Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

19/12/18

Proxecto Neo, 246.8: Sabela (OT); Xoana; Lorena Suárez; Ugia Pedreira; Carmen Penim


Programa do día 19 de decembro de 2018. Un especial sobre música. Primeiro falamos sobre Sabela Ramil e a Operación Triunfo. Despois baixamos ao Porriño para conversar con Xoana, que nos presentou o seu "Dardos". 
A convidada da parte central foi a profesora Lorena Suárez Pazos, con quen falamos sobre o seu exercicio docente en Rosario e Buenos Aires, na Arxentina; e o Ceará e Río de Xaneiro no Brasil.
Nos minutos finais, recuperamos de novo a conversa sobre música, primeiro con Ugia Pedreira e despois con Carmen Penim.

12/12/18

Proxecto Neo, 245.8: Sabela Ramil (OT); Nedi Mallada; Alexandre Brea; Henrique Dacosta; Anxo G. Guerra; Alfonso Zarauza



Máis unha vez, Carme Rivera Vidal fíxonos partícipes do estado de ánimo de Sabela Ramil nunha nova fase da Operación Triunfo. No día en que a artista galega interpreta unha letra de Rosalía de Castro, nós animamos a audiencia a manifestar o apoio a través de diferentes canais.
Enedina Mallada Paniagua convidounos aos actos de presentación en Boal e Navia do seu libro La belleza de las pequeñas cosas (Ediciones Trabe).
Co doutorando en Física de partículas Alexandre Brea Rodríguez, falamos sobre o premio Arritmar na modalidade de poesía.
De premio tamén falamos con Henrique Dacosta, o gañador do Lueiro Rei de Narrativa convocado polo Concello de Ogrobe.
O profesor Anxo González Guerra presentounos os novos contidos do portal www.ogalego.eu e mostrounos as impresionantes cifras de audiencia.
Nos minutos finais tivemos unha breve conversa con Alfonso Zarauza, con motivo da súa participación nun obradoiro de dirección e produción cinematográfica a celebrar en Burela.

05/12/18

Proxecto Neo, 244.8: Lídia Pena (Semente Trasancos); Carmen R. Vidal (Sabela, OT); Maria G. Jartín (Avelino Diaz)




Abrimos o programa coa música de Ugia Pedreira e a Comuna del Barruzo e das ribeiras do Eo pasamos a Vigo para recoller o entusiasmo que nos enviaron desde a Escola Semente. 

Con toda esa forza, viaxamos á Terra de Trasancos e coñecemos a campaña "Vamos polo Primário", de alargamento da escola galega para a etapa de escolarización dos 6 aos 12 anos.

Desde As Pontes, Mari Carmen Rivera Vidal comentounos a actualidade de Sabela dentro da Operación Triunfo. Nós, a través das palabras e das imaxes, fixemos unha demostración sobre como facer efectivo o apoio.

Na última parte, estivemos coa profesora María G. Jartín, que nos fixo partícipes dunha nova cita de reivindicación dun Día das Letras dedicado a Avelino Díaz.

28/11/18

Proxecto Neo, 243.8: Rosario San Isidro Franco; Carmen Luísa González; David Val Pena



Rosario San Isidro Franco falounos do Iº Premio Vilar Ponte de Narrativa convocado polo Concello de Viveiro. Uns días antes de que Adolfo Caamaño e Rocío Leira recollan os seus premios, coñecemos que se presentaran 36 novelas procedentes de moi diversos lugares.
Carmen Luísa González falounos das súas obras literarias e mostrou disposición para facernos algunha gravación para podermos retransmitir a través de Proxecto Neo.
No último terzo do programa, o entrevistado foi o xornalista de Radio Foz David Val Pena, que nos presentou o seu libro titulado "Un nómada en bicicleta" (Ed. Lar).

21/11/18

Proxecto Neo, 242.8: Karmen Veiga, Ángeles Lombardía; Xián Liñares; Manuel Miragaia


Recibimos no estudio a visita da Recanteira da Mariña e do profesor Xián Liñares. A integrante do grupo musical Tapyoca, Karmen Veiga, visitounos con motivo da súa participación no concurso musical da Televisión de Galicia. Falounos da súa participación e pediu o apoio da audiencia para conseguir superar unha nova fase.
Desde Castropol, Ángeles Lombardía falounos dun encontro poético de voces eo-naviegas, que se reuniron nun restaurante da Colorada (Navia) nun encontro artístico que uniu literatura e música.
O profesor Xián Liñares presentounos a comarca da Barcala, da que é orixinario, e fíxonos unha interesante proposta de visita, non só ao rico patrimonio monumental da zona senón tamén é emblemática Feiraco.
Xa nos minutos finais, falamos con Manuel Miragaia, da ANG, que nos convidou a participar no acto de entrega do Premio Estudante Galeguista a Marco Pereira Oliveira, director do programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, producido polo IES Perdouro e emitido a través de Radio Burela e outras diversas emisoras (Radio Fusión, Radio Filispim, CUAC FM e Rádio Internacional Lusófona).

