Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

27/06/19

Proxecto Neo, 269.8: Alba Fernández (A Sacabeira-Sargadelos); Brais Costas Fragueiro; Dr. José Martínez-Romero; Adela Figueroa



Alba Fernández presentounos o Café Cultural A Sacabeira, situado na zona das vellas fábricas de Sargadelos. Falounos da decoración e do programa de actividades culturais entre as que están as exposicións de pintura e fotografía, as presentacións de libros e os espectáculos de música e teatro.
Neste programa tamén coñecemos o estudante Brais Costas Fragueiro, que alcanzou a máxima cualificación (13'94) nas probas de acceso á universidade celebradas hai dúas semanas. Durante a conversa soubemos que no próximo curso estudará Filoloxía Galega na Universidade de Santiago.
Co Dr. José Martínez-Romero falamos sobre a cerimonia do seu casamento, celebrado en Buenos Aires un 7 de xullo de 1967, pouco despois do Concilio Vaticano IIº (que abriu as portas á pluralidade lingüística).
Nos minutos finais conversamos coa escritora Adela Figueroa Panisse, representante da literatura galega no Encontro de Escritores e Escritoras dos países de raíz galega celebrado recentemente en Cabo Verde.

20/06/19

Proxecto Neo, 268.8: Gabriela Pedre Lastra; Irene Basanta Díaz; Miruca Parga; Territorio Verde









Programa en que se fala e se canta regueifas. Programa en que se fala de premios gañados por traballos sobre a obra da escritora Antía Yáñez. Programa de homenaxe aos 25 anos da revista Maruxía. Todo isto e aínda máis, como por exemplo a iniciativa de Territorio Verde.

12/06/19

Proxecto Neo, 267.8: Cándido Cosme Pichel; O salto e Sotaques; Vítor Lourenço (Casino de Carballo)



Con Cándido Cosme Pichel, do Restaurante Victoria, de Forcarei, falamos de produtos de proximidade, de gastronomía e tamén de publicidade.
A través da entrevista con Elena Martín Lores e Pablo Santiago, coñecemos o xornal O Salto (antes Diagonal) e a serie audiovisual Sotaques.
Nos minutos finais falamos con Vítor Lourenço sobre a recuperación social e patrimonial do Casino 1889 de Carballo.

06/06/19

Proxecto Neo, 266.8: Kalee Rose Prendesgarst; Lola Tourón; J. M. Iglesias (Carballo Vivo)




En 2014 Kalee Rose Prendesgarst entrou na nosa terra e a nosa terra e a nosa cultura entraron na esencia de Kalee Rose, que mesmo pasou a ser Katuxa.
A paisaxe, a gastronomía, as festas, a lingua e a literatura na nazón de Breogán pasaron a estar presentes na súa vida diaria e neste momento participa en seráns e foliadas, toca a gaita e mesmo aprendeu o baile tradicional na escola provincial de danzas da Deputación de Ourense.
Na segunda entrevistas falamos con Lola Tourón Río, que naceu nunha data moi sinalada -un 25 de abril- en Carqueixeda, nas terras de Samos; estudou na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón en Lugo; e dedícase ao artesanato como Mestra de Cestería.
No último terzo falamos de dinamización cultural e económica das terras de Friol. O interlocutor foi José Manuel Iglesias, da Asociación Carballo Vivo.