Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

10/06/26

Proxecto Neo nº 494.15 - Especial Sindrome de Tourette con Eva Lastra e Gabriela Pedre

 
Hoxe dedicamos este espazo da nosa radio a coñecer unha realidade que aínda segue sendo pouco visible para moitas persoas: a Síndrome de Tourette. Cada 7 de xuño celébrase o Día de Concienciación da Síndrome de Tourette, unha xornada que busca informar, sensibilizar e derrubar prexuízos arredor deste trastorno neurolóxico. 
 
Con frecuencia, a Síndrome de Tourette é coñecida unicamente polos tics, pero detrás dela hai moitas historias de superación, esforzo, inclusión e tamén moito traballo por parte das familias, profesionais e asociacións que acompañan as persoas afectadas no seu día a día. 
 
Para afondar neste tema, hoxe acompáñanos Eva Lastra Barreira, nai e socia da asociación Tourette Galicia, entidade que traballa arreo para ofrecer apoio, información e recursos ás persoas con Tourette e ás súas familias. 
 
Con ela falaremos da Síndrome de Tourette, do labor que desenvolven asociacións como Tourette Galicia (ATNSASTG) e ACOVASTTA, dos retos que aínda existen e da importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis informada, respectuosa e inclusiva. Compartirá tamén connosco o balance da primeira gala solidaria celebrada en Burela no mes de abril. 
 
Coincidindo con esta data tan significativa, presentouse hai uns días un proxecto moi especial: a canción El laberinto de Alicia que Gabriela Pedre Lastra, filla de Eva, lle dedicou a súa irmá, Alicia, unha iniciativa cargada de emoción e de compromiso que contribúe a dar visibilidade á realidade das persoas con Síndrome de Tourette. 
 
Con Gabriela, falaremos da iniciativa que tivo a banda de música pop rock emerxente na que é vocalista, Golpe de efecto, do Conservatorio Profesional de Viveiro, e do videoclip dirixido por Xaime Miranda para dar visibilidade ao Tourette.
 
 

Sem comentários:

Enviar um comentário