propostas para incorporar o feminismo e a lingua galega no día a día. 



04/02/26

Proxecto Neo nº 478.15 - Christian Daniel & Uxío Radoslav Rego Rey-Conde

Como cada semana, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día e A micro aberto: a eclipse solar

Na primeira parte do programa falamos con Christian Daniel, coñecido en redes como “El venegalle”, un neofalante de procedencia venezolana asentado en Galicia dende hai unha década. Con el falamos dos motivos que o levaron a emigrar a Galicia cando tiña 19 anos, do seu cariño polo noso idioma e da súa faceta de creador de contidos en redes. 

En a Micro Aberto, Lucía López López, alumna de 1° Ciclo Superior de Administración e Finanzas, aproveitou a visita de Carlos Teijo García, profesor Titular de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela para preguntarlle sobre a situación que atravesa Venezuela. 

Na segunda parte do programa, conversamos con Uxío Radoslav Rego Rey-Conde, profesor neofalante de Sistemas Electrónicos no IES Perdouro. Con el departimos sobre as súas raíces búlgaras, da súa formación académica e do seu plurilingüismo.