15/11/18

Proxecto Neo, 241.8: Francisco Martínez Hidalgo


No final do programa Francisco Martínez Hidalgo aínda estivo uns minutos
coa Masa Coral Modelo Burela. A foto é de Lucía Rivas. 

Francisco Martínez Hidalgo (Santiago de Compostela, 1977) estudou Filoloxía e Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela. A súa participación no Movimento Estudantil Universitario (MEU) foi a base que inspirou as colaboracións no Xornal de Galicia e no Praza Pública.

07/11/18

Proxecto Neo, 240.8: Anxos Sobriño (COTENOL); Santiago Suárez Blanco (40º aniversario IES Ortigueira)




15 de novembro de 2018. Sala Capitol. Compostela. Cuarta edición do LG x 15. Coñecemos as vivencias da do ano pasado grazas á intervención de Fátima Fatallah e nesta ocasión puxémonos en contacto con Anxos Sobriño, da COTENOL, para que nos adiantase os contidos da presente. Música, Empresa, Deporte, Audiovisual, Ensino, Chave das noces... Todo iso complementado coa música de Alba María e de Brais Morán.
Nós chamámoslle o Encontro das Ilusións.
Na segunda parte, o protagonismo foi para o profesor Santiago Suárez Blanco e para o 40º aniversario do Instituto de Ortigueira.

31/10/18

Proxecto Neo, 239.8: Fundación Uno entre Cien Mil; Especial Semente



Comezamos o programa facendo unha valoración da iniciativa solidaria de axuda á Fundación Uno Entre Cien Mil (para a investigación en materia de leucemia infantil). Ademais de conversar coas nosas alumnas Laura e Ángela, puxémonos en comunicación con Eduardo Schell, director de comunicación da entidade organizadora da campaña.
Inmediatamente despois, o protagonismo é todo para as sementes de entre 8 e 12 anos. Falamos  con Artai Miragaia Valencia, alumno do CEIP San Pedro de Visma, da Coruña; despois pasamos ao CEIP nº 1 de Foz; ao Lois Tobío de Viveiro e ao Abelendo de Moaña.

24/10/18

Proxecto Neo, 238.8: Vanesa Sotelo (Mondoñedo-10); Deporte Solidario; Adela Figueroa; Mary Carme Rivera Vidal




Vanesa Sotelo, escritora, directora e intérprete teatral, foi a gañadora do Certame Literario Mondoñedo-10, dedicado desta vez á dramaturxia. A conversa con ela está na cabeceira do programa.
Dúas alumnas do IES Perdouro visitáronnos no estudio para darnos a coñecer o programa de actividades da Carreira Solidaria contra a Leucemia Infantil. Con elas falamos de deporte e de solidariedade.
A escritora Adela Figueroa Panisse presentounos o seu Atlántida, xusto uns días antes de participar en eventos promocionais en Vigo e no Porto.
Nos minutos finais falamos con Mary Carmen Rivera Vidal sobre a súa filla, Sabela Ramil, a voz galega na Operación Triunfo.

17/10/18

Proxecto Neo, 237.8: Antonio Reigosa (Mondoñedo-10); Ermitas Valencia Romar (Livraria Suévia); Marco Pereira; Ismael Vaz (Samaín de Astariz)




O Certame Mondoñedo-10 dedicouse nesta ocasión ao teatro e resultou gañadora Vanesa Sotelo con "Bonita". Comentámolo con Antonio Reigosa, Cronista Oficial da cidade mindoniense.

Con Ermitas Valencia Romar falamos do Premio Estudante Galeguista, que na súa primeira edición foi concedido a Marco Pereira Oliveira, director do programa Grandes Vozes de Radio Burela.

O propio Marco Pereira aproveitou o noso programa para agradecer todas as felicitacións que recibiu.

O último cuarto deste espazo estivo dedicado á celebración do Samaín na Aldea Vella de Astariz, en Castrelo de Miño.

10/10/18

Proxecto Neo, 236.8: Natalia Domínguez (Educación Social); Alicia Vilar (Orientación Educativa); Bruno L. Teixeiro (Fundaçom Artábria)


Mesa de redacción coa convidada, a profesora Alicia Vilar (Orientadora do Instituto Perdouro)




Dedicamos o programa 236.8 á Educación Social. Comezamos o espazo en conversa con Natalia Domínguez, Vicepresidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza.
Inmediatamente despois, recibimos no estudio a profesora orientadora do Instituto Perdouro. Alicia Vilar mostrou as liñas básicas do seu traballo para o presente curso académico.
A terceira das entrevistas estivo dedicada á Fundaçom Artábria, que celebra o 20º aniversário do seu recoñecemento como entidade cultural de Interese Galego. Bruno L. Teixeiro presentou o programa de eventos a celebrar durante o último trimestre deste ano para facer a celebración.

