Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.
Mostrar mensagens com a etiqueta Sheherezade. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Sheherezade. Mostrar todas as mensagens

27/02/13

Proxecto Neo nº 45.2: Sheherezade + José Martínez-Romero Gandos

No programa 45.2 tocou resolver unhas adiviñas que lanzamos polo noso Facebook. Agora este é o espazo para as respostas. 
Como preámbulo, falamos con Sheherezade. A ritmo de merengue coñecemos esta moza de orixe dominicana, que estuda 4º de ESO no CPI Castro Baxoi de Miño. Tal como fixera o seu colega Lukas, Sherezade falounos moi fluidamente, con brillantez. A súa intervención merece os parabéns tanto para a protagonista como para o profesorado do centro e o conxunto da comunidade educativa. Polas súas palabras coñecemos o "pelotón lingüístico" coordinado pola profesora Begoña Martín e soubemos que un dos obxectivos é  "enganchar con actividades divertidas e atrevidas" como as "tarxetas Toc Toc". Noutra ocasión profundizaremos máis nesas iniciativas pedagóxicas.
En plena circulación do programa, incorporamos outro viaxeiro: José Martínez-Romero Gandos. Fillo de emigrantes de Terra de Montes, naceu na República Arxentina. Na capital federal participou na vida cultural galega entre 1960 e a data do retorno (en 2002). Doutor en Psicoloxía, foi docente na Universidade bonaerense e actualmente vive na Coruña, onde está especializado en atención a inmigrantes e a mulleres vítimas de violencia doméstica.
Co Dr. Romero Gandos falamos demoradamente sobre a primeira cerimonia nupcial realizada en idioma galego na etapa contemporánea. Recordamos un día de xullo de 1967, cando o noso entrevistado e a súa prometida, Dna. Pilar Jeremias Cela, fixeron o que até aquela altura era "o nunca visto".