Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

15/05/24

Proxecto Neo 420.13: Antía, Xulia, Natalia e Helena (estudantes de 1º do ESO); Cyntia García Leal; María Reimóndez




Comezamos o programa 420 coa gravación dunha breve conversa con catro deportistas: Antía, Xulia, Natalia e Helena, estudantes do primeiro curso de Ensino Secundario que gañaron recentemente o campionato provincial de baloncesto na categoría Infantil.
Despois de falarmos coas xogadoras de baloncesto, coñecemos outra estudante deportista: Cyntia García Leal, ela tamén está no 1º curso do Ensino Secundario, mais practica outro deporte, a ximnasia rítmica.
O contido central deste programa 420, correspondente á semana de celebración das Letras Galegas, foi unha entrevista coa escritora María Reimóndez. A autora do Clube da calceta, Corredora, Usha ou Furia, estivo participando en Burela nun obradoiro de animación á lectura. Na parte final falamos con ela para sabermos como foi o resultado da visita.

08/05/24

Proxecto Neo 419.13: Catalina Caamaño; Eugenia Siretanu Lupascu; Rut Busto Domínguez.



 No programa 419 falamos con Catalina Caamaño, farmacéutica de Atención Primaria, que nos visitou novamente en calidade de coordenadora da aplicación en Burela da Estratexia de Promoción da Saúde, unha iniciativa do Ministerio de Sanidade.

De saúde falamos tamén coa segunda convidada: Eugenia Siretanu Lupascu, médica de orixe moldava. A doutora Siretanu Lupescu está realizando a última fase de Médica Residente no Hospital da Mariña.

Na terceira parte do programa tivemos como protagonista unha escritora de 15 anos. Chámase Rut Busto Domínguez e é de Ames, un concello moi próximo a Santiago de Compostela.