03/10/18

Proxecto Neo, 235.8: Ugia Pedreira; Gena Bahamonde; Adrián Canoura; Manuel Cao

Unha representación de protagonistas da primeira emisión da oitava etapa. Na imaxe de Lucía Rivas, á esquerda da imaxe: Bernardo Penabade, Noé F. Quelle, Cristian Gómez, Alba Geada, Adrián Canoura, Alejandra Alonso, Lorena Suárez; anicados: Nuria Ramos, Sergio Alonso e Karina Parga.



Oitava etapa do programa. A maquinaria ben preparada, coa axuda de Matías Nicieza e Lucía Rivas. De novo o protagonismo de Alba, Alejandra, Cristian, Noé, Nuria e Sergio, ao mando dos micros. 
Comezamos a singradura atravesando o río Eo para irmos a Tapia de Casariego. Fixemos a navegación escoitando o "Chalaneiro" de Chouteira e a voz gravada de Ugia Pedreira levounos á conversa directa coa artista, que desta vez nos falou do método Feldenkrais para a manter unha vida saudábel ou mesmo para a mellorar se for necesario.
Despois, Gena Bahamonde falounos de teatro. A través das súas palabras repasamos o argumento de Elisa e Marcela, a obra de teatro que representa a compañía A Panadaría, e obtivemos informacións moi valiosas tanto sobre as protagonistas como sobre as propias actrices que representan eses papeis. Foi unha maneira de facer animación para asistirmos ao espectáculo.
Nos últimos quince minutos aceleramos o ritmo para poder conversar con Adrián Canoura, o cineasta que presenta tamén proxectos musicais, e con Manuel Cao, presidente do Clube Fotográfico Imaxe.

01/10/18

COMEZAMOS A OITAVA ETAPA

Cartaz da oitava etapa do programa deseñado por Lucía Rivas

Co comezo do mes de outubro iniciamos as emisións dos programas radiofónicos Proxecto Neo e Grandes Voces do Noso Mundo. Un ano máis, os nosos micros están abertos para toda a audiencia, moi especialmente para centros de ensino e asociacións culturais, veciñais ou xuvenís. 
Neste momento, a nosa radio participativa ofrece a posibilidade de facer colaboracións. Estes son algúns dos exemplos de etapas anteriores:

Para comentar estas fórmulas ou para recoller calquera outra proposta, estamos ao voso dispor tanto a través do servizo de correo como a través dos teléfonos ou das nosas redes sociais.

27/06/18

Proxecto Neo, 234.7: Lola Blázquez; Alfonso Otero Regal; Antía Yáñez



Punto final á sétima etapa. Aos mandos da nave Nuria e Alba. A primeira entrevistada unha profesora orixinaria de Murcia e asentada no Baixo Miño galego. Chámase Lola Blázquez. É da area de Pedagoxía Terapéutica e é un auténtico motor das actividades extraescolares, entre elas a radio escolar. Sintonía total.
Con Alfonso Otero Regal falamos sobre a exposición "AS Olladas de Lucía", as fotografías da nosa cronista gráfica, que se mostran ao público no complexo REgal-Xunqueira.
Nos últimos minutos conversamos con Antía Yáñez, a escritora nacida en Burela que se deu a coñecer no panorama literario coa publicación de O Misterio de Portomarín (Ed. Galaxia).

13/06/18

Proxecto Neo, 233.7: Olga López (Secretaría Xeral de Política Lingüística); Federico Fernández Ferrería, "Fico"


Despois de termos conversado con Marina Vargas e con Felisa Nchama, quixemos coñecer os materiais didácticos que facilitan a preparación das probas de certificación de coñecemento da lingua galega desde a propia casa. A profesora Olga López, da Secretaría Xeral de Politica Lingüística, presentounos esas ferramentas didácticas de grande axuda para autodidactas. 
Na segunda parte do programa, falamos con Federico Fernández Ferrería, "Fico, patrón de lanchas de pasaxe para cruzar a ría do Eo. Ademais de sobre o seu oficio, tamén falamos sobre o Clube de Remo de Castropol, unha entidade histórica que continúa fomentando o deporte desde a base.

06/06/18

Proxecto Neo, 232.7: Marina Vargas; Felisa Nchama

Marina Vargas durante unha das súas visitas a Ourense




Chámase Marina Vargas e vive en Sabadell. A súa relación co idioma galego comezou a través da música, mais en determinaIdo momento comezou a estudalo de xeito sistemático apoiándose en libros de gramática, en exercicios prácticos disponíbeis na rede e -sobre todo- na lectura de obras literarias e ensaísticas. Agora é unha neofalante exemplar.
Felisa Nchama na Culturgal (Feira das Industrias Culturais)
Igual de neofalante e igual de exemplar é Felisa Nchama, que naceu na Guinea e que chegou á nosa terra na procura dunha operación cirúrxica que lle dese luz para os seus ollos.

30/05/18

Proxecto Neo, 231.7: Especial Baio-Sas (Mario Antelo; Uxía Suárez; Eloi Costa; Paula González)





Mario Antelo xoga ao fútbol nun dos equipos da base do Baio. En certa ocasión, co propio Mario "medio derreado" por levar catro días de esmorga polo País Vasco, tiveron que ir xogar a Corme. Aínda así, só perderon 3-2 e a culpa da derrota non foi toda do defensa lateral. Non o cren? Escoiten a entrevista que lle fai Alba Geada e despois digan cal é a súa opinión sobre a credibilidade do entrevistado.

Non lonxe de Mario, estaba Uxía Suárez Santos, de Sas, que nos atendeu coa súa voz doce como se fose unha prolongación da música de Guadi. "Mudamos fronteiras por pontes" cantaba a de Cedeira e pontes de boa comunicación foron as que levantamos durante uns minutos coa nosa entrevistada. "Que é o máis importante de todo o que levas aprendido este curso na materia de Artes Escénicas?" -preguntámoslle; e respondeu: "Aprendín a falar en público -perdín o medo- e aprendín a organizar enventos". De eventos falounos despois: da Foliada Solidaria, dos Faladoiros, da Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema... Da Banda da Loba, de Guadi, de Ses, de Habelas Hainas... Magníficas actividades e magnífica cronista para Proxecto Neo.

Igual de magnífica e moi emotiva foi a entrevista con Eloi Costa, que nos falou do seu Loroño natal, do seu bisavó canteiro e da súa bisavoa gandeira, do libro de Pepe San Baña e das historias en verso que escoitou cando era pequeniño. Literatura de cordel... non no Brasil; senón aquí na nosa propia terra.

Despedimos a Eloi e pasamos a falar con Paula González, de Cabana de Bergantiños e, como xa non tíñamos moito tempo, resumimos a conversa con tres letras: S.E.S. unha xenialidade.

23/05/18

Proxecto Neo, 230.7: IES Marco de Camballón; India Stainton; Campaña Mundial pola Educación



Xabi Barros e Aleixandra Torres, do IES Marco de Camballón, compartiron con nós as vivencias da viaxe a Euskadi para participar no encontro Regueibertso.
Pola súa parte, India Stainton (de Ourol) visitounos no estudio e falounos do seu trilingüismo habitual, con uso do inglés na casa e das tres linguas na escola.
Nos minutos finais falamos con Cristina Álvarez, da Campaña Mundial pola Educación.

17/05/18

Proxecto Neo, 229.7: Amarildo Cabral; Vítor Bellas; Belém Tajes

Comezamos o programa do Día das Letras en conversa con Amarildo Cabral Balde, da Guiné-Bissau. Foi unha celebración da internacionalidade do noso idioma e un recoñemento ao grupo de whatsapp " O Galego no Mundo".
Despois conversamos con Vítor Bellas, do Bar Queiro, e con Belém Tajes, de Voodoo.

09/05/18

Proxecto Neo, 228.7: Ángeles Goás; Quique de Roxíos; Jaime Fernández



Abrimos o programa coa descuberta das narracións orais de Ángeles Goás, moitas delas ambientadas en Abadín, porta de comunicación entre a Terra Chá e a Mariña.
Quique de Roxíos desta vez falounos sobre o encontro "Ventos poéticos" celebrado en Ribadeo coa participación de Xoán Bello e do propio Quique de Roxíos (por Asturias), Olga Novo (por Galiza), Elisabete Marques (por Portugal) e a coordinación de Yolanda Castaño.
No último cuarto do programa, falamos con Jaime Fernández, poeta de Moncelos (Abadín) que nos fixo unha valoración sobre a súa participación no encontro "Mondoñedo é poesía" e que nos recitou un poema-homenaxe a Manuel María.

02/05/18

Proxecto Neo, 227.7: Mondoñedo é Poesía


Dedicamos o programa 227 ao encontro Mondoñedo é Poesía, unha das iniciativas máis orixinais da cultura galega emerxente desde a base popular.
Inicialmente, conversamos con Xulio Rodríguez Leiras, que nos fixo de cronista do encontro e que nos levou da man polas rúas e prazas mindonienses e nos presentou as actividades realizadas en cada unha das paradas.
Na parte central do programa conversamos con tres poetas: Chema Merino, Iria Rivas e Carme Pavón. 
Coas palabras de Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo, despedidos esta nova entrega de Proxecto Neo.

25/04/18

Proxecto Neo, 226.7: Gabriel André; Ana Manso (Univ. Extremad.); Elsa González (IES Val de Xálima); A. Canoura; Espiño





Comezamos o programa celebrando o 25 de abril en conversa con Gabriel André, profesor da Universidade Nova de Lisboa. Aproveitamos para coñecer o programa de actos conmemorativos do Día da Liberdade e, ao mesmo tempo, adiantamos a previsión de eventos a celebrar en Lisboa durante o mes das letras galegas.
A profesora Ana Manso presentounos o panorama lingüístico do Val de Xálima, un tema sobre o que prepara a súa tese de doutoramento.

18/04/18

Proxecto Neo, 225.7: Especial IES Terra de Xallas; Paulo Fernández Mirás





Coñecemos a oferta educativa do IES Terra de Xallas a través da información que nos ofreceron dúas alumnas do segundo curso de ESO, Valeria Amarelle Capelo e María Blanco Mariño.
Apoiados nestas dúas mozas moi dinámicas, puidemos facer tamén entrevistas a outras dúas mozas estudantes no mesmo centro e ambas destacadas en actividades lúdico-deportivas: a hípica e a danza. Ana Sueiro presentounos o Clube Haras de Compostela e falounos da súa experiencia na equitación. Outro tanto fixo Ainhoa González, que practica Caribbean Show Dance na asociación Arte e Movemento de Cee.
Pola súa parte, José Manuel Vázquez (Técnico de Xuventude do Concello de Santa Comba) falounos da estreita colaboración entre o departamento municipal en que traballa e o Instituto Terra de Xallas, unha colaboración que se manifestou unha vez máis no intercambio educativo que une estes dous institutos.
A profesora Ana Belén López, coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística, agradeceu a participación do alumnado nesta experiencia radiofónica.
Nos minutos finais, recibimos a felicitación poética dos Gatiños dos Castros e démoslle difusión á crónica que sobre actividades dedicadas a Ricardo Carvalho Calero nos fixo o noso colaborador Paulo Fernández Mirás.

11/04/18

Proxecto Neo, 224.7: Juan Carlos G. Hoyuelos; Miruca Parga; Paulo F. Mirás; María G. Jartín; Luzia Oca




O poeta burgalés Juan Carlos García Hoyuelos presentounos o seu libro Aire, fuego y deseo (que está acompañado dun disco con 25 poemas recitados ou musicados no conxunto dos idiomas peninsulares). Aproveitou a ocasión para dar a coñecer a súa presentación na cidade da Coruña (19-IV-2018), baixo a organización da Asociación Alexandre Bóveda.
A profesora Miruca Parga, do ENL do Instituto Perdouro, falounos sobre a situación lingüística no Val de Xálima (en Cáceres).
Paulo Fernández Mirás fíxonos crónica do desenvolvemento do Seminario dedicado ao Binormativismo na Faculdade de Filoloxía da Universidade da Coruña, un envento en que participaron os profesores Xosé Ramón Freixeiro Mato (da UdC) e Eduardo Maragoto (da EOI de Santiago de Compostela).
MAría G. JArtín fíxonos partícipes das actividades divulgativas organizadas en Meira e Riotorto para pedir un Día das Letras para o escritor Avelino Díaz.

04/04/18

Proxecto Neo, 223.7: Xoán Piñón (DOA); Paulo F. Mirás; Pablo Quintana (Ed. Canela); Nilda Borges




Con Xoán Piñón celebramos o 40º aniversario de DOA sobre os palcos musicais. Coñecemos a data de creación do grupo, os seus primeiros integrantes e incluso o sistema de escolla do nome. Despois falamos de todos os discos, con especial destaque para o primeiro (O son da estrela escura) e o máis recente (A fronda dos cervos).
Con Paulo F. Mirás, da Faculdade de Filoloxía da Universidade da Coruña, falamos sobre a convocatoria do Seminario "Binormativismo na Galiza" a celebrar naquel centro de ensino con intervención de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Eduardo S. Maragoto.
Pablo Quintana presentounos a Editorial Canela e fíxonos crónica dos actos literarios celebrados en Boal e no Franco arredor da máis recente publicación do seu catálogo: Personaxe descoñecido (de Quique de Roxíos).
Nos últimos minutos recibimos a visita de Nilda Borges, que nos fixo unha valoración dos obradoiros de diversidade coordinados por Antoinette Torres Soler e coorganizados polo Concello de Burela en colaboración cos Institutos Monte Castelo e Perdouro; co Observatorio da Mariña pola Igualdade e Afrogalegas.

21/03/18

Proxecto Neo, 222.7: Especial 222. Educación en rede co CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal



O 222 é un programa de Educación en rede entre dous centros educativos: un de Burela, na Mariña do Cantábrico; e o outro do Baixo-Miño.
O alumnado de ambos os centros coñeceuse a través das ondas. Dun lado as preguntas e do outro as respostas. Todo con moito dinamismo. Con rigor, mais tamén con moito humor.

14/03/18

Proxecto Neo, 221.7: Virxinia Cal: Ramón Blanco; Xosé Tomás; Edilson Sanches




A profesora Virxinia Cal fíxonos crónica da Xornada Cultural dedicada a Frei Martín Sarmiento en Vila-Franca. O evento comezou cun encontro do alumnado de ensino secundario, continuou cun espectáculo teatral de Paco Nogueiras dirixido ao público infantil e tivo tamén unha parte institucional protagonizada por representacións políticas da Xunta de Galicia e da Junta de Castela-León. Durante a xornada foi presentado o premio Fernández Morales de debuxo e creación literaria destinado aos 1.100 alumnos e alumnas que estudan a lingua galega nos centros educativos bercianos.
O escritor Ramón Blanco colaborou con nós e fíxonos animación á lectura de "Se pedra na brétema" un poemario publicado recentemente e que en 2016 fora distinguido co Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.
O profesor e artista plástico Xosé Tomás atendeunos desde o CPI do Rosal e fíxonos de guía turístico a través das ondas.
Nos minutos finais falamos con Edilson Sanches Tavares, o colaborador de Marco Pereira no programa Grandes Voces do Noso Mundo.

07/03/18

Proxecto Neo, 220.7: Especial 8 de Marzo: Olga Brañas; María, Aida e Pilar; Karina Parga


Desde Ourense atende a nosa chamada Olga Brañas, historiadora, compositora e intérpre musical. De todos eses temas falamos con ela e, ademais, tamén conversamos sobre lingua e sociedade. Na segunda parte do programa fixemos un Especial 8 de Marzo, con María, Aida e Pilar, alumnas dos institutos de Burela. Tamén contactamos con Karina Parga para saber como se vive esta xornada desde o ámbito docente. 

María, Aida e Pilar (Foto tomada por Lucía Rivas)

EU NON SON NEOFALANTE
(Tomado do Sermos Galiza)

Olga Brañas
(pianista, crítica musical, pandereteira e feminista)

É curioso, a maioría de xente que me coñece pensa que son neofalante. Certo é que na fala (e nas publicacións de facebook, que vén sendo o mesmo) tendo a castelanizar toda palabra que se me pon por diante, pero a miña impresión é a contraria: as persoas neofalantes teñen un vocabulario moito máis normativo -chamémoslle correcto- que as que temos o galego como lingua materna. Estou xeralizando, por suposto. 

Eu son de Ourense. Ourense cidade. Nin sequera das aforas. Ourense, Ourense. Cando ía ao súper coa miña nai, que imaxino que lle diría as típicas paridas como “Mamá, cómprasme este chocolate? Gústame moito”, as señoras (si, señoras, porque nos ’80 poucos homes se vían no súper, e hoxe tres cuartos do mesmo) calificábanme como graciosa. Que graciosa era eu, falando esa lingua tan estranxeira e exótica: o galego na Galiza!  

Pouco despois comecei o cole. Alí aprendín que naquel sitio se falaba un idioma que eu xa entendía porque llo escoitaba ás persoas que non eran da miña familia: o castelán. Compañeiras, compañeiros, profesoras e profesores. Alí falábase español ao 100% e eu tiña que falalo tamén, porque non escoitara a ninguén expresarse na lingua que eu aprendera. Así que como boa nena, uninme como unha ovelliña a aquel bilingüismo harmónico e puxen o meu graíño de area para deixar morrer o meu idioma. O galego reservábao para a familia e para quen se dirixía a min en galego. O castelán para a escola e para o resto da miña vida social. 

Ourense! Esta cidade preciosa pero chea de galegofobia, que renega da súa “exótica” lingua. Na que a Gonzalo Jácome le sale el gallego cuando ha bebido ou na que morren tres personas y un portugués. Na que teño que pedir até tres veces o café con leite e xeo e á terceira xa digo hielo. Aínda así, téñolle bo cariño a Ourense: a Praza de San Martiño está a tope nos concertos porque a xente mola moito e responde, temos unha boa tradición artística e a área de cultura do concello é impecable e sigue contratando a artistas que fan o seu espectáculo en galego. E Jácome cáeme moi ben, que todas temos defectos. 

Antes de chegar á adolescencia, o meu entorno ourensán xa me fixera comprender que o que sucedía non era que na escola non se puidese falar o galego fóra da materia de Lingua, senón que iso era de xente menor. E así, uníndome ao cosmopaletismo imperante (que xa bastante bullying me facían cando sacaba unha boa nota, cando meu pai me viña buscar para levarme ao conservatorio ou por calquera outra memez), cando timbraba para entrar na casa e miña nai preguntaba “quen é?” en vez de contestar “son eu”, dicía “abre”. Non fora ser que pasase alguén pola rúa e descubrise que a miña familia era rústico-encuberta en terreo ourensán e que eu sabía falar esa cousa

Dicía un amigo, Xose, que cando alguén fala galego porque “pobriño, non sabe falar outra cousa, non dá para máis”, non senta mal. Pero que cando unha persoa cun mínimo de formación decide falalo, levanta moitos malos sentimentos. 

E así foi como cheguei a facer a carreira en Santiago e fun á manifestación por aquel famoso decreto. O marabilloso decreto, o trilingüismo harmónico, non é? E despois de toda unha vida sendo bilingüe (real, bilingüe real), asusteime e decateime de que non bastaba con falar galego coa familia e con quen mo falaba. Que non quería ser eu quen contribuíse á morte do noso idioma, da máxima expresión da nosa rica cultura. Así que decidín non volver ter unha conversa en castelán. Polo menos na Galiza. 

Fixen todas as exposicións, exames e traballos da carreira en galego, enfrontándome a peticións de compañeiras e compañeiros como te importaría hablar en castellano para que te entienda mejor? contestando cun rotundo non e seguindo. Síntoo moito, pero unha vez comprometida, xa non ía dar marcha atrás. No ámbito social foi aínda moito máis difícil. Moitas amigas e amigos que sabían de sobra que eu falaba galego na casa soltaron comentarios do tipo jaja ¿qué haces hablando gallego?  ou que a mí no me hables el gallego, que lo hablas como muy del que se habla en la escuela, hablas raro y se nota que no es natural, solo deberían hablarlo los de los pueblos, que ellos saben. Nótése todo o prexuízo que ten sobre todo esta última frase. Nin que dicir ten que co tempo só quedaron na miña vida quenes tomaron a miña falsa transición, que só consistiu en deixar de falar un idioma, con naturalidade e sen atacarme. 

Unha vez fun tomar algo cunha cantante que acababa de entrar nun dos grupos onde toco. Cando viu que estaba nun grupo folk no que case todo o mundo falaba en galego, comezou a falar tamén en galego con nós. Estabamos sentadas nunha terraza, no parque de San Lázaro. O camarero coñecíaa e púxose a falar con ela, con varios pretéritos perfectos fermosísimos  como ¿lo vistes? e varios imperativos deliciosos con erre pedirme la consumición cuando queráis. Cando a rapaza se dirixiu a min, “Olga, ti que queres tomar? Eu vou pedir unha coca-cola”, el comezou a rirse na súa cara, preguntándolle que facía falando galego, se non o sabía falar. Que non o sabe falar? Considero que ela fala mil veces mellor o galego que este tío o castelán. Se Galicia Bilingüe quere o teléfono deste elemento para contratalo de asesor, que me escriban por privado, que llelo consigo. 

Se este tipo de escarnios sociais lle pasan a unha persoa coma min, que non tiña ningunha inseguridade na miña fluidez co galego por ser a miña lingua materna, ou a esta cantante, que simplemente se dirixiu a min en galego pero fala castelán con case todo o mundo… Que será entón das persoas que decidan ser neofalantes e monolingües? Canta merda terán que aturar? Sabede que nunca seremos xs que falamos galego quen vos xulguemos. 

A min paréceme perfecto que cadaquén fale o que lle pete, pero non confundamos as cousas, porque non é o galego o idioma que “impoñen” en Galicia, non. Se así fose, e parafraseando ao noso presidentísimo, o saberiamos falar e o saberiamos escribir perfectamente. 

28/02/18

Proxecto Neo, 219.7: Marina G. Mariñas; Daniel de Nois; Rodrigo Vázquez



A galego-berciana Marina G. Mariñas, traballadora da Sanidade no Hospital Santiago Apóstol de Miranda de Ebro atendeu a nosa chamada para falarnos sobre o seu proceso de incorporación á cultura galega. Ademais de evocar para nós as súas vivencias no Preescolar na Casa, fíxonos animación á lectura das obras literarias de Manuel Rivas e de Teresa Moure.
O actor Daniel de Nois falounos da súa experiencia formativa en CasaHamlet, na Coruña.
Rodrigo Vázquez, presentador da TVG, convocou a nosa audiencia a participar no proceso de selección de concursantes para o programa Ti Verás.

21/02/18

Proxecto Neo, 218.7: Margarita González (Amnistía Internacional); Gustavo Pedraza (exilado); S. Ferragud (Xardín Desordenado); Libraría Bahía




Aproveitamos o programa para lle transmitir os parabéns à presidenta de Amnistía Internacional-Coruña polo 30º aniversario de existencia desta organización na cidade Herculina. Despois falamos sobre o funcionamento da ONG e das posibilidades de colaboración que ofrece.
Gustavo Pedraza evocou para nós a figura do seu irmán Carlos, secuestrado, torturado e asasinado no seu propio país.
Santiago Ferragud presentounos o grupo musical Xardín Desordenado, que reúne nos deus discos o mellor da poesía galega e que a interpreta a ritmo de jazz e blues.
Cielo Fernández, da Libraría Bahía de Foz, fíxonos partícipes da campaña solidaria Unha Saca e unha Taza chea de vida. 
Obviamente, finalizamos o programa coa música de Guadi.

14/02/18

Proxecto Neo, 217.7: Abel García (Radio Kalimera); Roberto Febrero; Fátima Fathallah

Imaxe do Equipo Diplomático de Negreira. O alumnado do IES Xulián Magariños de Negreira foi o gañador
da liga galega de debate nas convocatorias dos cursos 2015-2016 e 2016-2017. Fátima Fathallah participou en tres
convocatorias consecutivas. 





Abel García, en representación de Radio Kalimera, presentounos o seu programa musical Pementa Preta, dedicado á música de jazz e aos ritmos procedentes do continente africano e levados polos emigrantes a América e Europa.
Roberto Febrero, alumno do IES Monte Castelo de Burela, falounos da súa paixón polo deporte e pola comunicación radiofónica.
Xa na última parte do programa, falamos con Fátima Fathallah, que nos atendeu desde Negreira.


07/02/18

Proxecto Neo, 216.7: Ovidio Leiva Baspino; Ángeles Lombardía (Mans Unidas)




Ovidio Leiva Baspino é escritor. Nacido en Baiona, criouse entre Ferrol e Sanlúcar de Barrameda. Despois percorreu medio mundo, antes de regresar ao Baixo Miño. Los acabados é o título da triloxía que nos presentou e que recolle estas novelas: Andrajos, La babosa e Manuscrito al margen.
Na segunda parte do programa falamos coa profesora Ángeles Lombardía, que nos falou en representación de Mans Unidas. Ademais de falarmos da campaña anual contra a fame, tamén aproveitamos a ocasión para coñecer o funcionamento desta ONG.

31/01/18

Proxecto Neo, 215.7: Alejandro Álvarez Ferraud; Begoña Raposo; Artemisa Semedo da Moura; Roi Cagiao




Abrimos o programa coa entrevista ao filólogo salmantino Alejandro Álvarez Fernaud, profesor de Latín e Grego en León. Con el falamos sobre o seu estudo da Lingua e Cultura galegas no tempo en que exerceu a docencia en Toreno (na comarca berciana). 
A profesora Begoña Raposo (do IES Monte Castelo) falounos sobre as boas relacións entre as Matemáticas, a Lingüística e a Literatura. Ela mesma, en calidade de docente da TIC, promove ese bon relacionamento co seu alumnado co que prepara programas radiofónicos.
A escritora e socióloga Artemisa Semedo da Moura presentounos a revista dos Contos Estraños, en cuxo número 11 se publicou unha colaboración literaria da súa autoría. Incidindo nas actividades de formación, puxo de manifesto o privilexio que lle supuxo ter sido discípula de Estíbaliz Espinosa e de Antía Otero.
Nos minutos finais falamos de novo con Roi Cagiao, o director de Vigo 1972, o audiovisual que fai análise do movemento obreiro na cidade olívica durante os derradeiros anos do franquismo.

24/01/18

Proxecto Neo, 214.7: Fadoua el Hidam; Espazo Foresta; Manuel G. Prieto




Fadoua el Hidam completou o Ensino Secundario Obrigatorio no Instituto Fonmiñá da Pastoriza e realiza os de Bacharelato no Pedregal de Irimia en Meira. Con ela falamos sobre o premio ao esforzo e a superación persoal que lle outorgou a Consellería de Educación.
Con Noa Fernández coñecemos unha exposición fotográfica dedicada á Campaña Mundial pola Educación e a seguir falamos sobre a oferta educativa do Espazo Foresta.
Pola súa parte, o poeta Manuel González Prieto presentounos o seu poemario titulado A profecía e o xogo de espellos.

17/01/18

Proxecto Neo, 213.7: Pablo Álvarez Ramos; Alba Geada; Sergio Pascual (Laboratorio de Radio); Lucas Requeijo (Ultralimento); Marco Pereira




"Testamentos e herdanzas" é o título do relatorio que elaborou o avogado Pablo Álvarez Ramos para a asociación Burela Dinámica. En Proxecto Neo coñecemos un adianto do seu contido.
Pouco despois falamos con Alba Geada en calidade de gañadora do Xº Campionato Galego dunha das modalidades de Artes Marciais, o Nihon Taijitsu.
Sergio Pascual presentounos o Laboratorio de Radio, non só no referente a todo o relacionado cos centros de ensino; tamén nos falou do seu papel dinamizador entre as persoas da terceira idade.
Pola súa parte, o viveirés Lucas Requeijo falounos dos obradoiros que Ultralimento propón para centros escolares, familias e asociacións veciñais.
Nos minutos finais, Marco Pereira Oliveira presentou a nova etapa de Grandes Voces do Noso Mundo, o programa musical emitido en Radio Burela todos os venres, entre as 7 e as 8 da tarde.

10/01/18

Proxecto Neo, 212.7: Moreninhas; Rosa Sallent; Carmen Vidal Santín



Abrimos o programa coa presentación das Moreninhas. Raquel, Érica e Eliane estiveron no estudio de Radio Burela para presentar as súas músicas e para comentar as actuacións que realizaron no auditorio de Burela e no Luar da TVG.
Rosa Sallent falounos primeiro das súas fotografías e da exposición itinerante que percorreu Ferrolterra e o Ortegal. Inmediatamente despois conversamos sobre literatura, con motivo da publicación do seu libro titulado El amor y otras miserias.
Desde Ponferrada atendeunos Carmen Vidal Santín, traballadora da Sanidade, que nos falou da súa experiencia de estudar Lingua e Literatura Galegas na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.